Mondoñedo, 26 de novembro de 2018.- A Xunta de Galicia está ultimando a obra de substitución da drenaxe transversal que canaliza o Rego da Couboeira baixo a estrada LU-160, en concreto no punto quilométrico 6,000 desta vía que une Mondoñedo con Ferreira do Valadouro.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste 174.100 euros nesta actuación, que “era necesaria para garantir a integridade estrutural da estrada, mellorando a capacidade de desaugue e, en definitiva, a seguridade para os usuarios”.
A obra de drenaxe está rematada e actualmente estanse realizando os traballos complementarios de reposición do pavimento, sinalización e barreiras de seguridade, que finalizarán nos vindeiros días. Os traballos desenvolvéronse durante os últimos dous meses e obrigaron a habilitar desvíos alternativos para o tráfico dado que foi preciso abrir a estrada e desviar temporalmente o canle do rego.
A estrada contaba neste punto cunha obra de drenaxe de case 36 metros de lonxitude en chapa de aceiro galvanizada, pero presentaba problemas de corrosión que xa nalgunha ocasión obrigaran a realizar reparacións na plataforma.
Para evitar que se reproduza a situación, a nova drenaxe construíuse en formigón e axustada á pendente natural da canle, co que reduce a erosión. No seu deseño tivéronse en conta os caudais de avenida do rego nese punto en diferentes períodos, para poder comprobar a capacidade hidráulica da obra a executar.