Burela, 25 de xaneiro de 2019. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, fai un balance moi positivo do paso da comarca por Fitur. Llano asistiu esta mañá ao acto de Galicia e mantivo un encontro co cónsul de Cabo Verde, Francisco Canaval, e con outras autoridades dese país.
O presidente da Mancomunidade declarou que “onte falei con moita xente, tanto profesionais de touroperadores como xornalistas especialistas en turismo. Estivemos en varias presentacións tanto da provincia de Lugo, a través da Deputación, como da Semana Santa de Viveiro e da Mariña”.
Alfredo Llano lembrou que “tamén aproveitei para falar co ministro de Pesca, que estivo nun acto, e convideino a Expomar para que participara o Ministerio dalgunha maneira, se pode vir o ministro sería unha honra e senón que participe alguén para dar unha conferencia nas Xornadas Técnicas”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña contou que “falei con varias persoas ligadas a institucións e ao turismo. Tivemos alí moitas conversas para promocionar o que é A Mariña. Hai xente que nos vai visitar na propia Mariña para xerar unha conexión e tratar de promocionar e incluso presentar algo novidoso, algo que lles vai ben aos promotores para ter A Mariña como referencia. Onte foi un día intenso”.
Llano relatou que “hoxe foi a presentación do turismo galego, polo tanto estivo o presidente da Xunta e estivemos con el. Foi unha presentación global e xeral do que é a achega turística que fai Galicia para o mundo, para que veña xente. Fíxose fincapé sobre todo no Camiño de Santiago sexa cal sexa a vertente, que a nosoutros tamén nos afecta polo Camiño Norte. Ademais estivemos falando con caborverdianos, con xente que veu ao noso stand, co cónsul de Cabo Verde, Francisco Canaval, e tamén co embaixador sobre a colonia caboverdiana tanto en Burela como na Mariña”.
A Mariña protagonizou un dos actos que se desenvolveron onte no stand de Galicia en Fitur. Alí presentouse o vídeo realizado por Vagalume Audiovisual no marco do convenio firmado coa Axencia de Turismo de Galicia que se fixo para a ocasión e no que dunha forma dinámica se mostraron os atractivos turísticos da Mariña Lucense: o Camiño Norte de Santiago e o Camiño Natural Ruta do Cantábrico, a natureza e as incribles paisaxes, os deportes náuticos, o sendeirismo, o trail ou a bici de montaña, a gastronomía, o patrimonio cultural, o xeoturismo, as festas e festivais, as praias e costa, a cultura mariñeira ou a artesanía.
Nese acto Alfredo Llano destacou a autenticidade, diversidade e hospitalidade deste destino turístico e fixo un recorrido polo diferentes e principais atractivos tutísticos, falou tamén das audioguías ficcionadas de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo, das Rutas de Artesanía, da cantidade de festas de interese turístico da comarca así como do Resurrection Fest como festival de interese internacional, da riquísima gastronomía ou das visitas guiadas ás lonxas de Celeiro e Burela.
A Mancomunidade en Fitur seguiu mantendo hoxe reunións con catro operadores turísticos co obxectivo de mellorar a presenza do destino e de que inclúan A Mariña Lucense entre a súa oferta, ademais de presentarlles toda a variedade de recursos, produtos e servizos turísticos do xeodestino.
