Ribadeo, 23 de xaneiro de 2019. No pleno ordinario celebrado onte no Concello foi aprobado o orzamento municipal para 2019 que ascende a máis de 9 millóns de euros. O presuposto contou cos votos favorables do BNG e do PP e a abstención de PSOE e Ciudadanos. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou a importante partida destinada a gasto social así como os investimentos a realizar en rúas periféricas e tamén no campo de fútbol Pepe Barrera. E dixo que o orzamento de 2019 é un pouco máis baixo que o do ano pasado, debido á baixada do 16% que se producirá no IBI, tal e como se comprometeu no seu día o equipo de goberno.
Suárez Barcia relatou que “foi un pleno moi interesante pola cantidade de asuntos a tratar aínda que, sen dúbida, o máis importante é o orzamento para 2019, que supera un pouquiño os 9.200.000 euros, que baixa algo con respecto ao ano anterior, case 300.000 euros, pero que cumpre a estabilidade e tamén os principios da regra de gasto, que é moi importante. A baixada neste ano vén sobre todo derivada do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ou contribución porque hai unha baixada duns 300.000 euros debido a que, tal e como dixemos, para este ano vamos baixar o 16 por cento a recadación deste tributo tan importante, tal e como advertíamos xa en acordos plenarios anteriores, porque desde o goberno municipal non queríamos que a contribución de urbana nin de rústica subira. E como o ano pasado foi inevitable que si o fixera este ano a baixada é dobre, do 16 por cento”.
O rexedor ribadense contou que “con todo e a pesares desta baixada, temos un gasto social moi importante. Este é o ano que temos que licitar o Servizo de Axuda no Fogar, no que ten que ver coa dependencia; temos que licitalo polo total e vai ser unha cantidade de diñeiro moi importante. E tamén temos consignada a achega municipal para o funcionamento da nova residencia de maiores, que temos que transferirlle á Deputación estes recursos. Ao mesmo tempo tempos uns investimentos reais moi importantes, de máis de 1 millón de euros, concretamente 1.200.000 euros, para facer fronte aos grandes retos do Concello, tanto de rúas na vila como de camiños nas parroquias. E agora podemos empezar a afrontar os investimentos nas rúas que eran periféricas e que quedaban un pouco á marxe”.
Fernando Suárez manifestou que “e ao mesmo tempo, se o ano 2018 se salda con superávit, todos eses remanentes tamén se poderán incorporar para seguir investindo e actuando, tanto na vila como nas parroquias. Ese é o principal criterio que temos desde o goberno municipal e si ben un mira para atrás e ve que no pasado a situación económica era mala e os déficits eran importantes, xa desde hai anos fomos estabilizando e cumprindo e agora temos unha situación saneada que nos permite actuar en cousas. Tamén contemplamos unha partida de 50.000 euros, máis a redacción do proxecto, para o campo de fútbol e confiamos que esas boas palabras, que tanto representantes da Xunta, a nivel oficioso, como da Deputación, tamén ao mesmo nivel, se comprometeron a poñer os recursos necesarios; pola parte do Concello temos todos os deberes feitos e agora esperamos que por parte deles as palabras oficiosas se convertan en oficiais para que se poida licitar toda esta infraestrutura e que despois de acabar a temporada deportiva, xa na época estival, se poidan acometer as obras de renovación da drenaxe e da superficie do Pepe Barrera, así como da súa iluminación”.
Rehabilitacións
Para o alcalde “outro punto importante foi aprobar as bases da convocatoria das subvencións para os cascos vellos da vila de Ribadeo e de Rinlo, dentro deste plan Vivenda 2018-2021 que asinamos co Ministerio e coa Xunta de Galicia. Somos dos poucos concellos, por non dicir o único, que coa nosa poboación temos uns investimentos moi importantes, homologables ou incluso superiores por exemplo á cidade de Lugo, que é a capital da provincia e que multiplica por dez a poboación con respecto a Ribadeo. Pero todas estas actuacións que levamos facendo desde o goberno municipal apelando á rehabilitación con diferentes estratexias están dando resultado, tanto que agora temos bastante diñeiro para aproveitar en rehabilitación de vivenda privada como tamén, derivado disto, en actuacións en espazos públicos. Polo tanto acabamos de aprobar as bases e unha vez que se publiquen deixamos uns prazos moi amplos para que a xente poida pedir a subvención para rehabilitar a súa vivenda: vamos dar un prazo de 6 meses e para máis información na oficina do ARI pode todo o mundo vir consultalo telematicamente ou en persoa, para que os técnicos lles expliquen que poden facer e o que non”.
Senda peonil
Na sesión plenaria de onte “tamén aprobamos definitivamente o proxecto de expropiación forzosa para a restauración de hábitats naturais no sendeiro peonil. Con este programa europeo no que nos metemos, xunto coas Universidades de Santiago e de Oviedo, para seguir avanzando na substitución da vexetación de eucaliptos por frondosas na marxe da ría de Ribadeo; continuar o que no se momento chegamos ata o muíño de mareas das Aceas e agora pretendemos facelo nun treito máis, xustamente para chegar a tocar a antiga vía do tren mineiro de Ribadeo a Vilaoudriz, para o que era necesario aprobar definitivamente este proxecto e así envialo á Xunta de Galicia e que nos aprobe a urxente ocupación. Tamén foi unanimemente aprobado este asunto”.
Pediatría
Suárez Barcia engadiu que “se tramitou, defendeuse e votouse, ademais unánime, o cal é moi importante, unha moción de urxencia para a cobertura de pediatría, non no concello de Ribadeo senón neste caso por solidariedade cos nosos irmáns dos concellos próximos de Barreiros, Mondoñedo e Lourenzá, porque hai un dito que é Cando as barbas do teu veciño vexas cortar pon as túas a remollar e eles teñen problema co pediatra, Ribadeo hai anos tamén estivo con este problema, pero as circunstancias da sanidade pública na precariedade que estes gobernos do PP a deixaron fai que agora eles teñan o problema pero se cadra mañá, por calquera circunstancia, pode pasar en Ribadeo. Polo tanto a Corporación de maneira unánime votou unha moción presentada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública para demandar da Xunta a cobertura de maneira completa e continua do servizo de pediatría nestes concellos”.
























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



