Foz 23-3-19. Diante dunha nova posta en escea do PP de Foz fachendeando na tardía presentación dos orzamentos, o BNG de Foz quere mostrar aos cidadáns unha vez máis a versión real da situación económico-financieira do Concello, lamentablemente lonxe do autobombo do PP. A experiencia cos pasados orzamentos, amosan unhas contas públicas que, lonxe de dar resposta ás demandas e aos problemas dos veciños e das veciñas do noso Concello, non presentaron solucións para os grandes temas que afectan a Foz. E por riba, mais unha vez volven ser orzamentos moi tardíos. Como marca a lei o orzamento aprobado pola corporación debería realizarse antes do 31 de decembro do ano anterior ao exercizo en que deba aplicarse, mais o PP de Foz salta norma por norma. Durante toda a lexislatura todos os orzamentos foron aprobados con máis de tres meses de retraso e nun record absoluto, o pasado ano 2018 aprobáronse no mes de xuño, un alarde de incompetencia.
O máis esperpéntico se fora posible, como nos últimos anos, é atoparnos diante dunhas contas falseadas, con moitas actuacións que non serían executábeis e que rematarían por engordar aínda máis a débeda do Concello. Sí, a enorme débeda que sí ten o Concello, como leva acontecendo ao longo de toda a lexislatura.
Os veciños deben coñecer que o Concello de Foz presenta unhas contas proprias dun photoshop. Retoques e enxeñeria contable para cadrar unhas contas que non saen, non poden sair por que non van a cadrar os supostos ingresos que aparentemente permitirían facer os supostos gastos.
Para os retocadores do PP, as partidas de ingresos acostuman a figurar engordadas en preto dun 100% co obxectivo de garantir a nivelación orzamentaria, cando un e outro ano unha boa parte dos ingresos que eran de dubidoso cobro e que figuran nos orzamentos, son imposíbeis de recadar por ter prescrito os seus prazos legais. Tamén é práctica deste photoshop orzamentario, aumentar a contía do diñeiro a ingresar por diversos tributos, moi por riba do que sinalan as diversas liquidacións orzamentarias de exercicios anteriores.
O que o grupo do PP considera remanente ao longo deste mandato, amosa a incapacidade de xestión popular, tanto á hora de executar os orzamentos, cunha parte importante de partidas que non son gastadas, como na xestión do mesmo, até o punto de que a propia Xunta de Galiza fixo en 2018 (hai 6 meses cando se presentaron os orzamentos, lembremos o retraso vergoñento deste feito) un requirimento por valor de 548.421€. De feito existe unha intervención de facto por parte de Facenda nos orzamentos cun plan económico financieiro, tamén presentado con máis dun ano de retraso e que foi outro dos motivos de retraso na apertura da residencia e centro de día do Concello. Por mor desta reincidencia na desidia e indolencia do PP para coas veciñas e veciños do Concello de Foz.
Así foron as contas e así pode ser no 2020 se do PP depende, por contra, o BNG de Foz continuará a loitar por unha xestíon realista, verídica, xusta e eficaz para os veciños.