Foz, 17 de abril de 2019. No orzamento municipal do Concello de Foz para este ano, aprobado en pleno este luns, figura unha partida de 150.000 euros para seguir facendo fronte á devolución de licencias de obra concedidas no ano 2008, que cobrou o goberno local do PSOE “e que non sabemos en que as gastou”, manifestou hoxe o alcalde, Javier Jorge Castiñeira. O rexedor subliña que o PP ten que pagar ás débedas do PSOE e que a mala xestión dos socialistas déixase sentir nas arcas municipais aínda moitos anos despois.
“Desde o equipo de goberno queremos informar a todos os veciños que nestes orzamentos do Concello, recentemente aprobados, seguimos a dinámica destes últimos anos: reservar unha partida de 150.000 euros para seguir pagando e devolvendo esas licencias do ano 2008, aquelas licencias que cobrou o goberno municipal do Partido Socialista e que agora, durante estes dez últimos anos, ten que ir pagando o goberno do Partido Popular”, explicou Javier Castiñeira.
O alcalde engade que “naquel momento o Concello gobernado polo señor Rivera cobrou varios millóns de euros en licencias, que non sabemos en que os gastou; e agora levamos anos devolvendo preto de 1 millón de euros, e proba disto é que nestes orzamentos de 2019, dez anos despois, aínda van 150.000 euros para devolverlle a un dos contratistas que o ten solicitado”.
O rexedor salienta que “isto non remata aínda agora porque hai un acordo con ese construtor para non devolverllos directamente todos na mesma anualidade, porque son practicamente 400.000 euros, e polo tanto aínda quedarán anos sucesivos para seguir devolvendo os cartos que gastou no seu momento o señor Rivera e o seu goberno do Partido Socialista no Concello de Foz”.
Castiñeira subliña “a responsabilidade do goberno do Partido Popular, que paga as débedas dos socialistas” e “a mala xestión dos gobernos do Partido Socialista, que aínda agora sentimos nas arcas municipais e ademais temos que escoitar as críticas do Partido Socialista á hora de aprobar os orzamentos, que nin sequera son capaces de apoialos para pagar as súas propias débedas”.
O alcalde quere que “os veciños de Foz non se esquezan de que se seguen pagando débedas dunha mala xestión socialista e que aínda por enriba non son capaces de aprobar uns orzamentos nos que van débedas da súa xestión”.