A xornada postelectoral é un día de moita intensidade: fin de campaña, sentimentos enfrontados, alegrías, decepcións…
Puidemos ver como nas eleccións europeas aumentaba considerablemente a participación, debido á súa coincidencia coas locais e pola grande mobilización do electorado a favor de Ana Miranda.
Ela, a nosa Ana, recoñecida por propios e alleos como a muller que máis traballa polas liberdades. A inimiga do neofascismo e a amiga das vítimas do Alvia. A amante das nosas rías e a defensora do sector pesqueiro galego. Madame Galice, como é alcumada en Europa.
Tamén vimos a razón pola que Galiza é sitio distinto. Houbo moitas vilas e cidades por España adiante que caeron nas mans tanto da extrema dereita como da derechita extrema, mentres que no noso país a dinámica electoral foi ben outra.
Puidemos ver moi preto daquí o triunfo doutra Ana, nesta ocasión apelidada Ermida Igrexas. Ela, nacionalista tamén, poderá ser a nova alcaldesa de Barreiros se populares e socialistas non pactan o contrario. Ningunha outra formación política foi quen de ilusionar tanto como o fixo o BNG barreirense tras a súa vitoria electoral.
Nestes últimos anos a política padeceu demasiados cambios: dispersión do centro-esquerda galego, aborrecemento dos partidos históricos, radicalización da dereita… Unhas situacións todas elas que son consecuencia directa da recesión económica, a escasa cultura democrática existente e o desencanto pola política en xeral.
Independentemente da ideoloxía do partido de turno, cando un equipo de goberno fai o seu traballo (descarto o adxectivo “ben” ao considerar que todo o mundo entra nun Concello para facelo así e non doutro xeito), é comprensible que o electorado elixa votar pola reelección de forma maioritaria. O que non se entende é que nun concello coma o noso, onde a xente se nos queixa amargamente e amosa un descontento sincero pola inacción do executivo municipal, se dean uns resultados favorables aos de sempre a pesar de ter unha alternativa seria diante.
Así e todo, o BNG non deixou de medrar en Xove nos últimos dez anos. Por iso creo que as formacións políticas deberan facer autocrítica en base aos resultados, si, mais o pobo tamén. Que queremos? Avanzar con paso firme ou reeditar unha e outra vez políticas de poste e pista? Que a oposición sexa un referente en toda A Mariña ou que o sexa o goberno?
Sen dúbida o formigón seduce entre os concellos con máis medios económicos. E aí aparecen os Favores (así, en maiúscula), aínda que realmente sexan Obrigas (así, en maiúscula tamén).
Por todo isto é complicado facer unha oposición real sen contar cun verdadeiro apoio da xente á hora de votar.
De que serve dar as queixas se despois nos deixamos comprar con falsas promesas? Cantos anos levan prometendo en Xove a mellora das estradas en época electoral? Cantas lexislaturas levan poñendo a desculpa da Deputación? (Sabemos que é competencia deles, mais hai que poñerse a negociar)Xa respondo eu sen hipocrisía: 12 anos. Nin máis nin menos.
Tamén hai cousas das que non me gustaría falar, pero faise necesario facelo. Estoume referindo á irrespectuosa carretaxe dos votos. Entre 1916 e 1918, Castelao escribiu nunha das súas recoñecidas estampas este diálogo:
«-Hai que acabar cos caciques de antes. -E cos de agora, se non lle parece mal.»
Os caciques modernos continúan sendo os peores inimigos da democracia e da boa política. Falo dende a experiencia persoal, do que vivimos nas mesas de todo o municipio este pasado domingo ante a hipotética posibilidade dunha suba importante en votos do noso partido. Ese enfermizo control dun censo electoral do que se vixía todo. E cando digo todo, é absolutamente todo.
Presionan por teléfono ás persoas que lles “esqueceu” ir votar, aínda que a súa ausencia veña dada polo seu lexítimo dereito á abstención. Non sei en que grao se aplica aquí a famosa Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais. Incluso se insta a dar ese paseo da vergoña ata a mesa electoral a esa xentiña en cadeira de rodas que nin falar pode.
Seica todo vale en tempos de inseguridade electoral. Pero non é así. Mentres uns partidos practicamos o fair play, tratando o electorado con respecto, outros prefiren recorrer a técnicas que xa pensabamos superadas.
Dende aquí gustaríame facer un chamamento humilde á reflexión: que compensará máis a longo prazo? Unha política de formigón ou unha de futuro para as xeracións vindeiras?
Comezan outros catro anos de campaña.
























A restrición de circulación manterase durante a xornada mentres se desenvolvan os labores, que teñen como obxectivo garantir a seguridade viaria e facilitar a execución dos traballos. Durante este tempo, as persoas que necesiten acceder ás zonas de Santo Albites, Pénjamo ou San Lázaro deberán facelo polo acceso de Río dos Foles. O Concello de Viveiro agradece a comprensión da veciñanza e recomenda extremar a precaución e seguir a sinalización habilitada mentres duren os traballos.
Félix Jorquera pasará polos micrófonos de RadioVoz ao concelleiro de Mar, Ramiro Fernández; á presidenta de Ledicia (entidade organizadora), Rocío Rivera; ao presidente da Fedaración estatal de confraría de pescadores, Basilio Otero; ao xerente de Expomar, José Manuel González; ao membro de Fanto Fantini (entidade organizadora do Festival Osa do Mar), Diego Campo; á pregoeira Paula Jorge Hora; ao cociñeiro Bruno Pena e á alcaldesa e Presidenta da Deputación, Carmela López.
Comezou o mércores ás 13,35 horas e para a súa extinción mobilizáronse, ata o de agora, 2 técnicos, 10 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
O obxectivo deste aviso é que a cidadanía coñeza esta circunstancia con antelación e, especialmente, que as persoas con sensibilidade aos ruídos, así como as persoas propietarias de animais de compañía, poidan adoptar as medidas que consideren oportunas. O Concello agradece a comprensión e a colaboración durante estes días de celebración.
A obra, dirixida por Pepablo Patinho e preparada por rapaces de 10 a 14 anos ao longo do curso, servirá de antesala ao certame e permitirá visibilizar o labor formativo da Escola e o compromiso de Cariño co teatro desde idades temperás. O Concello anima á veciñanza e visitantes a asistir a esta cita que marca o inicio dunha nova edición na que o teatro volverá situar a vila como referente cultural galego.
O acto terá lugar ás 18:30 no paseo da Dársena, onde se instalará un hito que lembra a súa distinción como Fillo Predilecto de Navia. Tamén se descubrirá a placa dos gañadores absolutos da LXVII edición do Descenso, celebrada en 2025. “Moreno”, falecido en 2023, dedicou máis de seis décadas a impulsar esta cita deportiva, converténdoa nun referente nacional e internacional. A alcaldesa, Ana Isabel Fernández, destacou que foi “a alma máter do Descenso” e convidou á veciñanza e participantes a asistir ao acto de recoñecemento.
Autoridades autonómicas, municipais e representantes da Apehl acompañaron o anuncio. O estand da marca estará na zona VIP da saída de cada etapa, onde se ofrecerán petiscos con produtos lucenses e material promocional, incluída a guía turístico-gastronómica. Cheché Real destacou a continuidade do proxecto e agradeceu o apoio institucional. A acción conta coa colaboración de numerosos consellos reguladores, entidades agroalimentarias e empresas da provincia.



