Ourol, 17 de xullo de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé que nunhas dúas semanas queden completados os traballos de repintado da sinalización horizontal na estrada LU-540 entre Viveiro e Cabreiros (Xermade), que están en marcha despois de que nas últimas semanas remataran as obras de reforzo do firme nesta vía, nas que se investiron preto de 600.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou hoxe a execución desta actuación de renovación das marcas viarias, que se realizará dende o punto quilométrico 8,000 ata o final da vía en Cabreiros (pq 39,000).
Ademais, instalaranse guías sonoras laterais ao longo de 17 quilómetros -do pq 18,000 ao 35,000-, incluída a zona do alto da Gañidoira, como medida de seguridade para alertar aos condutores en caso de saída do carril, ademais de mellorar a visibilidade nocturna ou en caso de néboa das liñas que delimitan a calzada. Balseiro explicou que escolleron esta técnica de guías fresadas sobre o pavimento porque, a diferenza dos resaltos de pintura termoplástica, non se ven afectadas polos traballos das máquinas quitaneves en períodos de vialidade invernal.
Esta intervención completa as obras de reparación localizada do firme que se levaron a cabo nos últimos meses nesta estrada e que afectaron aos termos municipais de Ourol, Xermade, Viveiro e Muras. Segundo lembrou Balseiro, estes traballos iniciáronse no concello de Ourol e desenvolvéronse entre os puntos quilométricos 8,000 e 37,150, en Roupar; e consistiron no fresado das zonas deterioradas e posterior reposición da calzada con mestura bituminosa en quente.
Balseiro resaltou que co repintado da calzada culmina o proxecto de mellora da vía, que se iniciou cunha primeira fase no 2017 e se retomou no outono do pasado ano. En total, subliñou, o investimento global da Xunta no acondicionamento da LU-540 nos últimos dous anos supera os 1,3 millóns de euros, co obxectivo de incrementar as condicións de seguridade nunha estrada que asume unha elevada intensidade de tráfico pesado e soporta condicións climatolóxicas adversas.