Ribadeo, 24 de xullo de 2019. O Concello presentou hoxe a campaña Ribadeo, Camiño seguro que dá comezo nesta xornada. O obxectivo é poñer en valor o Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo e o dereito das mulleres a viaxar soas e a facelo de xeito seguro. A primeira fase da campaña, que conta co apoio do Xacobeo, será a de sensibilización e promoción, a través de folletos informativos que se repartirán entre a hostalería, os albergues e o sector servizos. Haberá dúas fases máis que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, subliña que o Concello de Ribadeo convértese deste xeito en pioneiro coa posta en marcha desta campaña das Áreas de Igualdade e Turismo arredor do Camiño Norte e das violencias de xénero.
O edil explicou que “desde o Centro de Información á Muller e desde a área de Turismo do Concello de Ribadeo iniciamos hoxe a campaña Ribadeo, Camiño seguro, en colaboración co Xacobeo da Xunta de Galicia que nos avala este proxecto. A idea da campaña, por unha parte, é poñer en valor o Camiño Norte e ten uns símbolos no seu lema moi emblemáticos do que é o noso concello. Por unha banda, como se vai poder observar en todos aqueles folletos e cartaces que a definen, aparecen os arcos da praia das Catedrais, e tamén tres círculos ao final do lema que son os círculos das vidrieiras da Torre dos Moreno e que están unidos por unha liña recta que é o que significa o Camiño Norte ao seu paso polo noso concello”.
Mariluz Álvarez dixo que “por unha banda, é necesario poñer en valor o Camiño Norte cunhas grandes potencialidades, e por outra parte trátase de facer unha campaña de sensibilización para que as mulleres viaxen soas e seguras e que o de viaxar soas sexa unha opción. Temos o dereito de poder viaxar soas e ademais debemos poder optar a viaxar soas cunha seguridade. Esa seguridade queremos visibilizala a través desta campaña que imos poñer en marcha e sobre todo tamén para desterrar estas mensaxes que se nos están dando nos días de hoxe a nivel social dese medo que nos invade, que nos invaden tamén ás propias nais que temos fillas que viaxan e temos que sentirnos protexidas. Nós desde o Concello de Ribadeo queremos ser pioneiros, queremos romper esa brecha, esa concepción que existe e queremos que esa idea de poder viaxar soas sexa unha opción e desde logo que non se nos cuestione en ningún momento, que nós non sexamos as que teñamos que ter esa temeridade de poder facelo”.
A concelleira de Igualdade sinalou que “imos iniciar esa campaña en relación coa Área de Turismo porque a nós nos parece que a Área de Igualdade ten que ser transversal, e neste caso a maior transversalidade é desde a Área de Turismo do Concello por todo o que require o Camiño Norte e todo o que pode aportar á nosa vila. Como non podía ser doutra maneira temos que implicar á hostaleira e ao sector servizos. A campaña de promoción consta de diferentes fases. Hoxe comezámola cuns folletos onde, co lema da campaña Ribadeo, Camiño seguro, facilitamos uns hastags e un teléfono ao que animamos a todas aquelas mulleres que viaxen soas a que manden a súa mensaxe respondendo a tres cuestións: qué supón viaxar soas, qué riscos ten e qué recomendacións lles fan a outras mulleres para viaxar soas, á vez que escriban unha mensaxe alentadora nese ámbito. Temos os hastags #RibadeoCamiñoSeguro, #OteuXacobeo e #Xacobeo2021, onde poden mandar as súas mensaxes e un teléfono ao que poden enviar as mensaxes de voz que éo 609 050 076. Os folletos están en tres idiomas, castelán, galego e inglés. Imos facilitalos á hostalería, a aqueles lugares onde albergan peregrinos, ao noso albergue tamén e ás oficinas de turismo do noso concello”.
Álvarez Lastra seguiu a relatar que “a segunda fase sería a gravación dun vídeo onde poñeríamos en valor o entorno do Camiño Norte, cunha visibilización de imaxes da contorna e tamén daquelas persoas que estean implicadas na dinamización do Camiño Norte. Haberá un foro, onde tamén nos reuniremos en setembro con xente que rexenta hospedaxes, e ademais imos ter a testemuña de mulleres que viaxen soan. Facendo un estudo no noso Concello vemos que as rapazas alemás son as que máis viaxan soas e as rapazas de Corea, incluso nalgunhas universidades alemás potencian como créditos que se fagan esas experiencias de vida, polo tanto nós queremos incidir nese ámbito. Faríase un vídeo que se difundiría nas redes. E a terceira fase do proxecto sería a realización dun pacto local, onde se marcarían unha serie de estratexias, onde estarían técnicos relacionados coa Área de Turismo, viaxeiros e viaxeiras que fan ese camiño en solitario, o sector da hostalería e a parte política. Pretendemos con ese pacto poñer enriba da mesa todo o que fomos recompilando neste traballo e adoptar unha serie de medidas moi prácticas para que aquelas persoas que estamos en contacto coa difusión das viaxes, do Camiño e coa idea de poder viaxar soas adoptemos esas medidas para poder axudar a aquelas persoas que nalgún momento tivesen algún tipo de problemática no ámbito da agresión sexual e da inseguridade”.
A concelleira ribadense engadiu que “para nós é unha bandeira que desde as institucións temos que romper. É algo que está aí, esa mensaxe que se transmite a través da cidadanía e que hai ese certo ambiente que nós queremos desterrar. Remataríamos cunha xornada formativa, onde virían persoas especializadas. Para nós este é un punto de partida no ámbito da sensibilización, no da prevención e sobre todo no da liberdade das mulleres de poder viaxar e vivir libres de violencias machistas e de todo tipo de agresións. Polo tanto este proxecto vai dar moito máis de si e seguiremos estendendo outras actuacións neste ámbito. Animamos a todas aquelas peregrinas, a aquelas mulleres que viaxen soas que animen ao resto e que creemos ese ambiente de seguridade e de desterrar esas concepcións onde nos temos que sentir protexidas para poder viaxar e disfrutar”.
Mariluz Álvarez Lastra tivo palabras de agradecemento: “dende o Centro de Información á Muller queremos agradecer o traballo e a colaboración de Begoña García, técnica de turismo que nos abre as portas dos contactos e que cre neste proxecto. A campaña está traducida ao galego, castelán e inglés e tivemos o honor de poder contar co traballo de Sara Canto, que está facendo as prácticas con nós no Concello e que se prestou a facer desinteresadamente estas traducións. Por outra parte o proxecto da campaña está elaborado en coordinación coa cooperativa Arabías, e como representante Tania Meleras, que é quen está en colaboración con nós para que tivera o impulso do Teu Xacobeo. Ademais a idea dos logos son de RH Cooperativa Cultural e foi Eva Agra quen estivo en contacto con nós, e creo que o deseño reflexa o que nós queremos expresar”.





















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



