Lugo, 21 de xaneiro de 2020. A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, será a encargada de abrir as xornadas O Reto Demográfico. Máis Rural, Máis Lugo, organizadas polo Partido Popular de Lugo, segundo anunciou esta mañá a súa presidenta, Elena Candia. O venres 7 de febreiro, ás 19.30 horas, na sede do PP de Lugo, a conselleira disertará sobre a futura Lei de Impulso Demográfico de Galicia, normativa que está chamada a marcar un antes e un despois na loita contra o despoboamento.
Elena Candia sinalou na presentación das xornadas que a perda de poboación en partes do territorio provincial é unha realidade, un feito que se agrava paulatinamente, con repercusións económicas e sociais; e unha tendencia á que hai que poñer coto e tratar de reverter. Declarou: “Sobre esta perda de habitantes, con graves consecuencias para a provincia, a sociedade lucense ten manifestada a súa fonda e sincera inquedanza. No Partido Popular estamos seriamente preocupados polo que consideramos un dos principais problemas da nosa provincia e por iso tomamos a iniciativa e queremos buscar solucións. Así xorden estas xornadas que titulamos O Reto Demográfico. Máis Rural, Máis Lugo”.
O reto demográfico é unha cuestión de Estado, no que teñen que implicarse, dixo a presidenta dos populares lucenses, ademais das Administración xeral do Estado, as administracións locais e autonómicas. Candia manifestou: “Esixe tanto implicación política coma social. E, como parte de ambos colectivos, os populares de Lugo impulsamos estas xornadas que abordan os aspectos que figuran nas conclusións do informe presentado en abril do 2019 pola Comisión Especial Sobre la Evolución Demográfica en España -creada por acordo do Senado, o 30 de novembro de 2016. Este documento destaca, entre outras cousas, que para afrontar con éxito o reto demográfico resultan esenciais medidas de apoio ás familias, afrontar a realidade do envellecemento e impulsar as infraestruturas e o emprendemento”.
Candia declarou: “O obxectivo destas xornadas é o de mobilizar ao conxunto da sociedade da provincia, á que convidamos a asistir a estas interesantes conferencias, así coma o de facer ver posibles solucións e alternativas viables que permitan garantir o futuro do rural lucense. Queremos aportar algo ao intenso debate que se da en España e en Europa na procura de fórmulas para combater o despoboamento. A recente declaración de Gredos, que firmei, pola innovación e o emprendemento para a repoboación do rural, marca un camiño que eu creo que debemos seguir, e creo tamén que debemos facelo co ánimo que nesa declaración se establece, que é , literalmente, “el espíritu de consenso que supieron conciliar los padres de nuestra Constitución”.
Como xa se anunciou no seu momento, o ciclo de conferencias desenvolverase ao ritmo dun venres ao mes desde febreiro, a partir das 19.30 horas. As conferencias contarán coa participación de relatores especialista no estudo do problema do despoboamento procedentes do mundo da política ou a Universidade; así como con especialistas en emprendemento.
Candia dixo tamén: “Na abordaxe do problema do despoboamento, foi un fito a aprobación polo Parlamento galego, en abril de 2013, do primeiro Plan de Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020, que situou a cuestión demográfica entre as máximas prioridades do Goberno autonómico. No ámbito autonómico, a proxectada Lei de Impulso Demográfico de Galicia marcará un antes e un despois na abordaxe do problema, no que en Galicia se traballa con rigor desde hai anos. Por iso quixemos que o primeiro relatorio, que a conferencia que inaugurase este ciclo tivese esa lei como protagonista. Así, contaremos o venres 7 de febreiro, ás 19.30 horas na sede do PP, coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para falar sobre cómo “Facer de Galicia o mellor lugar para formar unha familia”.
Fabiola García Martínez naceu en Ribeira, é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde xuño de 2015 foi primeira tenente de alcalde do Concello de Ribeira , ademais de concelleira delegada de Administración, Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Promoción e Dinamización Económica e Cultura. Desde decembro de 2016 ocupou o cargo de directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade na Consellería de Política Social. En novembro de 2018 foi nomeada conselleira de Política Social. Ao longo da súa carreira profesional formou parte dos gabinetes das consellerías de Facenda, Economía e Industria e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
A xornada correspondente ao mes de marzo estará protagonizada por dous destacados profesores da Universidade de Santiago, cuxos nomes e conferencias se darán a coñecer oportunamente.
#MáisRuralMáisLugo


















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



