Lugo, 24 de xaneiro de 2020. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas Jópez, participaron este venres no Vello Cárcere de Lugo na entrega de premios da campaña Neste Nadal, o comercio local tamén dixital, unha iniciativa posta en marcha nas pasadas datas festivas pola Federación de Comercio que contou coa colaboración económica da Deputación por importe de 32.000€.
Durante a súa intervención, Rivera felicitou aos premiados e premiadas, e destacou a importancia de comprar nas tendas de proximidade, en tanto que contribúen a xerar riqueza e emprego “nos nosos pobos, vilas e cidades, e con iso, axudan a algo tan necesario no noso rural, como é fixar poboación. Precisamente, estes motivos son os que nos levan dende a Deputación, non só a apoiar esta iniciativa concreta, senón todas aquelas outras do tecido comercial da provincia que teñen ese mesmo obxectivo de fomentar as vendas e fortalecer o pequeno comercio”.
Esta edición da campaña de dinamización comercial rexistrou 34.500 tíckets, o que supuxo un incremento dun 3% con respecto ao ano anterior. As compras realizáronse en 5.500 establecementos de 40 localidades da provincia e en total repartíronse 10.000€ en premios, que se distribuíron en 40 tarxetas prepago de 300 e 200€.