
A CORUÑA
HOMENAXE LITERARIA E MUSICAL DA REAL ACADEMIA GALEGA Á POETA LUZ POZO GARZA NO SEU 95 ANIVERSARIO,
21072017
FOTO XOSE CASTRO
A Coruña, 20 de abril de 2020. A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Luz Pozo Garza. A decana da poesía galega, nada en Ribadeo en 1922, finou hoxe na Coruña, a cidade na que residía dende finais dos anos 80. A poeta, ensaísta e catedrática de literatura de ensino medio formaba parte da RAG dende 1950, cando con só 28 anos foi nomeada membro correspondente, e dende 1996 era académica de número. A súa é unha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra, caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal. A luz como elemento simbólico central é outro sinal de identidade dunha autora que nunca deixou de escribir. En 2019 publicou o seu último libro, Pazo de Tor, un libro de homenaxe ás raíces familiares pola vía materna.
Luz Pozo Garza pertence á chamada Promoción de Enlace, a situada entre a xeración do 36 e a da primeira posguerra. O primeiro escenario vital da autora, que tanto marcaría tamén a súa literatura, foi o da Mariña de Lugo, entre Ribadeo, a vila onde naceu, e Viveiro, onde viviu entre 1929 e 1936 e que a acolleu de novo en 1940. A guerra civil pasouna entre Lugo (instalada no mesmo edificio ca Luís Pimentel) e Marrocos, seguindo canda a súa nai o pai, que fora encadeado pola súa condición de militante republicano. Aqueles anos deixaron unha fonda pegada na escritora, que perdeu na fronte o único irmán que tantas veces lembraría.
Tras publicar as súas primeiras creacións en Las Riberas del Eo, en 1949 veu a lume o seu primeiro libro, Ánfora, unha obra vitalista, escrita en castelán, que foi recibida con entusiasmo tanto no mundo literario español –foi loada na prensa polo poeta da xeración do 27 Gerardo Diego– coma no galego, onde foi axiña nomeada membro correspondente da RAG. Tres anos despois, en 1952, sairía do prelo o seu primeiro volume en galego, O paxaro na boca, de novo un canto á vida a través do amor con versos inzados dun erotismo feminino inédito na escena literaria do momento, cando a edición de libros en lingua galega se retomaba en medio dunha forte censura. A obra inaugurou a colección Xistral, o proxecto editorial creado polo pintor Ánxel Johán e o poeta Manuel María dende Lugo. Luz Pozo Garza instalaríase definitivamente no galego nos anos 70, cando publicou Últimas palabras / Verbas derradeiras, obra autotraducida na que poetiza o desamor, a soidade, a dor, a angustia e a morte.
A madureza poética
A súa produción intensificaríase xa na madureza, a partir dos anos 80, ata sumar máis dunha ducia de poemarios que coñeceron traducións ao portugués, catalán, francés, inglés, alemán, xaponés, ruso e húngaro. Nesta nova etapa, primeiro chegarían Concerto de outono (1981) e Códice Calixtino (1986), nos que emerxe de novo unha sensualidade forte e o canto á liberdade radical que caracteriza o fondo de toda a poesía da autora. Luz Pozo iniciou nestes dous volumes unha liña poética de estética clásica e filosofía platónica que culminaría en 1992 en Prometo a flor de loto, dedicado á memoria do seu compañeiro na vida e na literatura, Eduardo Moreiras (1914-1991), e merecedor do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña. Nos anos seguintes verían a luz títulos como As vodas palatinas (2005), Deter o día cunha flor (2009), Sol de medianoche (elexía á súa neta Natalia) ou Rosa tántrica (2016).
A poesía de Luz Pozo bebeu con frecuencia na fonte de Rosalía de Castro, á que rendeu homenaxe en obras como Vida secreta de Rosalía (1996), e tamén no seu discurso de ingreso na RAG como académica de número, Diálogos con Rosalía, a primeira intervención deste tipo escrita no código da poesía. A pegada rosaliana volveu evidenciarse en Medea en Corinto (2002), poema polifónico no que galeguizou este mito clásico. O comezo do século XXI foi tamén para a escritora un momento de exploración da inspiración gaélica, unha conexión literaria á que chegou por motivos familiares e reflectida en As arpas de Iwerddon (2005).
Alén da súa propia escrita, a actividade literaria da académica abrangueu a edición e a crítica literaria. En 1975 cofundou e codirixiu canda Tomás Barros a revista Nordés (aínda que tivo que figurar como subdirectora pola forte discriminación de xénero do réxime franquista) e máis adiante dirixiría, dende a súa fundación en 1995, Clave Orión. A literatura foi ademais o seu medio de vida. Aínda que a súa formación inicial foi como pianista, nos anos 60 licenciouse en Filoloxía Románica e exerceu como docente de secundaria entre 1964 e 1987. Dende as aulas, deixou un recordo indeleble en moitas xeracións de alumnas e alumnos que tiveron a fortuna de aprender dela nos institutos de Corcubión, A Coruña e Vigo onde impartiu docencia.
Como académica de número, Luz Pozo foi a segunda muller, tras Olga Gallego, en ocupar unha cadeira no seu pleno e a primeira en ocupar un posto de dirección na institución, ao asumir a vicesecretaría entre 1997 e 2001.
A traxectoria da poeta foi recoñecida en distintas ocasións con galardóns como a Medalla Castelao (1995), o Premio Celanova (2001), o Premio Laxeiro (2013), o Premio Trasalba (2019). En 2018 foi nomeada filla adoptiva de Viveiro, onde a escola de idiomas leva o seu nome; e en xaneiro deste 2020 foi recoñecida como filla predilecta do seu Ribadeo natal. A Real Academia Galega rendeulle homenaxe, co gallo do seu 95 aniversario, en xullo de 2017. No acto recitaron versos da súa autoría dez poetas de distintas xeracións. A escolma foi recollida no opúsculo Un pozo de luz, dispoñible nesta ligazón.























Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



