Cervo, 27 de maio de 2020. Os concelleiros do BNG en Cervo criticaron “o secuestro institucional executado polo alcalde do PP en Cervo, Alfonso Villares, que foi incapaz de convocar ningunha xunta de portavoces, ningún pleno, e nin sequera efectuou unha soa chamada telefónica nos últimos oitenta días, tampouco cando saltou a noticia dos positivos por coronavirus na residencia da terceira idade de San Cibrao”. Diego Fernández, afirmou que “o BNG foi moi respectuoso e deu a súa confianza ao goberno local nun contexto tan grave como o actual”, mais despois de dar un tempo prudencial ao alcalde para adaptarse á situación, e constatar como Villares fixo caso omiso ás peticións para celebrar algunha Xunta de Portavoces de carácter informativo, acusouno de “non respectar á veciñanza que representamos e actuar como se dunha ditadura se tratase, de facer e desfacer ao seu antollo sen ningún tipo de respecto institucional e democrático coa corporación”.
Moción de apoio ao mantemento do emprego nas empresas auxiliares de Alcoa
O BNG defenderá unha moción de apoio aos traballadores afectados por ERTE nas empresas auxiliares da multinacional Alcoa, Reymogasa e Cyrgasa promovida pola Plataforma Coordinadora das Empresas Auxiliares de Alcoa. Diego Fernández, portavoz municipal e traballador dunha delas, “reclamou tanto ao PSOE como ao PP no goberno do Estado e na Xunta de Galiza, que asuman responsabilidades e cumpran co prometido”. O nacionalista lembrou que “o PSOE ten un acordo para a investidura de Pedro Sánchez asinado co BNG no que se comprometeron a aprobar un estatuto para a industria electrointensiva que segue pendente, e o PP non pode evadirse botando balóns cara Madrid sen esixirlle á multinacional que revirta a decisión de deixar de investir e de pechar de cubas, ao tempo que recibe contiosas axudas públicas”. Diego Fernández e Xorxe Caldeiro afirmaron que “hai moitos postos de traballo en xogo agardando solucións, é hora de que tanto PSOE coma PP deixen de tirarse trastos á cabeza e acheguen solucións xa que esa é a súa función como gobernantes en Santiago e en Madrid”.
Moción para a elaboración dun Plan Galego para a Reactivación Económica
Nesta moción, a formación nacionalista reclama medidas para evitar que a crise económica derivada da pandemia do Covid-19 a acaben pagando, como xa sucedeu na crise de 2008, as clases populares e máis desfavorecidas. Con este fin, e tendo en conta que as administracións locais non teñen competencias estruturais en materia fiscal, Diego Fernández e Xorxe Caldeiro defenderán unha iniciativa na que solicitan dúas accións: primeiro, que o concello se dirixa á Xunta de Galiza para pedir a elaboración dun plan galego de reactivación económica, consensuado con todas as administracións, forzas políticas, axentes e sectores sociais. E segundo, reclamar ao goberno do Estado a derrogación da lei de Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira (a chamada Lei Montoro), que lle impide ás administración locais asumir investimentos de carácter social, e por tanto ser útiles para evitar a exclusión social. Diego Fernández e Xorxe Caldeiro lembraron que esta lei deriva da modificación exprés do artigo 135 da Constitución, acordado no ano 2011 por PSOE e PP.
Moción sobre a lingua galega
Co gallo da recente celebración do Día das Letras Galegas, o BNG leva a pleno a preocupación pola perda do uso do idioma propio de Galiza. Para a formación nacionalista a política lingüística emprendida polo actual goberno galego non vai na dirección correcta, tal e como demostran os diferentes estudos realizados polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG) en relación á lingua galega.
Entre outros puntos de acordo, Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, defenderán instar á Xunta de Galiza a que adopte medidas económicas extraordinarias para apoiar o sector da cultura e do Libro en galego. Así, pedirán derrogar o Decreto 79/2010 do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza e tamén elaborar un novo marco lexislativo que conte co consenso das forzas políticas do Parlamento galego. Ademais, instarán á Xunta de Galiza a restituír o orzamento recortado durante os últimos anos, incrementando as partidas dirixidas á defensa e promoción da lingua galega e tamén as necesarias para implementar a Lei Paz Andrade, ou reclamar do Concello de Cervo a realización de campañas de dinamización lingüística e promoción do uso da lingua galega, especialmente aquelas que teñan especial incidencia na infancia e a mocidade.



















O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



