Onte foi un día normal. Con algunha pequena variación, un día ‘vello-normal’.
Había xente nas catedrais. Menos que se non estiveramos illados, mais normal.
En Ribadeo, o nordés axustou un típico día soleado de xullo. Normal.
As rúas baleiras a primeira hora dun domingo daban unha apariencia de normalidade.
Máis tarde, pouca xente pola rúa. Coa prohibición de cambio de área sanitaria, de concellos, de… normal.
E a propia prohibición de saír da nosa zona? Parece que xa estamos afeitos, e dentro de pouco, prohibiránolo os alcaldes. Normal.
Os aplausos das oito, substituídos polo esquecemento da sanidade pública 24/7? E logo, non é normal que se vaian esquecendo as cousas?
Sen novas sobre unha ‘salvación para Alcoa’. Ninguén a esperaba, logo, normal.
Un só paso do tren de FEVE en cada sentido cada día. Normal, ao menos polo momento, mentres non digan que xa postos, para que.
Fake news propagándose nos medios, máis aló da rede? Normal! Viñeron para servir de útis e quedar, e están a facer a súa labor.
A pequena estrada, bacheada algún tramo ás presas. Normal antes dunhas eleccións… Ah! Era iso! Eleccións! Iso era o anormal. Un día cada catro anos. Claro que… iso tamén parece xa normal, non? Ben pensado, podemos continuar:
Abstención, catro de cada dez votantes. Na liña de sempre.
Como tantas outras veces, vitoria abrumadora do PP. É dicir, tamén normal.
Rexurdir do BNG un pouco máis alto? Na liña co que leva sucedendo décadas. Normal.
Afundimento das Mareas? Xa se sabe, o fluxo e refluxo mareal, de xeito máis vivo ou máis morto, manifestado por outros partidos antes. Normal.
O PSOE como testemuña de algo que existe máis aló do Bierzo? Pois iso, máis ou menos o de sempre, normal.
Que haxa xente impedida de votar? E logo, non se teñen dado casos de votar despois de mortos? Non é máis normal isto?
Pero, todo, todo, é ‘normal’? Diría: e logo, non se ten instalado en Galicia a realidade alternativa dende hai moito tempo? Non teñen emigrado de xeito ‘normal’ -e seguen a facelo- milleiros e milleiros de persoas mentres Galicia é a mellor terra do mundo? Non se segue a despoboar un campo polo que se sente saudade e morriña? Non segue a haber unha falta de tecido industrial mentres se contempla como afunden as industrias vendidas ou directamente fóra do control da nosa terra? Non escapou o control das finanzas? Non se potencia o desenvolvemento extractivo mentres se empobrece a terra? Non hai menos medios de desprazamento comunitario que nos sesenta do século pasado?
Normal. Non ‘vella normalidade’ nin ‘nova normalidade’ máis aló de pequenos detalles. Anormalidade. Ou era ‘a normalidade’? Ben, o que quería dicir é que ‘é así’. Que lle imos facer, non? Galicia sempre tivo fama de resignada.
Si, coido que o que pasou onte ten que ver coa amnesia…
Ribadeo, 13 de xullo de 2020.




















Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



