A Mariña 10 de setembro de 2020. O Bloque Nacionalista Galego amosou o seu apoio á folga convocada por sindicatos e ANPAS que reclaman un ensino presencial que non poña en risco a saúde.
O deputado Daniel Castro asistiu á concentración convocada esta mañá en Ribadeo e denunciou a improvisación da Xunta de Galiza, que en 6 meses non foi capaz de elaborar un protocolo seguro e consensuado coa comunidade educativa, cargando a responsabilidade, outra vez, ao persoal directivo e ao profesorado, ás nais e aos pais.
Desde o BNG lembran que pediron a comparecencia da Consellería de Educación en reiteradas ocasións durante os meses de xullo e agosto demandando un protocolo sanitario escolar no que prime a seguridade e calidade fronte a criterios económicos, para o cal é necesario reducir ratios e contratar máis profesorado.
“O goberno debe de asumir as súas competencias dunha vez, non podemos consentir que as nais e os pais teñan que escoller entre o dereito á educación e o dereito á saúde dos seus fillos e fillas”, declarou Castro, apuntando que “o BNG pediulle á Xunta un fondo extra para garantir o servizo de comedor e as actividades extraescolares a todo o alumnado, servizos clave para a conciliación familiar”.
