Lugo, 18 de decembro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou este venres de que a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de obras de mellora en estradas provinciais por máis de 1M€ en nove concellos da provincia. “Seguimos demostrando o noso compromiso coa mellora da mobilidade”, subliñou José Tomé.
As obras efectuaranse en vías que discorren polos municipios de Barreiros, Monforte, Bóveda, Riotorto, Trabada, Lourenzá, Vilalba, Xermade, e A Pastoriza. “De norte a sur, onde gobernan os 3 grupos políticos con representación na Corporación provincial”, subliñou.
En Barreiros, adxudicáronse por 91.300€ os traballos de mellora da estrada provincial LU-P-0610, coñecida como a estrada da Costa. “Vanse renovar dous quilómetros, entre os puntos quilométricos 3,400 e 5,400, cun prazo de execución de 9 meses”, detallou o Presidente, e engadiu que esta estrada ten moita importancia estratéxica na Mariña porque é a que discorre paralela ás praias de Barreiros e chega ata a das Catedrais, en Ribadeo. “Melloraremos outro tramo desta vía na próxima anualidade, co compromiso de que neste mandato quede totalmente renovada esta estrada. A día de hoxe, só faltarían por renovar 4 quilómetros”, indicou José Tomé.
En Monforte de Lemos, adxudicáronse por 133.100€ as obras da vía que une o núcleo de Monforte con Currelos, no concello do Saviñao, a LU-P-3202. As actuacións desenvolveranse entre os quilómetros 4 e 6,8. O prazo de execución é de 9 meses.
En Bóveda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de obras na estrada LU-P-0907, a vía que une a parroquia de Teilán co concello de Paradela. Son un total de 3 quilómetros de vía, entre o punto quilométrico 0 e o 3,2. Estes traballos teñen un orzamento de máis de 93.000€ para renovar o firme da estrada. O prazo de execución é de 9 meses.
Tamén foi aprobada á adxudicación por máis de 152.500€ do proxecto para renovar o firme da LU-P-5506, que comunica os concellos de Trabada, A Pontenova e Lourenzá, dende o quilómetro 0 ata o 4,1. Con estas obras, a estrada de Augaxosa a Trabada queda renovada de maneira íntegra.
En Vilalba, o Presidente anunciou a adxudicación das obras de mellora da vía LU-P-6510. Trátase da estrada que conecta os núcleos de Panchita e Oleiros, na que a Deputación inviste 150.000€.
En Xermade, déuselle o visto bo á adxudicación dunhas obras de mellora na vía LU-P-2204, a estrada que une Momán coas Pontes. Estes traballos execútanse en case quilómetro e medio desta vía, entre os puntos quilométricos 7,000 e 8,340 e teñen un orzamento de máis de 250.000€. O prazo de execución é de 6 meses. “Con esta última actuación, a Deputación mellorará máis de 8 quilómetros dos 9,7 que ten de lonxitude a vía, co que só restaría pouco máis dun quilómetro para o seu acondicionamento íntegro, cuxo proxecto será redactado no vindeiro ano 2021”, avanzou o Presidente.
Na Pastoriza, adxudicouse a rehabilitación do firme da estrada LU-P-1106, que vai de Castro de Rei a Campo do Oso, pasando por Reigosa. Ten un investimento de 167.180€. Melloraranse uns 4 quilómetros desta estrada, entre os puntos quilométricos 16,9 a 20,4. O prazo de execución de 9 meses.
Desfibriladores
Por outra banda, na Xunta de Goberno deste venres tamén se licitou por un importe de 60.000€ o contrato de subministro de 49 desfibriladores semiautomáticos, no marco da campaña Lugo, Provincia Cardioprotexida.
Esta licitación é por dous anos e forma parte desta iniciativa da institución provincial coa que “dotaremos de desfibriladores aos 49 concellos que decidiron sumarse á campaña, e que leva aparellada a formación necesaria a persoal municipal para o manexo dos aparatos desfibriladores”, detallou o Presidente.
Deste xeito, a Deputación contribuirá a mellorar a protección dos veciños e veciñas da provincia ante posibles fallos cardíacos cunha medida que vai na liña do que recomendan as organizacións de profesionais sanitarios. Tomé Roca indicou que “é moi importante contar con equipos desfibriladores nas instalacións e espazos públicos para reducir ao mínimo posible o tempo de reposta ante unha parada respiratoria. Estamos falando da diferencia entre a vida ou graves secuelas, ou mesmo a morte”.
Zonas verdes
O mandatario provincial explicou, ademais, que na sesión do Goberno deste venres se aprobou a renovación do encargo á empresa pública Tragsa para os traballos de conservación e mantemento das zonas verdes. “Facémolo por 2 anos, 2021 e 2022, por un importe de 1,7 millóns de euros para poder atender máis de 82 hectáreas de zonas verdes repartidas por toda a provincia”.
En materia de contratos, licitouse por un importe de 41.300€ ao contrato por lotes dos seguros para a cobertura integral da flota de catamaráns da Deputación de Lugo durante dous anos. Este seguro inclúe a responsabilidade civil, o seguro obrigatorio de viaxeiros e o seguro de cascos das embarcacións e equipos.
Rehabilitación do Castelo de Doiras
En materia de convenios, hoxe aprobouse unha achega de 95.000€, en dúas anualidades, á Fundación Xosé Soto de Fión, para colaborar nas obras de conservación e mellora do Castelo de Doiras, en Cervantes. Este monumento, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), é un elemento patrimonial e turístico con gran poder para captar visitantes á comarca dos Ancares. Por este motivo, “dentro da nosa aposta por impulsar o turismo interior da provincia e por conservar o patrimonio cultural, financiamos as actuacións que permitan un mellor mantemento, para poñelo en valor e potencialo como referente turístico”, explicou o Presidente.
Concretamente, faranse labores de limpeza e roza da vexetación, reposición de fiestras, reparación e restitución de escaleiras, portas e drenaxe do edificio, instalación de falsos teitos en madeira e varandas e dotación de novos puntos de luz exterior. Ademais, eliminaranse restos da construción, como azulexos e baldosas e instalaranse elementos naturais como pedra e madeira.
Por outra banda, este convenio recolle traballos de investigación e divulgación, como a elaboración dun dossier informativo; a colocación de paneis explicativos para os visitantes, así como a obriga de establecer uns horarios de apertura ao público, no que haberá un guía turístico.
Local social en Foz e belén xigante de Viveiro
Este venres tamén se lle deu o visto bo a un convenio bianual de 43.000€ para a construción dun local social para asociación de veciños Río de Ouro, da parroquia de San Acisclo, no concello de Foz. Esta nova infraestrutura, que vai estar adosada ao actual edificio da Escola de San Acisclo, aumentará a superficie útil da antiga escola e proporcionará unha maior funcionalidade ó edificio, aumentando o seu aforo, moi limitado neste momento, e permitindo realizar unha serie de actividades que actualmente non se poden facer por falta de espazo, como obras de teatro, pequenos concertos, sesións de cine ou faladoiros, entre outras.
A Xunta de Goberno tamén aprobou unha achega de 70.000€ en dúas anualidades para o Concello de Viveiro co fin de sufragar os gastos de instalación do Belén Xigante. Tomé Roca subliñou que “este Belén é un elemento que supón un verdadeiro revulsivo económico durante as festas de Nadal para o comercio e a hostalería da comarca, que tanto están a sufrir as consecuencias derivadas da pandemia do coronavirus”.
Sala de despece na Fonsagrada
Así mesmo, foi aprobado un convenio coa Sociedade Club de Caza e Pesca da Fonsagrada por importe de 22.300€. O obxectivo é mellorar e acondicionar a sala de despece de produtos cinexéticos.
En concreto, con esta achega a sala pasará a contar cunha nova envasadora ao vacío para pezas grandes, e cunha serra que permitirá cortar pezas e ósos, incluso conxelados. “Con estas dotacións mellorarase a rendibilidade, eficacia e presentación dos produtos elaborados”, explicou Tomé Roca na rolda de prensa.



















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



