Lugo, 9 de decembro de 2020.- Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante a pasada ponte da Constitución 35 dispositivos na provincia de Lugo no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Os axentes realizaron controis en dez concellos da provincia, cun total de 99 inspeccións nas que se rexistraron 105 identificacións e sete denuncias.
En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos, entre os días 4 e 8 de decembro, a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus nos municipios de Chantada, Friol, Guntín, Láncara, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria, Vilalba e Viveiro.
No conxunto da comunidade galega, os axentes realizaron 213 dispositivos nun total de 52 concellos, sumando 582 inspeccións, con 665 persoas identificadas e 101 denuncias tramitadas.
Estes dispositivos enmárcanse no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.
Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.