Lugo, 29 de xaneiro de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou que a Xunta de Goberno celebrada telematicamente este venres aprobou actuacións para a mellora de 11 estradas provinciais que discorren por dez concellos nas que a institución inviste máis de 1M€. “Seguimos demostrando que unha da prioridades deste Goberno é a mellora das comunicacións. Cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos. Ademais, en tempos de crise, a obra pública pode e debe actuar como un motor que incentive a actividade económica e que axude a manter ou crear emprego”, subliñou o Presidente.
“Sacando adiante proxectos, contratos e obras beneficiamos a todos os concellos e a todos os veciños e veciñas da provincia, independentemente da localidade na que residan, favorecendo o equilibrio territorial”, indicou o Presidente.
En materia de estradas provinciais, José Tomé, responsable directo da área de Xestión Territorial, anunciou que este venres se aprobaron diferentes pasos administrativos para a posta en marcha de obras en máis dunha ducia de estradas por preto de 1.160.000€.
– En Sober aprobouse a adxudicación do acondicionamento da estrada LU-P-5903, que une Sober con Doade. A Deputación arranxará preto dun quilómetro desta vía, entre o punto quilométrico 13 e o 13,740. Estes traballos teñen un orzamento de 97.385,75€, e un prazo de execución de 9 meses. Trátase dun dos tres tramos que unen Sober coa estrada autonómica de Monforte a Castro Caldelas pendentes de acondicionar, segundo explicou o Presidente. Esta estrada ten relevancia social e económica, pois pasa pola parroquia de Amandi, e dá servizo á veciñanza e ás persoas que se achegan á zona.
– Tamén foi aprobada a adxudicación das obras de rehabilitación de firmes en 4 estradas de Ourol por importe de 254.584€ e un prazo de execución de 6 meses. Por un lado, mellorarase a LU-P-6602, que vai de Rúa Nova a Muras, e que dá servizo á veciñanza que ten gando na Serra do Xistral e tamén ás empresas que realizan o mantemento dos parques eólicos da zona. Neste caso vaise arranxar medio quilómetro, dende o punto 18,550 ata o 19,095. Neste concello, tamén se vai arranxar a LU-P-3805, que une os núcleos Sixto con Campo do Foxo, en dous tramos: o que vai do quilómetro 0 ata o 1 e do 11,240 ao 14,917. Esta vía provincial comunica as parroquias de Bravos, Ambosores e Sixto. A terceira estrada é a LU-P-6406, que vai dende Cristo da Portapena ata Ponte Segade. Neste caso, son os 200 primeiros metros de estrada, que presenta estragos. Amañarase tamén a LU-P-3808 de Foxo a Portapena, nun tramo de 2,676 quilómetros.
– A Xunta de Goberno aprobou a licitación dos traballos na LU-P-0210, que une A Seara (Alfoz) e San Acisclo (Foz) dende o punto quilométrico 5,100 ao 5,236. O prazo de execución das obras será de 6 meses e contarán cun orzamento de 118.994,49€. As actuacións consistirán no ensanche e mellora da vía, o aglomerado en quente, e a dotación de iluminación e beirarrúas co fin de mellorar a seguridade viaria. A Deputación inviste neste proxecto uns 130.000 euros, entre a execución das obras e a compra dos terreos.
– No Saviñao aprobouse a aplicación de remanentes producidos na adxudicación de investimentos incluídos inicialmente no Pan Único 2020 para o financiamento da adecuación dunha ducia de estradas por importe de 37.651,57€.
Tamén neste concello poderán comezar as obras por importe de 133.100€ da vía que une o núcleo de Monforte con Currelos, a LU-P-3202, logo da aprobación hoxe do último paso administrativo, o Plan de Seguridade e Saúde. As actuacións desenvolveranse entre os quilómetros 4 e 6,8. O prazo de execución é de 9 meses.
– Así mesmo, aprobouse tamén o Plan de Seguridade e Saúde para acometer o proxecto de renovación do firme da LU-P-5506, que discorre polos concellos de Trabada, A Pontenova e Lourenzá, dende o quilómetro 0 ata o 4,1. Con estas obras, que contan cun orzamento de 152.500€, a estrada de Augaxosa a Trabada, que é a principal vía de comunicación deste concello coa capitalidade lucense, queda renovada de maneira íntegra.
– Na Pastoriza, a Deputación de Lugo inviste preto de 170.000€ para rehabilitar a estrada provincial LU-P-1106, que vai de Castro de Rei a Campo do Oso, pasando por Reigosa. A Xunta de Goberno aprobou hoxe o Plan de Seguridade e Saúde. O Presidente subliñou a importancia destas obras, pois esta vía soporta un elevado volume de tráfico debido aos traballos que realiza unha canteira situada no núcleo de Xemil. Así mesmo, a LU-P-1106 é moi utilizada como saída cara Mondoñedo. A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar os Plans de Seguridade e Saúde no Traballo, último paso administrativo antes de iniciar estas obras, que afectarán a uns 4 quilómetros desta vía, entre os puntos quilométricos 16,9 e 20,4. Consistirán na mellora do firme con rego asfáltico, cun prazo de execución de 9 meses.
– En Barreiros, tamén poderán iniciarse os traballos por 91.300€ de mellora da estrada provincial LU-P-0610, coñecida como a estrada da Costa, nas próximas semanas logo da aprobación do Plan de Seguridade e Saúde. Son dous quilómetros, entre os puntos quilométricos 3,400 e 5,400, cun prazo de execución de 9 meses. José Tomé destacou que esta estrada ten “moita importancia estratéxica na Mariña porque é a que discorre paralela ás praias de Barreiros e chega ata a das Catedrais, en Ribadeo”.
– Logo da aprobación en Xunta de Goberno dos Plans de Seguridade e Saúde no Traballo, en Bóveda a Deputación iniciará as obras na estrada LU-P-0907, a vía que une a parroquia de Teilán co concello de Paradela. Son un total de 3 quilómetros de vía, entre o punto quilométrico 0 e o 3,2. Estes traballos teñen un orzamento de máis de 93.000€ para renovar o firme da estrada. O prazo de execución é de 9 meses.


















Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



