Mondoñedo, 04 de xaneiro 2021. O voceiro do BNG, Eloi Cabanas, rexistrou hoxe pola mañá no concello alegacións e suxestións ao proxecto de reforma da Praza da Catedral para que o grupo de goberno as teña en consideración antes de tomar unha decisión definitiva sobre as obras de reformada praza.
Para o BNG a Praza da Catedral é o lugar máis emblemático da cidade e a súa posible remodelación debe efectuarse tras unha profunda reflexión, sen precipitacións provocadas por oportunismos circunstanciais e con solucións que non sexan exclusivamente obras.
Ao BNG este debate pareceríalle moi interesante se o fin fose buscar a mellor solución sobre o modelo de mobilidade que queremos ter no futuro nas rúas do casco pero mentres non haxa un consenso maioritario ao redor do proxecto, non lles parece prioritario andar movendo 2,5 metros o muro norte onde está a balaustrada ou 2 metros a escalinata do cantón grande. Así que para os nacionalistas, a conformación actual da praza debería manterse polo momento co mesmo aspecto que ten na actualidade.
¿É NECESARIA A REFORMA DA PRAZA DA CATEDRAL PARA MELLORAR O SEU USO PÚBLICO?.
O BNG entende que para estudar a necesidade de reforma da praza e antes de encargar o proxecto fora moito mellor realizar reunións previas coa veciñanza pero o certo foi que non se estableceu así nun principio, “agora temos un proxecto co visto bo de Patrimonio, a financiación do Estado para cometer as obras de remodelación da praza e o concello, apurado polos prazos legais para executar as obras, dando un tempo de dez días para formular alegacións e suxestións as actuacións previstas”.
O BNG apunta que en novembro do 2019 defendeu unha moción para que antes da aprobación definitiva se puxera a exposición pública o proxecto e que se concretaran as modificacións necesarias da circulación do tráfico polas rúas adxacentes á praza así como o novo enclave da parada de taxis unha vez prohibida a entrada de coches á Praza da Catedral. O grupo de goberno emendou a proposta propoñendo tamén a creación dunha mesa de traballo na que se puideran achegar propostas e traducilas ao proxecto. Non se cumpriu o acordo plenario e máis de un ano despois da súa celebración aínda non temos unha solución clara e definitiva derriba da mesa de como vai quedar a praza.
Segundo o BNG, o concello só presenta obras de reforma e renuncia a propoñer un plan de xestión da mobilidade e accesibilidade no entorno que dea solución a todo o tráfico rodado que conflúe na praza. “Somos conscientes que o novo ordenamento non é nada fácil pero debe pasar necesariamente por asegurar a mobilidade dos residentes da zona e a accesibilidade a actividades económicas, eliminando o tráfico de paso para orientalo a vías exteriores principais xunto co fomento de zonas de aparcamento alternativas”.
CONSIDERACIÓNS DO BNG MONDOÑEDO EN RELACIÓN AO PROXECTO PROMOVIDO POLO CONCELLO:
-Peonalización Praza da Catedral:
Creemos positivo a eliminación do tráfico na Praza da Catedral, esta medida contribuiría a crear unha zona máis de esparexemento no casco e o lugar deixaría de ser unha zona de tránsito a outras zonas da cidade tal e como acontece na actualidade.
A peonalización da Praza da Catedral debería ir ligado a un plan global de mobilidade das rúas do casco tendo en conta zonas de aparcamento dirixidas a residentes e visitantes. Para iso, antes de sacar conclusións, sería necesario realizar unha recompilación de datos como a medición do tráfico nas rúas e un estudo de hábitos de mobilidade no entorno.
-Parada de taxis:
O cambio da parada de taxis debe ser consensuado cos taxistas e a decisión debe tomarse buscando o interese xeral e o beneficio de todos.
-Balaustrada do muro norte:
Segundo a memoria do proxecto, a actuación supón trasladar o actual muro 2,5 metros cara a praza coa idea de habilitar un paseo superior que non interfira o paso dos vehículos pola rúa.
Pensamos que pode haber alternativas que impidan o avance do muro cara a catedral e tendo en conta que o treito da rúa Pardo de Cela que discorre a carón da balaustrada é de dobre dirección, poderíase aliviar o tráfico nesa zona permitindo a circulación nun único sentido.
-Ampliación do Cantón Grande:
As obras consisten en desprazar dous metros cara o centro da praza as escaleiras do cantón para permitir o paseo na zona superior.
Parécenos moita obra de reforma para gañar só 80 metros cadrados máis de Cantón. O problema xurde pola mala planificación do concello coa distribución das terrazas que impiden o tránsito a pé dos peóns e, para garantir a accesibilidade de persoas con mobilidade reducida, non se propoñen outras posibles alternativas como podería ser a colocación dun ascensor que salve a pendente entre o Cantón e a rúa Lence Santar ou a construción dunha pequena rampla de acceso ou plataforma elevadora pola zona sur.
-Obras complementarias do proxecto de reforma da Praza da Catedral:
Ademais das obras maiores recollidas no proxecto, propóñense outras intervencións menores ou complementarias como son a limpeza e restauración do canal de desaugue que conduce a auga dos cantóns, a substitución da canalización de saneamento na rúa Pardo de Cela, a eliminación dos contedores soterrados, restauración dos farois dos soportais e a colocación doutros novos, colocación de focos incrustados no pavimento da praza próximos á fachada da catedral ou a renovación do pavimento deteriorado. Actuacións, estas si, que nos parecen positivas e que poden mellorar o aspecto e a funcionalidade deste espazo urbano.


















Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



