- A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, reuniuse coa presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, para pechar os preparativos dos actos de homenaxe a Agustín Fernández Paz que se celebrarán esta fin de semana
O venres descubrirase a placa que oficializa o nomeamento da Biblioteca Municipal co seu nome, dentro da iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027”, que busca divulgar o legado do escritor e apoiar a súa candidatura ás Letras Galegas de 2028. O programa inclúe unha exposición, a lectura dun manifesto e unha conferencia. O sábado entregarase no Auditorio o IX Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade. Rouco destacou a importancia de visibilizar a figura do autor e convidou a veciñanza a participar nos actos.
- O deputado Daniel García visitou o Muíño de Coea, en Castro de Rei, onde alumnado do CEIP Pedro Caselles Rollán participou nunha actividade do programa Da Escola á Granxa
As nenas e nenos coñeceron o proceso de moenda e levaron unha mostra de fariña. García destacou a importancia de achegar a realidade do rural á infancia e agradeceu a colaboración das granxas, ANPAS e centros educativos. O Muíño de Coea é unha das novas incorporacións a un programa que este ano inclúe 210 actividades e chega a máis de 6.000 escolares de 74 centros da provincia.
- 'O lobo e a xente: convivir nun mesmo territorio', encontro en Mondoñedo
O lobo, os cabalos e as persoas comparten desde hai séculos un mesmo territorio, unha convivencia que forma parte da realidade do rural e que presenta importantes retos. No marco da programación das San Lucas 2026, o Concello organiza este encontro para reflexionar e dialogar sobre esta situación, escoitar diferentes perspectivas e abordar os desafíos que implica compartir espazo co lobo. A cita terá lugar este mércores 21 de outubro, ás 18:30 horas, no Auditorio Pascual Veiga. Trátase dun tema de grande relevancia para o presente e o futuro do rural.
- O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, presentaron o Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo, unha campaña que sortea un vehículo híbrido para incentivar as compras no comercio de proximidade ata o 30 de novembro
Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web sorteocomercio.es/coche. O coche, exposto esta semana na praza, percorrerá varios concellos da provincia —Burela, Sarria, Vilalba e Monforte— para promover a iniciativa. O sorteo celebrarase o 3 de decembro ante notario. Rivera destacou o carácter innovador da campaña e o apoio da Deputación ao comercio local, mentres Seijas puxo en valor o seu papel para fortalecer a economía provincial nun contexto marcado polo aumento do custo de vida.
- Memorias dun neno labrego, de Contraproducións, este sábado, 24 de outubro, no Pastor Díaz de Viveiro
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
- O Concello de Cervo celebrou este luns unha andaina solidaria en apoio á loita contra o cancro, unha actividade que reuniu veciñanza nun ambiente de esperanza e compromiso
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
- O deputado de Medio Rural, Daniel García, participou este domingo na entrega de premios da Gran Feira Cabalar das San Lucas, en Mondoñedo
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.