Mondoñedo, 26 de febreiro, 2021. O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro congratúlanse de comunicar que o Museo conta cunha nova vitrina grazas á colaboración de D. César Cunqueiro González-Seco, fillo de D. Álvaro Cunqueiro, que cedeu novo material que foi propiedade do escritor mindoniense a quen está adicada a Casa–Museo.
O novo material que xa está exposto consiste en:
O anel de Álvaro Cunqueiro polo título “Doutor Honoris Causa” concedido pola USC (1980)
A medalla da concesión do Pedrón de Ouro a Álvaro Cunqueiro (1980)
Unha figura de trotador medieval con zanfona correspondente ao Premio da Crítica – Galicia 1979 de Creación Literaria.
A petaca para puros de Álvaro Cunqueiro
A carteira coas letras “A” e “C” entrelazadas na parte dianteira representando a súas iniciais de Álvaro Cunqueiro.
O catador de viños de Álvaro Cunqueiro.
Unha bola de neve de Carcasone da colección persoal do autor
O prato conmemorativo do 4º Premio Literario “Ánxel Fole” de Lugo do ano 1990 coa efixie de Álvaro Cunqueiro.
O petador do domicilio de Álvaro Cunqueiro en Vigo
Ademais diso conta con tres novos cadros colocados tamén no museo e cedidos por D. César Cunqueiro:
Unha carta enmarcada entre Álvaro Cunqueiro e Vicente Risco.
Unha fotografía de Dna. Elvira (dona de Álvaro Cunqueiro)
Un poema orixinal adicado a de Uxío Novoneira, asinado polo autor.
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro queren agradecer a D. César Cunqueiro esta inestimable colaboración.
Tamén, coa mesma, lembrar que o museo, coas novas normas en vigor, é visitable baixo protocolo anti-Cóvid.
As visitas poden ser de martes a domingo entre as 10h e as 14h e as 16h e 19h. O contacto para a visita, polo relativo ao control de aforos, é a Oficina de Turismo de Mondoñedo que se sitúa na mesma praza da Catedral onde está o Museo ou ben contactando a través do teléfono 982 50 71 77.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



