Foz, 19 de maio de 2021. O Concello de Foz consignará case 90.000 euros de fondos propios no presuposto municipal deste ano para a compra dos terreos da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR). Anunciouno o alcalde, Fran Cajoto, que solicita á Xunta de Galicia que axilice a aprobación do anteproxecto e estudo de impacto ambiental “dunha infraestrutura que debería estar en funcionamento xa desde o ano 2020 segundo o convenio asinado no 2016”.
O rexedor municipal explica que “en Foz é máis necesaria ca nunca unha nova depuradora: non podemos coidar unha ría cualificada como LIC e ZEPA, de tanta importancia medioambiental, sen unha infraestrutura con capacidade suficiente para tratar as augas residuais de Foz. Debemos recordar que a nova EDAR será financiada ao 80 % por fondos europeos, dentro do programa operativo FEDER GALICIA 2014-2020. Tendo en conta que coa prórroga establecida de 3 anos para estes fondos a xustificación final deberá realizarse antes de decembro do 2023 e que xa transcorreu a metade do 2021, só restan 2 anos e medio para cumprir con Europa”.
Fran Cajoto engade que “dentro destes 2 anos e medio debemos incluír a licitación do proxecto construtivo e da obra, a redacción e aprobación do proxecto construtivo, a execución da infraestrutura e a posta en funcionamento da nova EDAR. Iso sen contar que aínda está pendente a aprobación final do anteproxecto e o estudo de impacto ambiental, a aprobación en pleno, a compra dos terreos unha vez se aprobe definitivamente o anteproxecto e todos os requisitos que conleva un proxecto destas características: hai demasiado pouco tempo”.
Ademais o alcalde destaca que “aínda que a ubicación escollida para nós non é a óptima, estamos colaborando en todo o necesario para que Foz non perda a oportunidade de contar con esta infraestrutura tan necesaria” e incide na importancia do proxecto construtivo, que deberá redactar a mesma empresa que faga as obras de construción: “o idóneo sería que a empresa redactora do proxecto construtivo fora completamente independente da que execute a obra. A Xunta de Galicia non pensou iso e a todas luces errou. O adxudicatario do contrato podería optar por facer un proxecto con solucións máis económicas e non as mellores tecnicamente. Non é cousa menor, por iso solicitamos a Augas de Galicia que nos permita formar parte da supervisión do proxecto construtivo”.
Cajoto explica tamén que “outras das cuestións que se propuxeron en distintas reunións con Augas de Galicia foi a integración do tanque de tormentas -a executar na explanada do peirao- co entorno, así como a recuperación da nave na que está a actual EDAR, demolendo só parte -e non toda a estrutura actual- poderíase recuperar a nave para usos municipais: creemos que se deben optimizar os recursos, sobre todo nos tempos actuais. A integración da nova EDAR en Forxán e o seu impacto tanto na parte visual como nos posibles cheiros é outra das cuestións que debe tratar o proxecto construtivo máis a miúdo, para o que os veciños piden unha infraestrutura completamente cuberta”.
“Agardamos a aprobación do anteproxecto e estudo de impacto ambiental para poder executar a parte do convenio que nos corresponde dunha infraestrutura tan necesaria”, remata o alcalde.



















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



