Luxemburgo, 28 de xuño de 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea no que se analizou un posicionamento do Consello Europeo que introduce propostas de cambios no proxecto de regulamento europeo de control da pesca. A titular de Mar salientou que as modificacións recollidas no texto son insuficientes e nimias pois inclúen numerosos condicionantes que limitan a flexibilidade dos requisitos exixidos inicialmente e que seguen a complicar en gran medida a operativa diaria da frota pesqueira artesanal e do marisqueo a pé.
A representante do Executivo galego, que acompañou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nos debates sobre política pesqueira, incidiu en que a proposta apenas supón avances e melloras reais no seu impacto sobre a baixura e o marisqueo pois seguirían véndose sometidos a maiores controis e obrigados a duplicar o labor de comunicación das súas capturas.
No caso da xeolocalización, os cambios introducidos na proposta do Consello Europeo refírense á posibilidade de que o dispositivo non teña que estar instalado -fixo- no buque, senón que pode ser portátil, pero inclúen condicionantes para a exención da súa dispoñibilidade que son difíciles de cumprir. Por iso, non implican avances de calado e, ao mesmo tempo, establécese a obriga dun sistema adicional de control para os buques que se beneficien desas posibles exencións, polo que se limita en grande medida esa suposta mellora. Galicia defende a exención da pesca de baixura e do marisqueo da obriga da xeolocalización ao faenar preto da costa e estar sometidos a rigorosos controis.
A conselleira do Mar explicou que algo semellante ocorre no caso da videovixilancia a bordo. O texto indica que deben instalar o sistema aqueles barcos nos que se considere que hai risco de incumprimento da obriga de desembarque, o que xera certa arbitrariedade na súa aplicación. Por iso, Galicia defende que esta medida sexa voluntaria ou como sanción ante posibles infraccións ao considerala desmesurada e que pode atentar contra o dereito á intimidade dos tripulantes.
En canto ao diario electrónico e ao rexistro das capturas, as novidades limítanse á posibilidade de desenvolver un sistema propio para as embarcacións de menos de 12 metros, pero non hai nin unha simplificación nin unha adecuación aos datos que xa transmite o sector mediante a declaración de desembarque ou as notas de venda. A titular de Mar entende que neste aspecto non hai flexibilización e que coa nova norma se podería someter á frota artesanal a un dobre proceso de remisión de datos solapado e recorrente.
O mesmo ocorre na pesca sen buque (o marisqueo a pé), onde Galicia lamenta que o texto presentado pode traer obrigas adicionais ás xa existentes no sector, que xa conta cuns sistemas de control e trazabilidade propios así como controis adicionais como son os hixiénico-sanitarios. Esas normas e obrigas novas, advertiu Rosa Quintana, poden dificultar o ciclo normal de comercialización do marisqueo a pé.
Ante esta situación, a comunidade galega confía en que a intervención dos Estados membros durante a negociación dos trílogos -os debates entre a Comisión Europea, a Eurocámara e o Consello Europeo- permita flexibilizar ou mitigar o impacto desas medidas que ameazan con complicar en gran medida o labor dos profesionais do mar.
Cotas de 2022
O Consello de Ministros de Pesca de Luxemburgo tamén serviu para analizar o proceso de fixación das posibilidades de pesca en augas comunitarias para 2022, un asunto no que a conselleira do Mar apostou pola necesidade de que haxa un equilibrio entre os aspectos medioambientais, económicos e sociais. Nesta liña, lamentou que a fixación dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2021 en augas compartidas co Reino Unido se realizase tendo en conta unicamente os datos ambientais da actividade, algo que considerou un mal precedente, polo que avogou por non repetir esa fórmula.
A titular de Mar incidiu en que Galicia vai seguir traballando na defensa dos intereses da frota galega nas futuras negociacións das posibilidades de captura. Nesta liña, explicou que a comunidade xa está a elaborar, en colaboración co sector e coa Universidade de Santiago de Compostela, informes de impacto socioeconómico da redución de cotas que pode traer consigo as recomendacións de ICES para entregalos ao Goberno central e que os poida empregar nos debates de cara á fixación dos TAC de 2022.
A representante do Executivo galego salientou ademais que ese equilibrio entre os aspectos medioambientais, económicos e sociais é máis importante ca nunca tendo en conta que a propia Comisión Europea recoñece o bo estado das pesqueiras do Atlántico Nordeste. De feito, os caladoiros desta conca europea case acadan en 2021 o rendemento máximo sustentable (RMS), o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación sen prexudicar o recurso.
Rosa Quintana tamén abordou a eliminación dos descartes na pesca, un asunto no que defendeu a necesidade de ter en conta a súa orixe, motivada maioritariamente pola escaseza de cotas, para adoptar medidas acordes á situación e que non impidan o desenvolvemento normal da actividade da frota. Neste sentido, Galicia tamén propugna a aplicación de vantaxes para as artes de pesca máis selectivas co obxectivo de incentivar melloras neste eido.


















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



