Santiago de Compostela, 26 de xaneiro 2022. O Bloque urxiu á Xunta no Parlamento galego solucións ante a grave crise industrial que padece o País, na vez de limitarse a desenvolver políticas que se reducen “a acompañar aos traballadores e traballadoras á porta de saída ou á precarización”. Así llo reclamou nunha interpelación en Pleno parlamentario o portavoz nacionalista de Economía e Industria, Mon Fernández, ao vicepresidente segundo e conselleiro do ramo, Francisco Conde, a quen recriminou que “a súa política deu como resultado 12.000 postos de traballo menos no sector industrial, precarización das condicións de traballo e desprotección medioambiental”.
“Unha política suicida”, resumiu, logo de repasar a crise que atravesa o sector ao longo da xeografía galega, dende A Mariña ata Vigo, con moitos máis empregos en risco en diferentes actividades, diferentes empresas e por causas tamén diferentes pero que, en todos os casos, comparten un común denominador, “a inutilidade do Goberno de Feixóo para resolver ningunha de todas estas crises”.
Logo de rexeitar os argumentos reiterados polo PP, sobre todo nos últimos tres anos, de que a responsabilidade é do Executivo estatal, cando Feixóo leva gobernando en Galiza case 13 anos -“a responsabilidade será, cando menos, compartida por PSOE e PP”, sentenciou-, Fernández pediu explicacións ao conselleiro polas medidas desenvolvidas ata o momento e as que ten previsto emprender para corrixir esta tendencia, “unha curva de perda de actividades industriais e empregos que xa dura case 13 anos e que parece que se vai prolongar durante algún máis se os gobernos non toman medidas urxentes”.
Nesta liña, exixiu respostas ante o feito de que a “mocidade galega estea condenada a elixir entre precariedade ou emigración”, ante a negativa da Xunta a rescatar grandes empresas industriais en crise ou ante a súa oposición a non contemplar nos orzamentos actuacións nas zonas máis afectadas pola transición enerxética.
Crises por todo o País: A Mariña, Ferrolterra, As Pontes, A Coruña, Vigo…
“Explíquenos por que o goberno de Feixóo leva 13 anos incumprindo as súa propia promesa electoral de impulsar unha grande área de reparacións navais en Ferrol; explíquenos por que o goberno galego rexeita vincular a autorización para instalar parques eólicos a que os promotores impulsen ou participen en proxectos industriais asociados; explíquenos por que o goberno galego rexeita impulsar a creación dunha empresa pública de enerxía que concentre todos os activos enerxéticos de Galiza para axudar ao impulso industrial e á transición enerxética; explíquenos por que o goberno galego consíntelle a Xeal o incumprimento dos termos das súas concesións hidroeléctricas ou por que deixou caer o naval de Vigo como se non fora con vostede. Explíquenos por que o goberno de Feixoo asume as posicións do presidente de Stellantis, aínda que iso implique renunciar a que se instalen en Galiza fábricas de baterías ou de microchips, ou por que Galiza segue tan lonxe dos investimentos en I+D+i de outros países e territorios da nosa contorna”, cuestionou con severidade.
“Ten vostede moitas explicacións que dar, señor vicepresidente; máis de 12.000 postos de traballo perdidos nos contemplas e moitos máis en risco”, resumiu para a continuación instar ao Goberno do PP a concretar as medidas que ten previstas neste ámbito en comarcas como as da Mariña, As Pontes, Ferrol, A Coruña ou Vigo.
“Porque estase a consolidar a opinión de que ese ‘estar ao lado dos traballadores e traballadoras’ que vostede repite continuamente significa unicamente acompañalos á porta de saída”, incidiu, para exemplificar cos casos de Siemens-Gamesa, Vestas, Alu Ibérica ou Barreras, “nos que as alternativas empresariais que se manexan implican traspaso de activos sen máis garantías para o persoal”. A estes casos engadiu tamén o de Stellantis, principal empresa por emprego no sector industrial, e na que traballadores e traballadoras “levan varios anos en ERTE permanente”, mais tamén, e sobre todo, preocupados pola “continua precarización das súas condicións de traballo”.
Neste contexto, o deputada nacionalista criticou que a gran medida do Executivo Feixóo sexa a de “eliminar burocracia”, o que cualificou de “eufemismo do PP” para agochar, ademais da súa falta de iniciativa e de proxecto para este País, “unha redución de prazos, entre outros, aqueles de exposición pública das avaliacións ambientais, mesmo en contra das directivas da UE, tal e como vén de afearlle o Tribunal Superior de Galiza”.
“Parece que a súa solución para todo é reducir garantías, sexa no ámbito laboral ou medioambiental, alimentando esa falta e perigosa dicotomía entre crecemento económico e condicións laborais, entre crecemento económico e medio ambiente”, resumiu. Logo de escoitar a intervención do vicepresidente segundo, Mon Fernández cualificou de “indignante o nivel de frivolidade e de demagoxia” empregado polo Goberno galego para falar dun problema tan grave para Galiza como é a perda de peso industrial e, neste sentido, considerou “máis grave e indignante aínda” por producirse nun contexto de crise xeral, de grandes incertezas, “no que o nivel de autoesixencia, de responsabilidade e de ansia dos gobernos debía ser o máximo”.
“Mais aquí está vostede, coma sempre, mantendo contra vento e marea un relato partidista e absolutamente pobre, absolutamente cativo, que en nada axuda a facer unha diagnose da situación cabal e razoable, a dar un debate construtivo, e que, por suposto, en nada axuda a construír e acertar cos proxectos e coas solucións”, reprochou, para a continuación recalcar que, de aí, “a incapacidade do PP e do Goberno de Feixóo para liderar o País, esa inutilidade manifesta para protexer os nosos sectores estratéxicos, para sacar partido das potencialidades de Galiza, da nosa posición da nosa posición xeo-estratéxica, dos nosos recursos enerxéticos, do noso capital humano, ou da nosa posición consolidada en sectores que historicamente aguantan mellor as crises e os ciclos económicos”.
“E ademais dimiten, renuncian a traballar por mellorar ou resolver aqueles problemas estruturais do país, como por exemplo o financiamento, na que o goberno de Feixóo prefire facer fronte común con outros territorios cos que non ten nada que ver, priorizando a obediencia ao presidente Casado e os intereses do PP, por enriba dos intereses de Galiza; e todo a cambio dun pouco de protagonismo mediático nos medios da corte madrileña”, concluíu.





















A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Conta con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibirán as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolle a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destaca a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Estímase que ata o domingo se acheguen a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



