Alfoz, 29 de xaneiro, 2022. No Pleno municipal celebrado este venres, VIA Alfoz instou ao goberno municipal a que, a través do Servizo de Audiovisuais da Deputación Provincial de Lugo, se proceda á gravación dos Plenos Municipais. Así mesmo, tamén se solicitou que as gravacións das sesións se publiquen na páxina web do Concello de Alfoz, habilitando un espazo visible e facilmente accesible para tal fin.
Sometida a moción a debate, finalmente non foi aprobada polo voto en conta dos catro representantes do PSOE presentes no Pleno, tendo que facer uso do voto de calidade do Alcalde xa que os dous edís do PP sumáronse aos dous de VIA Alfoz a favor da moción.
Desde o grupo municipal de VIA Alfoz indican que, “as administracións públicas, e os representantes políticos que formamos parte delas, temos a obriga de facilitar a maior información e participación da nosa veciñanza nos asuntos municipais que lles interesan e lles afectan”. Ademais, tal e como indica a moción, indican que “é obvio que os debates e os acordos adoptados nos Plenos municipais interesan e afectan a toda a veciñanza, tendo dereito a acceder de forma sinxela e rápida ao que din e deciden os seus representantes públicos”.
Desde o equipo de goberno do PSOE indican que as actas das sesións xa se publican na Sede Electrónica do Concello polo que non consideran necesaria a gravación dos Plenos. Neste sentido, desde VIA Alfoz recordan que “é certo que se lle dá publicidade ás actas das diferentes sesións, pero consideramos que a gravación dos Plenos Municipais é unha forma sinxela e obxectiva de amosar a transparencia que a veciñanza espera dos seus representantes políticos”, ademais, “non entendemos a actitude do PSOE, nin sabemos o que lle queren ocultar aos veciños. A gravación dos plenos permitiría que todo o mundo ver a verdadeira actitude do equipo de goberno nos Plenos”. Neste sentido, no propio Pleno, Jorge Val, Alcalde de Alfoz, indicaba que nas redes se estaban terxiversando unhas declaracións da Sra. Incera que aparecen na acta da sesión anterior, en referencia ás obras do peche perimetral do CEIP Castro de Ouro. “Isto saca á luz as diferencias que existen dentro do goberno municipal entre o Sr. Val e a Sra. Incera xa que, mentres que o primeiro indica que esas declaracións eran falsas a segunda confirmou que ela dixera que ía eliminar o muro existente e facer un novo, tal e como di a acta”. En calquera caso, desde VIA Alfoz recordan que “a gravación dos plenos evitaría estas discrepancias” e tamén se laian de que “finalmente non se está facendo un muro novo”, a pesar das declaracións da Tenente Alcalde.
Desde VIA Alfoz sorpréndense da actitude dos grupos de PSOE e PP, recordando que o mesmo PSOE estaba interesado na gravación dos plenos en 2003, negándose por aquel entón o PP. “Parece o mundo ao revés. Algúns esquecen os seus principios cando acceden ao goberno”, apuntan desde VIA Alfoz, engadindo que “trátase dun exercicio de transparencia que o actual goberno non quere realizar”.
No Pleno tamén de debateron outras dúas mocións presentadas por VIA Alfoz correspondentes á realización dunha campaña de sensibilización de responsabilidade cidadá, coa finalidade conseguir unha sociedade concienciada co coidado do medio ambiente, xa que “nos últimos tempos vénse observando a proliferación de lixo nas beiras das vías públicas do noso concello”. Na moción, que foi aprobada por unanimidade, tamén se insta a promover iniciativas de voluntariado, enfocadas en realizar recollidas de lixo a través de diferentes asociacións.
A terceira moción, insta ao Servizo Galego de Saúde á substitución da sinalización existente nos aseos do Centro de Saúde de Alfoz, colocando outra inclusiva, igualitaria e non discriminatoria por estereotipos de xénero ou diversidade funcional. Esta moción foi igualmente aprobada por unanimidade, ampliando o alcance da mesma, a petición de PSOE e PP, para pedirlle ao Segas que se cubran as baixas dos médicos e que se atendan as necesidades de material e accesibilidade.




















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



