Ribadeo, 11 de marzo, 2022. Hai cousa dunha semana, o BNG de Ribadeo animou a todas as persoas amantes da igualdade plena entre homes e mulleres a sumárense aos diferentes actos, institucionais e reivindicativos, que fora haber ao longo de toda a comarca. Mais a responsabilidade que nos toca como organización política tamén inclúe a presentación de propostas a levar a cabo tanto alí onde desempeñemos responsabilidades de goberno, como onde sexamos o referente na oposición; e facémolo dando a coñecer a nosa alternativa política, neste caso, en temas de igualdade e loita contra a violencia machista.
En tanto siga a haber violencia machista non haberá igualdade efectiva. Por iso propoñemos desenvolver a Lei Galega de Violencia na que estableceremos que o 1% dos orzamentos da Xunta sexan destinados ás políticas de erradicación da violencia machista. Tamén, para que sigamos avanzando na igualdade efectiva, debemos actualizar o marco legal en materia de igualdade: a Lei 7/2004 (que foi refundida sen cambios no decreto 2/2015) debe ser actualizada á realidade dos anos 20 do presente século. Así mesmo, para acadar esa igualdade efectiva temos que por remate á fenda salarial: non pode ser que as mulleres galegas cobremos máis de 4000€ ao ano menos que os homes. Ten que ser de obrigado cumprimento publicitar os salarios e complementos para que se constate esa fenda salarial e impulsar sancións efectivas ás empresas que vulneren o marco legal. Ademais, cunhas políticas valentes a prol da conciliación e a corresponsabilización nas tarefas tradicionalmente asignadas ás mulleres, camiñaremos cara a esa igualdade efectiva.
Pero estes cambios tamén teñen que chegar a outros planos da vida cotián. A atención sanitaria ten que experimentar mudanzas: a perspectiva de xénero ten que ser incorporada á práctica médica. Os estudos de diagnóstico non poden ser levados a cabo en clave masculina como se fora algo xenérico á condición humana. É ben sabido que, por exemplo, os problemas cardíacos non se manifestan nin afectan do mesmo xeito aos homes que ás mulleres. Debemos garantir os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, nomeadamente o aborto; cómpre tomarmos medidas encamiñadas á mellora da atención sanitaria das mulleres que sofren endometriose, ampliando a súa atención cunha unidade multidisciplinar de referencia e consultas específicas en cada área sanitaria.
A nivel laboral, no mundo do mar, no medio rural, no sector das traballadoras das residencias de maiores e de Axuda no Fogar, no traballo doméstico… en todos estes eidos cómpre visibilizar o papel desempeñado pola muller traballadora e mellorar as súas condicións laborais. Foron varias as propostas de cambios lexislativos presentadas polo BNG destinadas a tal fin.
Tamén no mundo da xustiza hai que introducir cambios que melloren a atención ás mulleres. Se a xustiza é patriarcal, non é xustiza. Hai que apostar por implementar a formación de todo o persoal que intervén na administración de xustiza para que sexa sensíbel coa problemática específica da muller nun mundo ata hai non moito tempo exclusivo de homes con mentalidade ben tradicional e, polo tanto, patriarcal.
No eido da educación temos unha grande oportunidade para ir a máis na nova mentalidade que vaia máis alá da visión patriarcal e para superar vellos esquemas que, iso si, de xeito silandeiro aínda poden seguir máis ou menos presentes en todos e todas nós. O labor do equipo de goberno do BNG no Concello de Ribadeo, nomeadamente nas áreas de Igualdade, Educación e Mocidade, son un referente a nivel comarcal e para toda Galiza. Seguiremos apostando pola potenciación da colaboración institucional e o fomento de novos valores no mundo do ensino e na sociedade en xeral.
Precisamente nese contexto de fomento de novos valores, apelamos ao papel que os homes, como suxeito responsábel para camiñarmos cara a unha sociedade en pe de igualdade entre homes e mulleres, podemos, e debemos, desenvolver. Non é unha loita entre sexos; é un empeño de todas as persoas, homes e mulleres, que amamos a igualdade plena, por sermos protagonistas da vida cotián compartindo responsabilidades, ledicia, tristura, ganas de vivir.


















Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.



