Na procura do significado da palabra latina vox atópome voz, pero tamén voto. Cádrame. En tempos, unha palabra dada era máis firme que algúns dos escritos de agora, moitas veces considerados como papel mollado. Polo tanto, a voz dada tería un carácter inequívoco de voto, de preferencia ante unha opción que sería certificada pola mera expresión dada, pola palabra.
Hoxe por hoxe, parece que para ter voz -xa digo, algo que vai antes do voto, como expresión e certificación del- hai que apuntarse a determinadas políticas e/ou formacións políticas. Entón, podes ter difusión mediática, aireada pola prensa ou polos contrincantes, que te dan cancha e propaganda, mesmo sobreactuando. Unha postura que me resulta inconcebible non tanto por ridícula como por incoherente e autoprexuízo.
Téñense dado -estanse a dar- moitos casos do que digo no parágrafo anterior, pero sempre chama máis a atención o que toca máis preto, e este artigo ten a súa orixe precisamente nun deses casos próximos. Cando hai uns días a prensa deu saída a unha nota do concello de Ribadeo reafirmando a súa actividade en prol da igualdade, o que se veu non foi a propia actividade do concello en materia de igualdade e o seu rendemento, (actividade que non estimo errada e da que en xeral é pronto para estimar a súa efectividade), senón a causa que deu orixe á nota do concello: segundo parece, as críticas vertidas dende un partido de extrema dereita. E digo segundo parece, porque alguén houbo mergullarse no torrente das redes sociais para chegar a unha nota dese partido, a nivel provincial, da que en Ribadeo nada -ou pouco- se sabía e na que Ribadeo aparece nada máis que como unha cita entre outras, sen argumentación particular algunha.
Pero si, o caso é que agora ese partido de extrema dereita xa ten presenza nas novas do concello. Que polo momento os votos que tivera caiban con folganza nunha carteira non impide que o papel adicado neste caso xa non caiba. Algo ben diferente do que ocorre con outros feitos con movemento orixinado no propio termo municipal. Por poñer algúns exemplos, a baixada á praia do cargadoiro, a de orixe natural máis próxima á vila, leva un ano impracticable, foi un feito notificado polos veciños urxindo a súa reparación e enfróntase á campaña de verán sen amaño e sen novas explicativas ou xustificativas do concello. O acceso á illa Pancha, que entre outras reclamacións presentadas ten recibido dúas sentenzas xudiciais, segue restrinxido sen actuación do concello máis aló de dicir que a sentenza é positiva, non dando importancia a que o concello foi levado a xuízo (e non ó revés) e que hai un movemento veciñal ben anterior ó que ben pouco caso se lle fixo. Ou a nova residencia de maiores, levantada a partir da insistencia dos veciños, fonte de múltiples notas de prensa no seu momento e agora relegada á falta de información e seguimento social, a pesar da importancia de ambas para o desenvolvemento a longo prazo dun servizo deste tipo.
A voz vai antes que o voto. Para emitir o voto, fai falta voz; en caso contrario, non se ten confianza de que valla para algo. De aí a que a participación se encauce cara a extremismos antidemocráticos vai un paso.




















Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



