A Xunta de Goberno da institución provincial licitou obras de acondicionamento en estradas que discorren polos municipios de Barreiros, Vilalba, Guitiriz, Trabada, O Saviñao, Lugo, Guntín e Portomarín
Lugo, 1 de xullo de 2022. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento de 1,3M€ para seguir mellorando a rede viaria provincial. En concreto, deu luz verde aos proxectos e á licitación das obras para o acondicionamento de 12 vías que discorren por 8 concellos da provincia: Barreiros, Vilalba, Guitiriz, Trabada, O Saviñao, Lugo, Guntín e Portomarín. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, subliñou que estas actuacións demostran o bo ritmo de xestión e o esforzo “que facemos para seguir mellorando a rede de estradas, á que dedicamos practicamente o 20% do orzamento total da entidade”.
“En Barreiros aprobamos a rehabilitación do firme de tres vías provinciais por preto de 150.000€ e un prazo de execución de dous meses”, explicou a Deputada. Trátase das vías LU-P-0605, que comunica Benquerencia con Suigrexa, onde se renovará o firme dende o comezo ata o punto quilométrico 1,2; LU-P-0606, de Benquerencia a Pedregas, cunha actuación do quilómetro 0,473 ao 0,707; e LU-P-0607, de Benquerencia á Praia da Fontela, na que se farán melloras nos dous primeiros quilómetros.
García Porto recordou que “a pasada semana, xunto ao Presidente, supervisamos outra das actuacións que esta institución levou a cabo no concello de Barreiros en materia viaria. Neste caso, a estrada de San Cosme ao Cruce da Insua, a antiga LU-P-0608, unha vía que é agora de titularidade municipal, que foi acondicionada recentemente grazas a unha achega da Deputación de 35.000€”.
Tamén na Mariña, licitouse no concello de Trabada a rehabilitación do firme da LU-P-6101 nun treito de catro quilómetros, entre os puntos quilométrico 3,554 e 7,556. Esta actuación, que se levará a cabo na vía que conecta Trabadela coa Ría por Sante, conta cun orzamento de 177.853€ e un prazo de execución de 2 meses.
Así mesmo, a Xunta de Goberno licitou para a comarca da Terra Chá dous contratos para a mellora de dúas estradas en Vilalba por un importe de medio millón de euros. “Na LU-P-6501, que une Vilalba con Feira do Monte, investiremos 254.000€ para acondicionar cerca de 4 quilómetros, dende o seu inicio ata o punto quilométrico 3,835. Pola súa banda, na LU-P-6502, de Vilalba a Chavín pola Balsa, dedicamos uns 200.000€ para traballos entre o quilómetro 2,1 e o 4,6”, explicou Pilar García Porto.
Tamén se actuará en Guitiriz cun orzamento de 110.300€ para a mellora do firme e da senda peonil da LU-P-2304. A voceira socialista sinalou que “se trata dunha vía que une o núcleo de Guitiriz con Sete Muíños, un espazo de lecer na natureza ao que se achega a veciñanza e os visitantes”, aclarou.
Ribeira Sacra e Lugo
No concello do Saviñao a Xunta de Goberno aprobou a licitación para rehabilitar o firme de preto de 5 quilómetros, entre o punto quilométrico 17,2 e o 21,9, da estrada provincial LU-P-4202, que comunica Pacios con Currelos por Aldosende. García Porto explicou que “para esta actuación contamos cun orzamento de preto de 100.000€ e un prazo de execución de dous meses. Xa neste mandato levamos a cabo o acondicionamento doutros tres quilómetros desta estrada, do punto quilométrico 22,150 ó 25,410, cun investimento de 119.000€”.
En Portomarín, a Deputación acometerá dúas actuacións, entre os puntos quilométricos 1 e 4 da LU-P-4902, que vai do Alto do Valiño a Valdeporras por Vilaxuste, e dos puntos quilométricos 2 a 3,235 da LU-P-4909, que conecta Toxibo coas Neves, explicou a voceira socialista. Estas melloras contan cun orzamento de preto de 260.000€ e un prazo de execución de 3 meses.
García Porto sinalou que “estas dúas actuacións son obras moi importantes para Portomarín e para toda a zona porque supoñen a mellora do enlace coa N-540 cara Ourense”.
A Xunta de Goberno aprobou, tamén, a licitación para a mellora das comunicacións entre os concellos de Lugo e Guntín coa rehabilitación do firme entre os puntos quilométricos 1,35 e 5,8 da LU-P-2406 e os primeiros 300 metros da estrada na LU-P-2402.
En materia de estradas, a voceira socialista do Goberno avanzou que a Deputación sacará de novo a contratación á maior brevidade posible a obra de rehabilitación do firme de dous quilómetros da LU-P-3601, no concello de Negueira de Muñiz, tras quedar deserto o proceso por non presentarse ningunha oferta.
Centros de Atención a Persoas Maiores
“Na Xunta de Goberno de hoxe aprobamos a adxudicación dos contratos para a prestación de servizos básicos nos Centros de Atención a Persoas Maiores de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada por un importe conxunto que se aproxima aos 3M€ e por un período dun ano, coa opción de tres prórrogas anuais máis”, anunciou García Porto.
Na residencia de Trabada o contrato foi adxudicado a Troncoso Casares, S.L. por 683.075,02€ e, na de Ribadeo e Pol, a CK Senior Gestión, S.L., por 820.000€ e 725.000€, respectivamente. Por último, na Fonsagrada, a adxudicación foi a Rodas Vivenda Comunitaria, S.L., por 640.000€.
Parque Móbil
Por outra banda, quedou aprobada a contratación do subministro de aglomerado para o Parque Móbil da Deputación cun orzamento de máis de 680.000€ e un período de 6 meses, con opción a prórroga de ata un ano. “Trátase dun contrato que permitirá seguir acometendo obras de mantemento e mellora das estradas provinciais, pero tamén das municipais, pois a Deputación ten o Parque Móbil a disposición dos concellos, como unha ferramenta de cooperación para que poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, explicou a Deputada.
A Deputación cos concellos
Outro dos asuntos que saíu adiante foi a solicitude do Concello da Pontenova para destinar remanentes do Plan Único 2021 para actuacións complementarias á mellora da rede viaria de Vilar, en concreto, 5.057€.
Así mesmo, aprobouse un convenio de colaboración a través do que a Deputación de Lugo achega 108.000€ ao Concello da Pastoriza para a instalación de alumeado público na zona do Carrizal e a mellora nos accesos ao núcleo de Fontao e nas conexións de Bretoña coa estrada autonómica LU-125, e do Biduido coa LU-122.



















Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.
Este venres visitaron Ferrol e As Pontes, e o sábado serán os actos institucionais de benvida no concello de Ribadeo. Pola mañá será inaugurada unha placa conmemorativa da visita, e despois a recepción oficial na Casa do Concello.
Villares detallou algunhas destas accións no encontro empresarial organizado en Vilalba pola organización profesional BNI LOU VCR Breogán, un grupo de networking integrado por unha trintena de empresarios e profesionais da provincia. Entre outras, referiuse ás axudas para favorecer o establecemento dos traballadores autónomos ou para o fomento da contratación; os plans do Igape para a expansión e innovación do tecido produtivo, ou as iniciativas de formación. “Apoiar as empresas, as pemes e aos autónomos é apoiar o futuro do territorio”, afirmou.
A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.



