A subdelegada fixo fincapé no “importante impacto do programa na provincia de Lugo, do que se benefician 61 dos 67 concellos”
Meira, 7 de setembro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe que 720 mozos e mozas maiores de 18 anos e menores de 35, poderán beneficiarse das axudas de 10.800 euros que o Goberno concederá para a adquisición de vivenda habitual nos municipios de Meira, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto. A subvención terá unha axuda equivalente naqueles casos nos que se opte polo aluguer dunha vivenda no canto da compra. Estas liñas de axuda contempladas no Plan Estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025 do Goberno teñen o obxectivo de favorecer o asentamento de poboación nos municipios de menos de 10.000 habitantes. O programa foi detallado pola subdelegada do Goberno nun encontro celebrado na casa do concello de Meira con alcaldes e responsables municipais dos diferentes concellos da comarca, no que tamén animou aos mozos e mozas da zona a aproveitar esta oportunidade.
Isabel Rodríguez trasladoulles aos presentes que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana creou este programa de subvencións á adquisición ou arrendamento dunha casa co dobre obxectivo de facilitar o acceso á vivenda da xente nova ao tempo que trata de axudar a atraer poboación aos concellos con menos habitantes. Así, destacou que este programa “facilitará que a mocidade opte polas vilas e os pequenos municipios á hora de iniciar o seu proxecto de vida” e recordou o importante impacto que ten na provincia de Lugo onde “61 dos 67 concellos entran dentro da categoría de poboación de menos de 10.000 habitantes”.
Isabel Rodríguez incidiu en que o obxectivo que se fixa o Goberno con estas novas axudas é axudar a asentar poboación nova nos pequenos concellos para frear o seu declive. Lembrou que o reto demográfico é una política transversal do Goberno de España, que se reflicte naqueles programas e medidas que teñen impacto sobre a poboación e o territorio como poden ser a vivenda, os servizos públicos e o impulso a actividade empresarial.
A Subdelegada do Goberno sinalou que “o 100% dos 10.800 euros que os mozos e mozas dos concellos de menos de 10.000 habitantes poderán recibir por compra a cargo do Plan Estatal de Vivenda son aportados polo Goberno a pesar de ser a vivenda unha competencia autonómica”. Neste liña lamentou que “a Xunta, encargada de tramitar as subvencións, anuncie estas medidas como propias sen complementalas nin poñer un só euro”.
Axudas para compra e aluguer
O Programa de axuda ás persoas mozas para contribuír ao reto demográfico é un dos trece programas que forman parte do novo Plan estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025, aprobado polo Goberno. O obxectivo deste programa é atraer xente moza aos concellos máis pequenos, facilitando o asentamento de poboación nestes territorios.
Condicións das axudas
O Programa 5 do Plan Estatal de Vivenda-Programa de axuda ás persoas mozas e para o reto demográfico- dá acceso a axudas de alugueiro e compra a persoas de ata 35 anos nos concellos galegos ou núcleos que non superan os 10.000 habitantes. O límite de ingresos da unidade de convivencia é de tres veces o IPREM (catro veces no caso de persoas con discapacidade e cinco veces se a discapacidade é severa). A contía da axuda para compra será dun máximo de 10.800 euros co límite do 20% do prezo de adquisición, que non debe superar os 120.000 euros. O domicilio deberá ser o habitual e permanente durante cinco anos.
No caso do alugueiro, o inquilino terá cuberta ata a 60% renda mensual, en alugueiros de ata 600 euros ao mes ou ata 300 euros no caso de habitacións. Poderá recibir a axuda un máximo de cinco anos e será compatible con bono alugueiro novo.
A tramitación destas axudas do Plan Estatal de Vivenda corresponde á comunidade autónoma. No caso de Galicia, a Xunta publicou o pasado 12 de agosto a convocatoria do Instituto Galego de Vivenda e Solo no Diario Oficial de Galicia fixando no día 30 de setembro a finalización do prazo de solicitude.






















Ao longo desta semana, máis de 40 científicas, divulgadoras, xornalistas e activistas participan nunha campaña simultánea en todo o Estado para achegar á cidadanía as consecuencias que os recentes ataques a Irán poden ter na vida cotiá. No marco desta iniciativa, celebrarase en Ribadeo un acto informativo o venres 17, na Escola Municipal de Música, ás 19:00 horas. Toda a información sobre o No Normal Tour está dispoñible en:
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
Reyco Burela FS convoca a todos os socios e socias á Asemblea Extraordinaria que se celebrará o martes 28 de abril no salón de conferencias de Burela (antiga biblioteca) nunha primeira convocatoria prevista para as 20.00 h. e segunda para as 20.30 h. O acceso será única e exclusivamente para socios e socias, que deberán asistir á xuntanza co carné de socio/a e o DNI. Orde do día: 1. Lectura e aprobación da acta anterior. 2. Situación económica xeral. 3. Procedementos xudiciais contra o club. 4. Accións adoptadas para a continuidade do club. 5. Rogos e preguntas
O acto está organizado pola A.C. Francisco Lanza e contará coa participación de Dores Fernández Abel, en representación da entidade, xunto co autor da obra. Duarte Correa xa visitara Ribadeo no ano 2022 para ofrecer unha charla sobre a situación política internacional, centrada daquela na guerra de Ucraína. Nesta nova ocasión, o público poderá volver seguir a súa capacidade de análise e síntese, que lle permitirá ofrecer unha visión actualizada dun contexto xeopolítico en constante transformación.
A parada principal foi Cee, onde a expedición foi recibida no Museo Fernando Blanco, afondando nos vínculos históricos entre ambos municipios. Durante a visita, o director do centro destacou a “dobre conexión” entre Ortigueira e Cee, lembrando a figura de Manuel Rebollar, músico ortegán que dirixiu a Banda de Música de Cee entre 1927 e 1940. O recordo ao artista foi un dos momentos máis emotivos da xornada, ilustrando os lazos culturais que unen ás dúas localidades desde hai case un século.



