Na sesión, que contou coa participación da deseñadora das lápidas, o marmorista e o coidador do recinto, tívose un especial recordo para o párroco Ramón Marful
Burela, 29 de outubro, 2022. Seguindo o marcado en edicións anteriores, durante a tarde do pasado día 27 de outubro celebrouse nova edición dunha das intervencións educativas Modelo Burela: a visita ao patrimonio documental do cemiterio parroquial da localidade. A actividade de Educación Social, organizada polo IES Perdouro, estivo guiada por Pedro Valle -coidador do cemiterio- e contou coa participación activa de Óscar Pardiño e da deseñadora de lápidas Laura García Santiso -ambos xa xubilados-, da documentalista audiovisual Vanesa Vila-Verde Lamas e dunha representación das familias implicadas.
Desde o ano 2004, a intervención educativa Modelo Burela fixo un continuado traballo de campo co obxectivo de localizar os deseños e os epitafios máis significativos, especialmente aqueles que recollen a produción propia dos familiares ou fragmentos de obras clásicas da literatura. Posteriormente, durante cada mes de maio e con periodicidade anual, realízase unha visualización destinada a localizar novos materiais de estudo, cada vez máis numerosos.
Ao mesmo tempo que se realizou un recoñecemento explícito aos traballos de Pedro Valle e de Oscar Pardiño e Laura García Santiso na conservación e renovación do patrimonio funerario dos cemiterios de Burela, con este tipo de actos de Educación Social o Modelo Burela facilita a divulgación da obra pĺástica e literaria feita en memoria das persoas falecidas.
A visita comezou na entrada do cemiterio cunha breve intervención de Pedro Valle, que comentou a lápida do sacerdote José Goyos López e recordou a iniciativa do tamén párroco Ramón Marful para tributarlle homenaxe hai agora dez anos, en 2012, con motivo dos actos de conmemoración do centenario do cemiterio. Valle recordou tamén a implicación de Laura García Santiso e Óscar Pardiño, que fixeron a doazón da lápida, e estes tomaron a palabra para explicar como se fixera o deseño e como se realizaran os traballos de preparación e de colocación.
Seguidamente tomaron a palabra representantes de varias familias e foron visitadas varias inscricións, entre elas as que lembran os náufragos das embarcacións López Sueiras, Reina Victoria, Nuevo Amadorín e Siempre Casina. Diante do nicho da súa familia, a profesora Aurora Ben mostrou o deseño dunha cruz celta e falou da do desexo das persoas emigradas de que as súas cinzas retornen ao lugar de orixe. A nai de Michael Fernández, mozo falecido en accidente de tránsito en xaneiro de 2005, evocou a participación de varios integrantes da familia na composición do poema que lle dedicaron. Dores Santos, que xa tiña colaborado na longametraxe documental Modelo Burela editada en 2008, retornou ao mesmo lugar para explicar a súa participación na renovación do nicho que acabou por se converter na referencia a seguir tanto na parroquia de Burela como noutras limítrofes (como as de San Román, Castelo, Sargadelos, Cervo e Cangas de Foz).
Moi destacada foi a participación de Sagrario López. A filla do armador e un dos náufragos do barco López Sueiras, desaparecido baixo as augas na galerna de 1973, comentou as especiais circunstancias en que se alude a seu pai tantos anos despois do falecemento e salientou o traballo literario e estético de Mario Ferreira, “un profesor de Matemáticas que destaca polo cultivo do idioma galego”. A propia Sagrario López foi a encargada de explicar tamén o contido da placa que recorda os dous irmáns náufragos do barco Reina Victoria, afundido na mesma data.
A sesión foi seguida, entre outras persoas, por Karina Parga Chao (responsábel da biblioteca do IES Perdouro); por Rosana Posada Expósito (impulsora da iniciativa Modelo Burela na localidade de Rinlo); por Juan Ramos e Cristóbal Edrosa (en representación das familias que secundaron a iniciativa de normalización cultural no cemiterio municipal de Burela); e por varios mozos e mozas participantes no programa radiofónico Proxecto Neo.
A intervención educativa chega aos vinte cursos académicos
Houbo que agardar 85 anos para que o idioma galego na súa versión escrita entrase neste cemiterio inaugurado en 1912. Foi en 1997 coa colocación da lápida en recordo de Eudolino Maseda, que é lembrado como profesional do taxi e tamén como músico: “Agora vive na harmonía das estrelas e nos camiños do vento” é o que se recolle na lexenda. Este mesmo nicho destaca tamén pola súa inscrición frontal onde se di que é “Propiedade de Eudolino Maseda González, Muller e Fillos”, con presenza das palabras “Propiedade”, “Muller” e “Fillos” que antes estaban como proscritas e eran usadas só no un por mil dos casos e que agora comezan a agromar en case todos os cemiterios da Mariña.
Despois da novidade que supuxo naquel momento a colocación dunha lápida escrita en galego, no ano 2008 o novo modelo era xa seguido por outras cinco familias no conxunto dos dous cemiterios; e en 2012 -o da conmemoración do centenario- eran xa oito só no parroquial; e agora deixaron de ser unha excepción porque xa están repartidas por todas as rúas dos dous cemiterios.
Outra das novidades desta edición de 2022 foi a da participación de Vanesa Vila Verde, co-autora do audiovisual titulado “Em Companhia da Morte”, gravado en 2011 na Raia Seca, entre Ourense e Portugal, un filme en que se recollen os testemuños de mulleres que falan sobre a asimilación da morte como algo natural.




















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



