O Vicedo é un dos primeiros concellos da provincia en acadar axudas do DUS 5000, dirixido a municipios do reto demográfico. “Un exemplo de como o Goberno fai chegar o Plan de Recuperación a cada recuncho da provincia, impulsando a transición enerxética”, subliñou Rodríguez
O Vicedo, 11 de novembro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, remarcou o compromiso do Goberno coa mellora e modernización dos servizos públicos básicos para os veciños e veciñas que viven no rural, que se exemplifica cun investimento total de 913.000 euros, a través de dous programas estatais, para a execución de 8 proxectos de renovación e dotación de alumeado público exterior en 37 zonas do Concello do Vicedo. “Estes traballos demostran o importante apoio do Goberno aos concellos pequenos da provincia para que melloren a eficiencia enerxética, contaminando menos e aforrando custes ás arcas municipais, pois o alumeado é o principal gasto de enerxía dos municipios”, sinalou a subdelegada.
Isabel Rodríguez desprazouse este venres ata o Concello do Vicedo para supervisar, xunto ao alcalde, Jesús Novo, as actuacións que financia o Goberno neste municipio mariñán. Así, informou que o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía “IDAE”, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, destina 560.523 euros para a instalación e renovación do alumeado. Durante a visita comprobaron o resultado das obras rematadas no exterior da Casa Consistorial e dos núcleos de O Folgueiro, Pontide, o Vilar, a praia de Abrela, Creximil, Ruño, Penela e Humeiros.
Estes traballos consistiron na instalación de 171 alumeados LED de baixo consumo e a substitución de 8 cadros, “beneficiando directamente ás persoas que viven nestas parroquias e permitindo ao Concello reducir un 65% o consumo de enerxía”, destacou a subdelegada. Ademais, Rodríguez explicou que, con cargo ao investimento do IDAE, o concello comezará a renovar tamén o sistema de alumeado da travesía da Mariña, as zonas de Pontellas, Vilagudín, A Lama, Morgallón, Moledos, Moreiras, Triscornia, O Folgueiro, Baltar e as rúas oporto, Luciano Pérez e Rosalía de Castro.
“Dende o Goberno temos claro que a colaboración entre administracións é fundamental para que municipios pequenos, como O Vicedo, poidan desenvolver proxectos desta envergadura, pois sen as axudas destes programas non o poderían asumir”, sinalou Rodríguez.
353.000€ do programa DUS 5000
A subdelegada lembrou que estas melloras no alumeado non son ás únicas que o Goberno financia no concello do Vicedo, pois o Ministerio para a Transición Ecolóxica, co programa DUS 5000, ven de aprobar unha achega económica de 353.000 euros, o 85% do total, para a substitución de alumeado público por un eficiente nas zonas de Folgueiro, Riobarba, Tellado, Negradas, Val de Suso e San Román Vilela.
“O Vicedo é un dos primeiros concellos da provincia en acadar axudas no marco deste programa, dirixido especificamente a concellos do reto demográfico, é dicir, de menos de 5000 habitantes. Un exemplo máis de como o Goberno fai chegar o Plan de Recuperación a cada recuncho da provincia, impulsando a transición enerxética”, subliñou Rodríguez.
Neste eido, a subdelegada lembrou que a vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, anunciou onte, en Lugo, a ampliación en 350 millóns de euros deste programa, elevando a contía total do programa a 675 millóns, multiplicando por 9 o seu presuposto inicial para dar resposta ás máis de 3.000 solicitudes en toda España.






















Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



