Ribadeo, 1 de decembro de 2022. A gastronomía protagoniza as actividades do oitavo Festival de Jazz e Blues de Ribadeo programadas para esta fin de semana. Haberá demostracións de elaboración de comidas e de bebidas o sábado e o domingo na carpa instalada no parque de San Francisco e cea concerto o sábado no restaurante El Oviedo.
Este sábado, 3 de decembro, desenvolveranse dúas actividades gastronómicas: ás 19:30 horas un showcooking a cargo do cociñeiro, comunicador e divulgador Lucas Requejo, que preparará pratos elaborados con alimentos da provincia lucense integrados na plataforma Son de Lugo e ofrecerá unha degustación nunha carpa instalada no parque de San Francisco, dentro da iniciativa denominada Jazztronomía, con acceso gratuíto; e ás 21:30 horas terá lugar unha cea concerto no restaurante El Oviedo, na que actuará a cantante Carmen Rey, que estudou no Conservatorio Superior da Coruña, onde se formou en piano, harmonía, violín e técnica vocal. Complementou os seus estudos na Escola de Música Creativa de Madrid. Comezou a súa carreira como vocalista de jazz en 1992 co Nani García Trío. Formou parte da Old Dixie Jazz Band ou Xío, ademais de compartir escenario con grandes nomes como Brian Trainor, Jorge Pardo, Perico Sambeat ou Jeff Jerolamon e colaborou con Xosé Manuel Budiño.
A seguinte actividade do festival será o domingo, día 4, ás 12:30 horas na carpa instalada no parque de San Francisco. Como segunda parte da iniciativa Jazztronomía, Lucas Requejo ofrecerá unha experiencia gastronómica de preparación de bebidas denominada Beberaxes Blues, actividade que é de acceso libre e gratuíto.
Ademais este venres, 2 de decembro, no auditorio Hernán Naval ás 20:30 horas actuará a orquestra de jazz que crearon Pablo Castanho e Marcos Pin en Compostela no ano 2017 e da que forman parte outros 15 músicos. Tanto Pablo como Marcos concluíron os seus estudos de música no estranxeiro, en Nova Iorque (New School) e en Holanda (Royal Conservatorium) respectivamente; e é aí onde descobren a importancia que ten a formación máis glamurosa do jazz, a big band, para o desenvolvemento musical dun intérprete neste estilo. Así mesmo tanto Pablo como Marcos son prolíficos compositores e a orquestra interpreta temas clásicos do jazz e na súa maioría composicións e arranxos orixinais, o cal describe á formación como única.
Xa a vindeira semana, o martes 6 chegará o concerto de Los Deltonos no auditorio municipal ás 20:00 horas. Los Deltonos é un grupo cántabro formado en 1986 que comezou sendo un trío, con Hendrik Röver como único guitarrista, ademais de baixo e batería. Tras varios cambios na formación só Röver segue no grupo desde a súa fundación. Desde a gravación do disco Sólido son catro os compoñentes, coa incorporación de Macaya como guitarrista. Nos seus comezos consideróuselles un grupo de rhythm and blues pero foron cambiando con cada novo traballo, incorporando sons próximos ao funk, ao power pop, e nos seus últimos discos, sobre todo en GT e Buenos tiempos, sons sureños, con máis presenza de guitarras acústicas ou a steel guitar, pero mantendo sempre un son propio e característico marcado polo estilo persoal e virtuoso á guitarra de Hendrik e as letras en castelán das súas composicións propias.
A seguinte actuación programada será o xoves 8, tamén no auditorio Hernán Naval, ás 20:00 horas. Correrá a cargo dos cubanos Trío Mejunje, que está formado por tres dos músicos máis importantes de Santa Clara: A. Bringez, M. Olivera e Reinier El Negrón. Actualmente residen en España e levan tocando xuntos máis de 15 anos en múltiples proxectos, nacionais e internacionais, pero esta é a primeira vez que se xuntan como trío para levarnos por unha viaxe de cores musicais, enerxía, baile e improvisación, presentando o seu novo disco: Mejunje . Nomeados aos Grammy latinos en varias ocasións, cada un deles é líder nos seus propios proxectos e tocaron nos máis prestixiosos festivais de jazz, tanto nacionais como internacionais: North Sexa Jazz Festival, Montreux Jazz Festival, Jazz in Marciac, Blue Note NY, Blue Note Tokyo, Festival de Jazz de Barcelona, Festival de Jazz de Madrid, Festival de Jazz de Vitoria, Jazz a Vienne, entre outros moitos. En homenaxe á súa cidade natal escolleron o nome dun mítico centro cultural, Mejunje, para identificar a súa arte, que é unha mestura de múltiples cores sonoras, entre jazz, música clásica, afrocubana e caribeña.
O venres 9 ás 20:30 horas no auditorio municipal actuarán os estadounidenses Gisele Jackson & de The Shu Shu´s. Este concerto é o único en España da xira europea na que están actualmente. Cando a moza Gisele Jackson era unha estudante de primeiro ano na Universidade de Howard xa se atopaba sobre os escenarios de Washington DC coa súa primeira banda de soul clásica. Antes de facer de Brooklyn o seu fogar, Gisele realizou unha xira con Ray Charles no apoxeo da súa carreira e a partir de entón tamén acompañou a lendas como a inigualable Donna Summer ou o seu “padriño” James Brown. Na súa carreira xirou por máis de 18 países en América do Norte, Asia, Europa e África. Actuou en solitario nos principais clubs de jazz de USA; teloneou a artistas da talla de Tito Puente, Bette Midler, The Commodores, B-52 e unha gran cantidade de xigantes da música. Chegou a actuar nas estreas e cerimonias de premios de Hollywood e apareceu na gran pantalla cantando na película First Wives Club. Cantou na toma de presidencia de Bill Clinton e a revista Billboard elevouna á categoría de diva por mor do seu gran éxito mundial: o clásico de baile Love Commandments. Ese mesmo día no Parador de Turismo haberá cea concerto, na que actuará Matabuena Trío, formado pola cantante Mónica Matabuena e os asturianos Marco Martínez á guitarra e Arturo Valero ao contrabaixo.
E o festival rematará o domingo 11 co concerto dos franceses Red Beans & Pepper Sauce. Será no auditorio Hernán Naval ás 20:00 horas. Red Beans & Pepper Sauce fundouse en 2010 ao redor da cantante Jessyka Aké no sur de Francia. A emisión dunha das súas cancións na radio dáos a coñecer en todo o país. Esta banda de blues e soul oriéntase en lendas musicais como Jimi Hendrix e Lenny Kravitz. Teñen cinco albumes, galardóns do Festival de Blues de Cahors e dos premios French Blues Challenge, entre outros, e grandes críticas do seu último álbum nas revistas Rolling Stone Magazine, Blues Magazine , Rock & Folk e Le Parisien.
As entradas para as actuacións que terán lugar no auditorio municipal Hernán Naval están á venda na web gameroverpro.es.





















A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
Os senadores do PP por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, xunto co portavoz de Interior do Grupo Parlamentario Popular no Senado, Luis Santamaría, mantiveron unha reunión no Senado con representantes da Asociación Española de Gardias Civís na provincia de Lugo, que lles trasladaron as principais reivindicacións do colectivo e analizaron os problemas e necesidades que afectan á Garda Civil na provincia.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.



