Viveiro, 20 de decembro de 2022. O Concello de Viveiro presenta a súa programación para estas festas de Nadal cunha oferta de actividades variada, ampla e con opcións para todas as idades. Á longa lista de propostas súmanse o Belén ‘Viveiro ante o Berce’, considerado un dos máis importantes de Galicia, os obradoiros para a infancia e a inauguración dende hoxe, martes, do mercado ‘A Trastenda de Nicomedes’.
“Nun Nadal por fin xa sen restricións pola pandemia, esperamos que con esta programación se cumpran os gustos de grandes e de pequenos. A nosa intención é facer unha programación familiar, pensada tamén nos máis cativos, os grandes protagonistas destas festas”, afirma María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, que confía en “atraer numerosos visitantes para desfrutar do noso comercio e hostalaría en Nadal”.
“Dende a Concellería de Cultura desexamos a toda a nosa veciñanza unhas felices festas, que esperamos veñan cargadas de boas novas e, sobre todo, de moita saúde para poder afrontar o 2023 como se merece”, desexa Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.
“Seguiremos a traballar en prol da cultura, da cultura feita en galego e en Galicia, e esperamos que como estes últimos anos a veciñanza sega desfrutando e participando en todas as actividades culturais de Viveiro, porque estamos moi orgullosos do pobo que temos”, subliña.
A primeira cita está sinalada xa para este xoves, día 22, a partir das 17.30 horas na carpa da Praza Maior. Alí estará o ‘Apalpador conta con nós’ de Caxoto. No mesmo lugar ás 19:00 horas, e no Belén de Santa María ás 20:00 horas, será a quenda da actuación da Coral Polifónica Alborada de Viveiro, que interpretarán ‘Panxoliñas na rúa’ dentro do programa Tradigalu.
O día 23, dende ás 21:00 horas, o Teatro Pastor Díaz acolle ‘Un conto por Nadal’ interpretado pola Banda Municipal de Música O Landro, con entrada de balde previa retirada en taquilla.
Serán varias tamén as propostas do Concello do Viveiro para o día 24 comezando polos Roteiros de Nadal no Vivertren, os Pasarrúas e Troula con ‘Espera que vou mexar’. A ‘Troula boa Noite’ na Praza Maior, xa pola tarde, amenizará a espera ata que Papá Noel reparta os agasallos dende as 19:00 horas saíndo dende Magazos a Lodeiro.
Continuarán as citas o día de Nadal cunha sesión vermú a cargo de ‘Toxo Guayaba’ e o mércores 28 vivirase unha gran xornada coa Gala da Maxia e a presenza de catro grandes magos internacionais no Teatro Pastor Díaz dende as 20:30 horas. Na programación de Nadal tamén hai espazo para o teatro para as crianzas co ‘O comenoites’ de Ós Náufragos o día 30.
A Troula de fin de ano na Praza Maior con ‘Los Alcántara’ e o pasarrúas da Banda Naval de Viveiro serán as propostas dos días previos á gran Cabalgata dos Reis Magos do día 5 de xaneiro. As súas Maxestades, que estarán acompañados polo pasarrúas da Banda da Misericordia, se dirixirán á veciñanza dende o balcón da Biblioteca Municipal antes da recepción real na Sala Multiusos do Concello.
A extensa programación do Nadal en Viveiro acolle como última cita o domingo día 8 de xaneiro a representación de Carlos Blanco no Teatro Pastor Díaz a partir das 18:30 horas.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



