O novo presidente do PP mindoniense manifestou que “de forma máis inmediata, centrarémonos en preparar o intenso calendario de eleccións; xa que en menos de dous anos teremos catro citas coas urnas”
Mondoñedo, 17 de decembro de 2022. Os afiliados e afiliadas do PP de Mondoñedo elixiron por aclamación a candidatura de Armando González Barreira, a única presentada ao congreso local que a formación celebrou este sábado na Casa da Xuventude. Deste xeito, convértese no novo presidente do PP local que contará con Ángeles Rodríguez Rico como secretaria xeral; Alberto García Fernández como vicesecretario xeral; e outras nove persoas que actuarán como vocais: o alcalde, Manolo Otero; os concelleiros Manuel Tapia, José Otero Rejes, Patricia Otero e Beatriz Meilán; e José Ramón Díaz Barreira, Ana Mel López, Mª Gervasia Cabanas Eiras e Mª Amparo Anello Gil. “Constituímos un novo comité local co obxectivo de reforzar o traballo levado a cabo nos últimos anos, pero tamén incorporar xente nova. É dicir, queremos darlle continuidade ao noso proxecto baseado no traballo en grupo e consolidar o Partido Popular en Mondoñedo a longo prazo”, dixo González Barreira.Así mesmo, o novo presidente do PP mindoniense manifestou que “de forma máis inmediata, centrarémonos en preparar o intenso calendario de eleccións; xa que en menos de dous anos teremos catro citas coas urnas”.
Tamén resultou elixido o actual alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, como cabeza de lista dos populares mindonienses de cara ás vindeiras eleccións municipais. Otero destacou “o traballo en equipo, o compañeirismo que hai entre os que conformamos o goberno local e todos os membros do PP de Mondoñedo. Pertencemos a un proxecto no que todos cooperamos e quixemos repartir as responsabilidades para ser máis efectivos. Estamos preparados para seguir na nosa liña de traballo ca cal facemos e continuaremos facendo un Mondoñedo mellor e próspero”.
González Barreira -fillo de alcalde e concelleiro no goberno popular dende o 2003 ata o 2007- estivo arroupado tamén pola presidenta do PP da provincia de Lugo e máxima responsable do partido a nivel local dende o 2007 ata o de agora, Elena Candia, que fixo balance dos últimos anos de traballo do Partido Popular de Mondoñedo que se ven reflectidos nos resultados electorais acadados facendo especial fincapé nas municipais do 2015; cando o PP recuperaba a alcaldía de Mondoñedo cun 50,65% dos votos, despois de ser tamén a forza máis votada no 2007 e no 2011. E no ano 2019, os mindonienses avalaron o proxecto que desenvolveu o PP no goberno aumentando o seu apoio nas urnas ata alcanzar o 61,73% dos votos. Nese sentido, agradeceu o apoio dos afiliados e de tódolos mindonienses que tamén confiaron de forma maioritaria no proxecto do Partido Popular nas eleccións xerais, europeas e autonómicas -de feito nas eleccións do 2020 elixiron a papeleta do PP preto dun 60% dos votantes-.
Candia sinalaba dende un comezo como obxectivos: mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dotar de novos servizos á cidade. “Nesa liña traballamos dende o goberno os últimos oito anos dando cumprimento aos nosos programas electorais. Prestamos especial atención aos servizos sociais coa apertura do centro de día, unidade de alzhéimer, unidade de atención temperá e post-temperá; centro de atención a menores no antigo Hospital de Cabanela, podoloxía para dependentes, ampliación do SAF e asesoramento a coidadores; ademais da creación da ludoteca e ampliación da gardería”.
A creación de emprego é outra das liñas de traballo do goberno local centrado en “potenciar o polígono e favorecer o asentamento de empresas ao adherirse á iniciativa Concello Emprendedor. Tamén se creou un viveiro de empresas e a marca ‘A Horta de Mondoñedo’, entre outras iniciativas dirixidas a promover os produtos mindonienses. De feito, incrementouse a divulgación dos recursos do municipio, a promoción turística, o apoio ás feiras e festas locais que contan con gran recoñecemento e impulsouse o barrio dos Muíños”. Todas estas medidas están recollidas dentro da estratexia ‘Mondoñedo. Un municipio para investir’ co que o goberno local defende o concello como “un lugar de oportunidades”.
Igualmente, en materia urbanística citou a aprobación do PXOM, o Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Conxunto Histórico ou oPlan de Dinamización para a área Rexurbe de cara á rehabilitación do casco histórico mindoniense ou o proxecto para a rehabilitación da praza da Catedral. Foron moitas as infraestruturas melloradas no casco urbano, pero tamén nas parroquias porque “o rural tamén é unha prioridade para o Partido Popular”. Nesa liña, Candia lembrou o plan de arranxo de camiños e mellora de firmes, o desbroce en todas as parroquias, a renovación de luminarias ou as melloras en escolas e centros sociais; ademais da recollida de plásticos agrícolas ou as actividades de dinamización social que tamén se desenvolven no casco histórico.
UN PROXECTO DE COOPERACIÓN
González Barreira recoñeceu o traballo de Candia á fronte do PP e do goberno municipal e agradeceulle o seu apoio, igual que o do alcalde, Manolo Otero: “A xestión de ambos e de todo o equipo de goberno municipal merece o noso recoñecemento por todo o que fixeron e están a facer por Mondoñedo”.
O secretario xeral do PP da provincia, Javier Vázquez Nodal, e o coordinador xeral, José Manuel Balseiro, asistiron ao congreso local, entre outros membros da dirección provincial.























Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.



