Xogos ecuestres, un certame morfolóxico e carreiras de cabalos de Pura Raza Galega complementan o mercado tradicional, con actividades lúdicas na véspera
Lugo, 19 de febreiro de 2023.- A Feira de San Rosendo, en San Miguel de Reinante, no Concello de Barreiros, celebrarase os vindeiros 4 e 5 de marzo.
As actividades arredor desta feira de gando, que viña celebrándose un día, alónganse durante a fin de semana co impulso da comisión organizadora, que conta co apoio do Concello de Barreiros e da área de Medio Rural da Deputación de Lugo.
Así, a tradicional feira de gando e artesanía, o domingo a partir das 9.30 horas na Praza de San Miguel, refórzase cunha axenda lúdica que comeza o sábado, con sesión vermú, un aberto de billarda e verbena, e continúa o mesmo día da feira con varias actividades paralelas como un concurso morfolóxico cabalar de Pura Raza Galega, unha carreira de andadura de cabalo marchador galego nas categorías serrada e chapeada e unha ximkana de xogos ecuestres.
A deputada de Medio Rural Mónica Freire e a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida coincidiron en valorar “a iniciativa e o esforzo desinteresado da Comisión para manter unha celebración que pon en valor a gandeiría e as razas autóctonas” e en destacar “o papel que esta actividade ten na dinamización económica e social do rural e na conservación do territorio”.
Carlos Baamonde e Laura Teijeira -representantes da Comisión- agradeceron a colaboración institucional e doutras entidades como Puraga, introducindo por primeira vez na feira un certame morfolóxico que puntúa para o campionato galego, ou os Cabaleiros de Remourelle, que participan na ximkana de xogos ecuestres, unha actividade que se puxo en marcha na edición do ano pasado con moito éxito. Destacaron tamén que se repartirán 2.000 euros en premios entre a feira e o resto das actividades que se organizan con gando cabalar.
Participación na feira de gando
A organización ten aberto desde o pasado 13 de febreiro o prazo de inscricións para as gandeirías que queiran participar na feira. A inscrición é gratuíta e debe xestionarse a través do enderezo electrónico san.rosendo.smr@gmail.com ou nos teléfonos 628739224, 650931451 ou 651347286 ata o 1 de marzo. O recinto contará con estacas e corraletas e tamén con puntos de comida e bebida para os animais. .























Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



