García Porto subliñou que co este Plan a Deputación distribúe os fondos de maneira obxectiva, e “non como a Xunta de Galicia, que fai un reparto sectario dos cartos públicos, e concede axudas con nocturnidade e aleivosía”
Lugo, 28 de marzo de 2023. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade a relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2023, que nesta anualidade conta con 21,5M€ de fondos da institución provincial.
O Goberno provincial sacou adiante deste xeito a súa proposta a favor deste programa de investimentos, que inxecta case 25M€ de fondos públicos no tecido social e económico da provincia, tendo en conta as achegas dos concellos, que ascenden en total a máis de 3M€.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, destacou que, por terceiro ano consecutivo, a Deputación aprobou as bases do Plan Único no ano anterior ao seu período de vixencia, e a relación de actuacións no primeiro trimestre do ano, “o que lle permite aos concellos, tanto planificar as accións municipais con maior antelación, como traballar con máis previsión e tempo, co que aproveitan mellor os recursos económicos e son más áxiles”.
Os concellos presentaron as súas propostas para investir estas importantes partidas económicas da institución provincial aos distintos programas establecidos: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); reforzo do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións/eventos turísticos; feiras e mercados; administración electrónica e protección de datos; e protección civil.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, asegurou que con este instrumento de cooperación a Deputación garante a distribución dos recursos públicos entre os 67 concellos da provincia con criterios públicos e obxectivos, e botou en falta que ningunha outra administración teña un mecanismo semellante para esta provincia.
Así mesmo, recalcou que o Plan Único da Deputación “é fundamental para que os concellos, sobre todo os máis pequenos, poidan prestar os servizos máis básicos ós seus veciños”.
García Porto asegurou que o Goberno provincial se comprometeu ao principio do mandato a incrementar ata o 25% a contía do Plan Único sobre o importe destinado no 2019, “sempre e cando quedase recursos liberados das transferencias á Xunta das competencias impropias que asume a Deputación como as residencias, por exemplo”. Afirmou que a Xunta non asumiu ningunha desas competencias que vén asumindo a Deputación e que tampouco creou ningunha residencia de maiores pública neste tempo, o que imposibilitou subir as contías máis porque os recursos son limitados.
Nas súas palabras, a Deputada foi firme fronte ás críticas do Partido Popular, poñendo o foco en que este plan reparte os fondos de maneira obxectiva, e “non como a Xunta de Galicia cando fai un reparto sectario dos cartos públicos, concede axudas con nocturnidade e aleivosía, e non ten un Plan Único”.
As entidades locais danlle prioridade aos investimentos -aos que dedicarán 16M€, preto do 70% do total dos fondos, para acometer máis de 330 obras e subministracións-, seguido da creación de emprego, á que destinan 3,7M€, cos que crearán 317 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3,4M€ para atender a máis de 2.000 persoas.
Os concellos dispoñen de prazo máximo para executar as accións que contemplan no Plan Único ata o 31 de outubro de 2024 e para xustificar, o 15 de novembro do vindeiro ano.
85,3M€ do Plan Único en catro anos
A Deputada detallou que este programa de investimentos supuxo un investimento total de 85,3M€ neste mandato, entre o ano 2019 e este 2023, para acometer 1.500 obras e formalizar máis de 1.200 contratos de traballo.
“É unha ferramenta esencial que respecta a autonomía municipal, pois son os propios concellos os que mellor detectan e coñecen as necesidades dos seus veciños, garantimos un reparto dos fondos públicos con criterios xustos, obxectivos e públicos, que todo o mundo coñece, o que favorece a calidade democrática e o equilibrio territorial”. Así mesmo, explicou que é “unha achega de fondos regular aos concellos cada ano, co que poden planificar a súa acción municipal”.
Centros de Maiores da Pobra do Brollón, Cervantes e Ourol
O Pleno tamén aprobou medidas en relación cos Centros de Atención a Maiores que a Deputación ten previsto nos municipios da Pobra do Brollón, Cervantes e Ourol.
En concreto, no caso de Cervantes e Ourol aprobouse unha addenda aos convenios asinados entre a administración local e a provincial para fixar nun máximo de 8 anos a vixencia deste acordo para construír a residencia na localidade.
Por outra banda, aprobouse a modificación do convenio co Concello da Pobra do Brollón para incrementar a achega económica por parte da Deputación para construír o Centro de Atención a Maiores. A contía máxima ascende a 725.531,21€ distribuídos nas anualidades 2024 e 2025. Un aumento que se ve motivado polo aumento dos prezos de mercado debido ao contexto económico derivado da guerra en Ucraína.
Cesión de estradas aos concellos do Corgo, Xermade e Folgoso do Courel
No Pleno deste martes acordouse así mesmo ceder unha relación de treitos de estradas provinciais aos concellos do Corgo, Xermade e Folgoso do Courel, tal e como solicitaron por escrito as tres administracións locais.
No Corgo, cédese de maneira gratuíta un treito da estrada LU-P-1207 de 248 metros que responde a un tramo da antiga estrada provincial que conectaba Gomeán con Castroverde, que sufriu unha modificación debido ao novo trazado do corredor provincial.
En Xermade, aprobouse o cambio de titularidade a favor do Concello dos tramo das estradas provinciais LU-P-2201, que une Candamil con Pedrón por Xermade no treito entre o punto quilométrico 3,2 e 5,4; tamén do ramal da LU-P-2201 de 204 metros; da LU-P-2205, que conecta Xermade co límite provincial coa Coruña por Miraz e Porto Souto, nos primeiros 658 metros da vía; a LU-P-2202, que conecta Pedreira con Casanova, entre os puntos quilométricos 1,2 e 1,9; e da LU-P-2215, dende Roupar a Torre, nos primeiros 82 metros da vía.
En Folgoso do Courel, cédese un treito da vía provincial LU-P-1303 nos primeiros 0,050 metros desta estrada que comunica Seoane con Ferramulín por Visuña.
Por outra banda, o Pleno acordou a cesión de 6 parcelas provinciais ao Concello de Pedrafita do Cebreiro, vinculándoa á implantación dun polígono industrial ou agroforestal na localidade.






















As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
O acto está organizado pola Asociación de Irmandade Locudy, nunha proposta cultural que pon o foco na relación entre Galicia e Bretaña a través da figura de Castelao.
Era o único ocupante do vehículo. O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente uns minutos despois das 10:00 horas deste domingo. Segundo indicou un particular, un coche caera por un desnivel duns 20 metros no quilómetro 2 da LU-P-6104. Desde a Sala de Operacións do 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Barreiros, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Trabada. Unha vez no punto, os servizos de emerxencias indicaron que había unha persoa falecida, único ocupante do vehículo, sen que nada se puidera facer por salvarlle a vida.
A cita, consolidada como un referente do verán cultural no municipio, reuniu na Praza dos Campos á formación anfitriona do encontro, a Agrupación La Sidrina, de Lugones (Asturias) e o Grupo Folklórico Estampas de México. A programación continuou o sábado coa celebración do Festival Folklórico Infantil. Villares puxo en valor o labor que o grupo Mistura desenvolve durante todo o ano na conservación e difusión do patrimonio cultural galego, así como a importancia de iniciativas coma este festival “para manter vivas as tradicións e dinamizar a vida social e cultural dos nosos concellos”.
A eucaristía, un dos actos centrais das festas patronais de Foz, continuou coa tradicional procesión e coa ofrenda floral en memoria das persoas falecidas no mar. A mandataria provincial formou parte da comitiva xunto a numerosos veciños e veciñas, visitantes, membros da corporación municipal e a pregoeira desta edición, María Nelle Castro Neira, focense moi vinculada ás festas desde a infancia.



