A conselleira alerta de medidas sen sentido como que se pretenda descarbonizar a frota buscando medios de propulsión alternativos, pero non se ofreza financiación adicional á ordinaria para proceder á adaptación dos buques
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a necesidade de crear unha fronte común forte a nivel europeo contra as pretensións de Bruxelas de restrinxir nos vindeiros anos determinadas artes de pesca en augas comunitarias como o arrastre e evitar así os efectos perniciosos que poden ter na frota decisións arbitrarias e inxustificadas como o veto á pesca de fondo aprobado o ano pasado. Nesta liña, salientou que España debe facer un intenso labor na busca de aliados noutros países con intereses pesqueiros para tratar de frear a posible posta en marcha de normativas por parte da Comisión Europea coas que executar os seus plans.
A titular de Mar explicou que esta é a posición de Galicia, que foi analizada no pleno do Consello Galego de Pesca, ante o plan de acción presentado polo Executivo comunitario a finais de febreiro e que pretende vetar a pesca de fondo con artes móbiles -como o arrastre- nas áreas mariñas protexidas antes de 2030.
Neste sentido, a representante do Executivo galego salientou que calquera medida deste calado debe contar cos correspondentes informes biolóxicos e socioeconómicos de impacto para garantir a sustentabilidade dos recursos mariños e tamén dos pescadores.
Precisamente, o Consello Galego de Pesca analizou unha nota xurídica elaborada pola Fundación MarInnLeg que indica que as comunicacións emitidas por Bruxelas o pasado 21 de febreiro para mellorar a sustentabilidade e a resiliencia do sector da pesca e acuicultura -con consideracións sobre a Política Pesqueira Común, a descarbonización ou prácticas de pesca sustentables- non teñen rango normativo, polo que aínda terán que plasmarse nun desenvolvemento lexislativo posterior.
Non obstante, subliñou Rosa Quintana, o estudo preliminar elaborado sobre esas directrices lanzadas polo Executivo comunitario indica que contan con numerosas eivas como que non se pode considerar que a eliminación de artes como o arrastre nas áreas mariñas protexidas sexa gradual cando se establece que ten que ser, a máis tardar, en 2030 e con certas restricións xa desde 2024.
Os xuristas da Fundación MarInnLeg advirten de que semella que nestas propostas non se tivo en conta que os investimentos en buques de pesca son cuantiosos e que as súas amortizacións requiren de prazos amplos, polo que estas limitacións inminentes supoñen un importante prexuízo para as empresas do sector.
A conselleira lamentou tamén medidas sen sentido como que Bruxelas propoña a descarbonización da frota buscando medios de propulsión alternativos aos combustibles fósiles, pero non ofreza apoios financeiros adicionais aos ordinarios para proceder á transformación e adaptacións dos buques, un xeito de actuar que cualificou de pouco serio.
A maiores, incidiu que das comunicacións emitidas pola Comisión Europea se conclúe que non ten previsto modificar a Política Pesqueira Común malia que hai múltiples retos que sería necesario abordar -como a remuda xeracional, a obriga de desembarque ou a igualdade de condicións entre as distintas frotas, entre outras cuestións- e ás que Galicia entende que a política actual non dá resposta.
Eólica mariña
O pleno do Consello Galego de Pesca tamén analizou os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) presentados a semana pasada polo Goberno central para o desenvolvemento da eólica mariña. Neste sentido, a titular de Mar lamentou que esta planificación carecese no seu deseño do necesario diálogo coas comunidades autónomas e cos sectores implicados e que non garanta convenientemente a compatibilidade da implantación desta industria coa actividade pesqueira e a preservación do ecosistema.
Rosa Quintana subliñou que o Goberno central ten en Galicia un exemplo de como se deben facer as cousas pois xa cando se comezou a falar da planificación desta actividade no mar se constituíu o Observatorio da eólica mariña, onde están representados o sector pesqueiro, a industria enerxética e a Administración para chegar a consensos.
Nesta liña, incidiu na necesidade de corrixir as eivas coas que naceron os POEM, pois xeran inseguridade e incertezas e non garanten suficientemente a compatibilidade entre o desenvolvemento eólico e a actividade marítimo-pesqueira.



















No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
O vendedor da ONCE Daniel José López Legaspi foi quen levou a sorte ao municipio desde o seu posto de venda situado na Praza Maior.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



