Fai un chamamento a participar na mobilización do sábado, día 11 de marzo, ante a Delegación do Goberno en A Coruña en defensa da pesca e contra o espolio eólico nas costas galegas
Santiago de Compostela, 8 de marzo, 2023. A deputada do BNG e portavoz de pesca e marisqueo, Rosana Pérez demandou o apoio do Parlamento galego para instar ao goberno do Estado a avaliar os efectos dos polígonos eólicos sobre os recursos mariños e un Real Decreto que respecte as competencia galegas e a súa decisión á hora de “autorizar ou denegar” as instalacións eólicas nas costas galegas.
A pesca galega actividade prioritaria en Galiza fronte ao espolio eólico
A proposición non de lei defendida pola nacionalista, recollía “a prohibición da instalación de parques ou polígonos para a produción de enerxía eléctrica mediante eólica mariña na costa de Galiza e o Cantábrico Noroeste e que o texto definitivo do Real Decreto dos POEM teñan en conta as competencias propias de Galiza e a actividade Pesqueira como “actividade prioritaria” cara a aprobación definitiva dos Planes de Ordenación del Espacio Marítimo, (POEM).
Rosa Pérez insistiu en que urxe “unha avaliación” do impacto dos polígonos de eólicos mariños sobre os “recursos pesqueiros e zonas de traballo das diferentes artes e segmentos da frota que operan no caladoiro do Cantábrico Noroeste e os efectos sobre a economía das comunidades pesqueiras do Cantábrico.
Urxe avaliar o impacto socioeconómico antes de implantar a eólica mariña
Dende o BNG, dixo, exiximos unha avaliación do impacto socioeconómico da implantación da eólica mariña en Galiza “antes de proceder á planificación do espazo mariño e, en todo caso, antes de permitir a implantación de eólicos mariños nas costas galegas”, remarcou a nacionalista.
Na defensa da propostas, a deputada tamén explicou que antes de seren aprobados os POEM, o 28 de febreiro, “a decisión xa estaba tomada; converter Galiza no centro da eólica mariña do Estado” e quen decidiu? preguntou, pois “un Goberno do PSOE e UP” que ten, ademais, a un “entusiasta colaborador no Goberno da Xunta de Galiza e no PP”. Ambos, dixo, están por un modelo á medida do “oligopolio enerxético e ao lado das empresas que levan décadas explotando os nosos recursos, a enerxía hidráulica, térmica, eólica terrestre”, e agora, “disfrazadas de verde”. Rosana Pérez insistiu en que Galiza é un dos territorios máis dependentes da pesca de toda Europa coa que agora queren rematar baixo supostos “beneficios ambientais, sociais ou de emprego” cando en realidade, as empresas do lobby eléctrico só buscan “seguir engordando os seus beneficios” aínda que sexa a costa unha actividade prioritaria en Galiza.
Oportunidade para os xoves galegos, “outra grande mentira”
Ademais, engadiu, pretenden vender os eólicos mariños como “a gran oportunidade para os xoves galegos” e de compensacións ao sector pesqueiro. “Unhas compensacións que resultan imposíbeis no caso das 87 zonas vedadas á pesca de fondo, e que son negadas de maneira sistemática ao sector marisqueiro e á frota artesanal, como aconteceu tras as riadas de decembro e xaneiro deste ano. Que lle pregunten aos naseiros de Pontesampaio, Arcade, Cesantes, de Redondela ou Vilaboa aumentándolle a veda da anguía, ou ao cerco galego despois de recortarlle o 95% a cota do xurelo. Sen embargo, agora anuncian que non haberá problemas para as axudas, “outra gran mentira”.
Para a deputada, estas axudas xa están contempladas para o sector pesqueiro pero non evitarán o afundimento de comarcas enteiras onde miles de pequenos negocios terán que pechar porque viven basicamente da pesca.
Nesta liña, sinalou que as Táboas imput-output da pesca e conserva galegas no 2019, encargadas pola Xunta de Galiza á USC, reflectiron unha produción no mar de 5.500 M€, aos que sumou 3.400 en exportacións, é dicir, “9.000 millóns de euros”.
O sector do mar: pesca, marisqueo, miticultura, piscicultura, conserva é a “cuarta actividade económica de Galiza”. Supón o 4,8 do PIB galego, unha facturación que ronda os 12.000 Millóns, 64.000 postos de traballo directos e 850 Millóns de euros anuais en salarios.
Pero o máis importante é que permite fixar poboación en toda a costa galega, implica un enorme número de recursos e servizos que na súa maior parte se producen e adquiren en Galiza, transportes, estaleiros, frigoríficos, efectos navais, servizos de I+D, maquinaria, servizos xurídicos, portuarios, etc…
A patronal eólica afirmaba esta fin de semana que en Galiza traballan 1.200 persoas en proxectos de eólica mariña e que acadarían os 8.000 até o ano 2030, 12.000 nas previsións máis optimistas. Díxenllelo antes, recalcou Rosana Pérez, fronte os datos das empresas eólicas temos, “30.911 postos de traballo na pesca e 64.000 en toda a cadea, directos!
Finalmente, a parlamentaria do BNG criticou que o presidente Rueda declare a súa intención de defender o sector pesqueiro cando a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera afirma que xa está todo falado e consensuado coa Xunta e o Goberno do Estado segundo confirmou nunha resposta á pregunta formulada polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. As zonas recollidas nos POEM “se consideran óptimas en base a la mejor información disponible: La información del MAPA y de las Comunidades Autónomas”. Quen minte aquí? preguntou
A deputada concluíu a súa intervención facendo un chamamento a participar na mobilización do sábado, día 11 ante a Delegación do Goberno en A Coruña en defensa da pesca e contra o espolio eólico nas costas galegas

















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



