Rouco apunta que “o Partido Popular estivo atento dende o principio do mandato ás necesidades trasladadas polos veciños e veciñas e polos colectivos e asociacións da nosa vila”
Burela, 15 de marzo de 2023. O voceiro popular e alcaldable en Burela, Manuel Rouco, cre que “o interese da tenente de alcalde e candidata socialista á alcaldía María del Carmen López por coñecer a opinión dos veciños chega moi tarde” tendo en conta que “levan catro anos gobernando de costas a todos e todas. Tívoos esquecidos durante case catro largos anos de mandato socialista en Burela e acórdase agora de pulsar as súas necesidades nun claro exercicio de márketing pre electoral para tratar de lavar a súa imaxe esquecendo que foi cómplice das decisións tomadas polo actual goberno local; igual que o seu número 2, Ramiro Fernández”, considera o popular.
Rouco apunta que “o Partido Popular estivo atento dende o inicio do mandato ás necesidades trasladadas polos veciños e veciñas e polos colectivos e asociacións da nosa vila e tratando de dar resposta ao que nos teñen trasladado”. Pola contra, son varios os exemplos “da falta de escoita mostrada por María del Carmen López ao longo destes catro anos”.
É o caso do “voto en contra de que se lle devolveran aos veciños e veciñas que teñen intereses en Torrentes os cartos que o Concello lles adebeda por un proxecto irregular na época do bipartito PSOE-BNG a pesar de que, por sentenza xudicial firme desde o 2019, sabe que se lle teñen que abonar a eses veciños máis de 600.000 euros, sen contar os intereses de demora”.
Así mesmo, “foi a encargada de comunicar aos afectados polo desafiuzamento do edificio Mar Cantábrico -segundo eles mesmos nos trasladaron- que o Concello non podía facer nada porque era un asunto entre a entidade financeira e os afectados. Foi entón cando acudiron ao Partido Popular para que actuara de mediador e resolvera a situación”, lembra o popular.
Rouco engade tamén que “coa súa posición no goberno local, a concelleira socialista decidiu que o mercado dos venres se trasladara definitivamente para Torrentes a pesar das queixas de tódolos sectores afectados, incluídos os veciños e veciñas da nosa vila”.
ALTERNATIVA REAL DE PRESENTE E DE FUTURO
O PP de Burela defende que “a única alternativa real de presente e de futuro para a nosa vila é a que representa o Partido Popular”.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.


