Denuncian unha continua sangría que mantén o Hospital da Mariña en coma, malia de que o SERGAS, coma sempre, o nega
Burela, 13 de abril de 2023. A CIG Saúde A Mariña denuncia novamente a alarmante fuga de persoal facultativo no Hospital da Mariña pola inasumíbel carga de traballo á que se ve sometido, debido ao progresivo desaxuste entre a demanda asistencial e a dotación de persoal, que chega a dobrar e mesmo a triplicar os estándares recomendados pola sociedades científicas.
“As condicións son tan penosas e estresantes que logo dun curto tempo traballando séntense sobrepasados e buscan outros postos de traballo onde poidan desenvolverse coma profesionais, sentirse realizados, e escapar do sentimento de frustración que lles provoca traballar no Hospital da Mariña”, sinalan.
O sindicato nacionalista detalla a sangría de fugas recentes
– 1 facultativo de Hospitalización a Domicilio (HADO) a mediados de febreiro.
– 2 facultativos do Servizo de Urxencias (un a finais de marzo e outro no día de hoxe xoves).
– 1 médico especialista en neuroloxía (a finais de xaneiro).
– Varios facultativos de Medicina Interna en xuño, en novembro e decembro de 2022, un deles a día de hoxe segue sen cubrir (dende finais de decembro de 2022) xa que ninguén quere vir traballar ao Hospital da Mariña, como xa foi denunciado pola central nacionalista o 1 de marzo de 2023.
Consecuencias para os profesionais: estrés permanente
As consecuencias destas políticas, advirte a CIG-Saúde, é que as/os profesionais non poden cubrir as necesidades básicas. O nivel de tensión dispárese. E nestas circunstancias ponse a proba a capacidade de resistencia psicolóxica da persoa implicada”. De feito, os expertos/as advirten do perigo de vivir sometido/a a niveis elevados de tensións, pero, sobre todo, do perigo de que esta situación perdure no tempo.
“É evidente a relación que existe entre a tensión intensa e duradeira no tempo con problemas diversos de saúde, tanto físicos como mentais, tales como dificultades para durmir, irritabilidade, ansiedade, depresión, dermatite, problemas dixestivos, cardíacos, etc.”, explican desde CIG Saúde A Mariña.
Todo o anterior remata en baixas derivadas da sobrecarga de traballo que ao non ser cubertas xeran unha situación na que menos profesionais teñen que asumir toda a carga de traballo entrando deste xeito nunha espiral sen saída. Isto implica unha saturación do sistema, máis listas de agarda e unha mingua da calidade asistencial que afecta finalmente aos pacientes.
Solución ou dimisión
Do mesmo xeito, CIG Saúde A Mariña, exixen tamén á Directora do Distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que exerza as súas competencias e que dote dos recursos necesarios para garantir unha atención médica de proximidade, e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña que presente a súa dimisión.
A central nacionalista considera que debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade pública. Con este obxectivo subliña que “a CIG Saúde da Mariña estivo, está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos médicos de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca”. E anuncia que non permitirán “ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da poboación por parte do Partido Popular”.

















Destacou o labor da asociación xuvenil A Rumboia, que en poucas edicións converteu o evento nun referente cultural da Terra Chá e nun motor para o turismo e a economía local. O cartel inclúe Caamaño & Ameixeiras, Ulex, La Txama, Boyanka Kostova, Bea Fernandes e Lucasiito B2B Somiiux. Haberá tamén actividades para todas as idades —xogos, obradoiros, contacontos e artesanía— no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
O Parque María Cristina da Caridá volverá encherse de oficios, sabores, música e tradición os próximos días 4 e 5 de xullo
Son 15 os postos instalados nos que os asistentes poderán atopar complementos de moda e téxtis, marroquinaría, xoiaría, teas, sombreirería, bixutaría, xoguetes ou esmaltes. Esta feira está percorrer diversas localidades e cidades galegas para dar a coñecer o traballo dos artesáns galegos. Polo recinto pasaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz.
Desde o pasado martes desenvolvéronse distintas competicións deportivas, entre elas os tradicionais torneos 3x3 de fútbol e baloncesto e un campionato de xadrez, nos que participaron preto de 300 mozos e mozas. Villares sinalou que esta convocatoria “é xa un clásico na vila e axuda a proxectar a oferta do Espazo Xove, un punto de encontro para a mocidade que ao longo de todo o ano ofrece distintas propostas de lecer, formación e participación adaptadas aos seus intereses”.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
O delegado gabou o traballo realizado polo Motoclub A Cadeira para dar continuidade a esta proposta logo do éxito do pasado ano, “deixando claro desde a primeira convocatoria o seu poder de atracción e o importante papel de dinamización económica e social que xogan iniciativas deportivas e lúdicas como esta”. Na programación destacan a subida nocturna hoxe ao monolito da Cadeir a, os simuladores de pilotaxe de moto GP e a exhibición de Stunt3Show mañá, ou unha ruta turística o domingo. Ademais, haberá sesións vermú, música en directo, sorteos de premios, acampada gratuíta -cuberta e exterior- e food trucks, entre outras actividades.
A edición deste ano incorpora un novo formato organizativo: as sesións vermú ampliaranse a tres horas na Praza da Constitución e todas as verbenas trasladaranse ao Campo da Feira para mellorar a loxística e facilitar a montaxe dos espectáculos, especialmente nun ano con formacións de gran formato. O programa musical combina orquestras, grupos e DJs para públicos de todas as idades, con citas destacadas como Panorama City, Paris de Noia, Los Satélites, Costa Dorada ou a xira campestre con diferentes propostas ao longo de varios días. Desde o Concello subliñan que as festas son un espazo de encontro para a veciñanza e para quen regresa a Vilalba nestas datas, e que o obxectivo é ofrecer unha programación equilibrada e pensada para que cada persoa atope o seu lugar nunhas patronais que forman parte esencial da identidade da vila.



