Ribadeo, 21 de abril de 2023. Os cadros dos 10 alcaldes ribadenses da democracia, obra de Concepción Millán, xa se poden ver no primeiro andar do Pazo de Ibáñez. Ex rexedores, familiares de ex alcaldes e o actual mandatario local, Fernando Suárez, descubriron esta tarde as imaxes.
Antes desenvolveuse un acto no salón de plenos do Concello no que Suárez Barcia dixo que “vivimos nunha sociedade que cada vez é mais individualista, e que parece que cada cousa que se fai é por un interese persoal. Digo que parece, pero realmente e, afortunadamente, non é así”.
O alcalde subliñou que “o mundo está cheo de xente boa, homes e mulleres que se senten ben dando, compartindo e traballando polo ben común. Sen buscar nada a cambio. Aquí temos hoxe un fermoso exemplo. Concepción Millán, Conchi e unha persoa moi vencellada a Ribadeo por motivos familiares e, aínda sendo orixinaria doutras latitudes, sabemos que leva a Ribadeo na cabeza e no corazón desde hai moitos anos. Conchi foi unha profesional da medicina durante a súa vida laboral, e tamén nos seus tempos libres cultivou outras afeccións como a pintura. E agora nesta nova etapa da súa vida, quixo conxugar estas dúas facetas que a caracterizan: a paixón pola pintura e o seu altruísmo”.
Fernando Suárez lembrou como a pintora e o seu marido contaron con el para suxerirlle a posibilidade de facer eses retratos: “contactamos cos ex alcaldes ou cos familiares deles e pedímoslle unha imaxe da súa época de mandato. Todos colaboraron e á volta dunha tempo, hai escasos días, chegounos o resultado do esforzo e do traballo realizado nestes meses. Todos sabemos que esta entrega destas pinturas é a título gratuíto, incluído os marcos que as protexen. Sabemos que de encargalos terían un altísimo valor. Non che podemos pagar con cartos. O que sí podemos é darche o testemuño do noso agradecemento cun agarimoso aplauso”.
Concepción Millán, que aludiu á súa relación con Ribadeo e ao proceso de pintado dos retratos, recibiu tamén un agasallo no nome do Concello de Ribadeo.
O acto no salón de plenos rematou coa semblanza que Fernando Suárez Barcia fixo dos seus antecesores no cargo. Quixera citar, se mo permitides, o nome e períodos en que cada un dos dez alcaldes estivestes aquí, neste mesmo sillón no que estou, tamén temporalmente, estou. De cada un de vós tentei recoller unha brevísima semblanza, feita ademais con todo respecto e agarimo.
Mario Meira González (1979-1980)
Foi o primeiro do período democrático. Un verdadeiro Relacións Publicas, moi sinxelo e sen presuncións; seguramente encabezou a candidatura de UCD por un requirimento de amizade, e cumprido este, dimitiu.
José Fojo Barcia (1980-1981)
Coma outros compañeiros viuse sorprendido ao resultar elixido Alcalde, as augas calmas até o momento anterior transformáronse nun avespeiro que, coas boas intencións como argumento, non foi dabondo para calmar.
Antonio Martínez López (1981-1983)
Fora cabeza da Candidatura Progresista Independente que empatara en concelleiros con UCD. Tocoulle facerse cargo do concello democrático e administrar a colaboración de Leopoldo Calvo-Sotelo e fíxoo con habilidade e man esquerda.
Xaime Vidaurrázaga Urbieta (1983)
No seu curto mandato iniciáronse actividades inéditas e un pacto de goberno tripartito que sementou novas alianzas no futuro.
José Ramón Cociña García (1983-1985)
Permaneceu pouco tempo porque a súa vocación política levouno ao Parlamento Autonómico. O seu ribadensismo levouno a colaborar coa administración local que o sucedeu.
Xosé Luís Trashorras Méndez (1985-1987)
Mesmo gobernando con maioría absoluta, foi quen de darlle delegacións da alcaldía á oposición e trenzar colaboracións e acordos.
Eduardo Gutiérrez Fernández (1987-1995)
Aínda que a súa época xa foi ben entrada a democracia, tivo que impulsar cambios e melloras de aspectos estancados coma o urbanismo, a recuperación e restauración da Granxa Pedro Murias. A mesma ansia empeñou na restauración coa cultura galega e no impulso cultural, musical e deportivo.
José Carlos Rodríguez Andina (1995-2003)
Dous seus precedentes políticos e profesionais soubo tirar temperanza, e da vinculación coa institución provincial e autonómica intentou procurar investimentos e melloras de posición para a vila.
Balbino Pérez Vacas (2003-2007)
Puxo en contacto inversor o Goberno central en obras como o ascensor panorámico e promocionou iniciativas turísticas na vila e nas parroquias.
Fernando Suárez Barcia (2007-2023)
Non está ben que o condutor do acto fale de si mesmo. Se o fai mal, sería un hipócrita, se o fai ben, un petulante.
Pero permítanme unha despedida. Ao longo dos anos en que dirixín o goberno, con acertos e con erros, sempre co concurso dos compañeiros e compañeiras de goberno e sempre que quixeron cos do resto da Corporación, fixen canto puiden polo ben común de Ribadeo e da súa veciñanza, alentado sempre polo orgullo colectivo de vivir nun lugar aberto, activo, galeguista, progresista, moderno e orgulloso de si mesmo.
E, imaxino que, igual que os que me antecederon no cargo, cun sentimento de morriña pola descarga da responsabilidade e co desexo ao mesmo tempo, de que quen me suceda no cargo, continúe na tarefa de seguir construíndo e modelando este Concello para que siga a ser o lugar marabilloso para vivir e para sentirse orgulloso que actualmente é”.




















O lume iniciouse ás 14.51 horas e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 7 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.


