A Xunta de Goberno aprobou aceptar o investimento concedido polo Ministerio de Política Territorial para realizar proxectos orientados a mellorar as infraestruturas dixitais e o equipamento electrónico dos concellos e da institución provincial
Lugo, 2 de xuño de 2023. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres aceptar un investimento de preto de 4M€ de Fondos Europeos para avanzar na dixitalización da Administración local da provincia. Así o informou o Deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que explicou que o Ministerio de Política Territorial comunicou a súa decisión de conceder á institución provincial 2,14M€ adicionais, aos 1,58M€ asignados inicialmente, para realizar proxectos orientados a mellorar as infraestruturas dixitais e o equipamento electrónico.
“Trátase dunha noticia moi importante”, valorou o Deputado, que sinalou que “segundo os datos da resolución, a Deputación de Lugo é a entidade local de todo o territorio nacional que recibe unha maior cantidade de axuda derivada dos remanentes dos fondos de Transformación Dixital e Modernización das Administracións Locais”. Uns fondos que forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia habilitado polo Goberno do Estado e dos que a institución provincial recibe preto do 20%.
Explicou Rivera Capón que estes fondos permitirán levar a cabo actuacións tan relevantes como integrar a administración electrónica dos concellos cos servizos da Administración Xeral do Estado, implantar postos de traballo intelixentes que permitan mellorar a resiliencia dos municipios, crear oficinas de asistencia en materia de rexistro, implantar un sistema de gravación nos plenos dos concellos da provincia, ou mellorar a accesibilidade das páxinas webs municipais, aumentando así a transparencia dos concellos.
Rivera Capón sinalou tamén que estes proxectos “estarán baseados na adhesión e estudo das necesidades particulares de cada municipio”.
Revisión excepcional de prezos en tres obras
A Xunta de Goberno aprobou tamén a revisión excepcional de prezos en tres obras da Deputación provincial. “Un aumento que vén derivado dun contexto de inflación que, como sabedes, é consecuencia da guerra de Ucraína”, explicou o Deputado.
En concreto, detallou Rivera Capón, aumentarase en preto de 23.000€ a cantidade adxudicada á obra na estrada LU-P-3202, de Monforte a Currelos; en máis de 14.000€ o importe das obras acometidas en tres estradas do Páramo: a LU-P-4203, a LU-P-4305 e a LU-P2904; e en máis de 160.000€ nas obras de desdobramento da avenida Infanta Elena, no tramo que vai da glorieta Ronda Norte coa do 25N.
A UE certifica o cumprimento ao 100% do Life in Common Land
Á marxe dos asuntos tratados na Xunta de Goberno, Pablo Rivera deu conta da comunicación da Unión Europea, “que vén de certificar que cumprimos o 100% do programa Life in Common Land. Un programa que impulsamos desde a Deputación de Lugo en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, co obxectivo de protexer un conxunto de hábitats único na Europa continental e favorecer o aproveitamento sostible da riqueza ambiental da Serra do Xistral”.
Neste sentido, Europa comunicou o último ingreso para completar a totalidade das axudas destinadas a este plan, pioneiro na realización de pagos compensatorios por conservación do territorio. Un último pago de 424.000€ que se suman aos preto de 1,1M€ xa recibidos para acadar os 1,5M€ das axudas deste programa.
“Unha certificación que demostra que as administracións locais somos perfectamente capaces de xestionar Fondos Europeos e levalos ao territorio”, sinalou Rivera Capón, que puxo en valor a institución provincial como “un aliado perfecto para xestionar Fondos Europeos, a diferencia doutras administracións como a Xunta de Galicia, que ten que devolver máis do 51% dos Fondos Europeos que percibe”.




















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



