Ribadeo, 15 de xuño de 2023. O salón de plenos do Pazo de Ibáñez acolleu a última sesión do mandato na que o alcalde, Fernando Suárez, se despediu tras 16 anos no cargo.
Discurso do rexedor: “Agora si, que case chegou o final, toca despedirse de verdade. Despedirme coa aprobación destas derradeiras actas desta casa do pobo e deste cargo que levei con dignidade e con paixón nos últimos dezaseis anos.
As urnas falaron hai poucos días e non lle deron a oportunidade á nosa candidatura para liderar os vindeiros catro anos. Hai que respectalo e felicitar aos que gañaron. É o cerne da democracia: saber gañar e saber perder. Tempo haberá para que os que gobernarán demostren a súa valía e aos que lle toque facer un lexítimo exercicio de oposición, o fagan para fiscalizar, apoiar cando é bo para o Concello e discrepar cando as situacións o requiran. Todo isto para que Ribadeo siga indo a mais, se cadra, máis do que foi nestes derradeiros anos.
Non podería resumir toda esta miña vida pública no Concello en catro liñas. Podería aburrirvos contando anécdotas e batallas desde o ano 1999 cando tomei posesión da acta de concelleiro nun día de xuño coma este, hai 24 anos.
Coma un picariño entrei con 26 anos, da man de xente como Eduardo Gutiérrez, que foi unha das persoas que me inspirou nisto da “arte da guerra”, que é a política municipal. Mais aló dos encontros e desencontros que puideramos ter, gárdolle sempre un grato recordo. E isto fágoo extrapolable á relación con outras persoas, de dentro e de fóra do Concello, rivais políticos ou non ao longo destes anos. Ao cabo a vida, non é unha liña recta senón un continuo onde aprendes, trabúcaste, rectificas, etc. Todo isto sempre é bo, sempre que o fagas con honestidade e buscando o mellor para o interese público, ese valor superior que debe transcender incluso á obediencia partidaria.
E teño que dicir que aprendín, e moito, en toda esta etapa vital. Rodeado de xente impecablemente técnica e boa, como moitísimos funcionarios e funcionarias coas que tratei en todos estes anos. Algúns están hoxe aquí como o admirado Rodil, sempre eficaz e sempre atento, ou como o erudito en cuestións xurídicas, José Antonio Carro. Con esta lealdade mutua fixemos cousas marabillosas e démoslle, sen pretendelo, unha lección a moitas administracións, persoas, colectivos, etc. do que pode chegar a facer un Concello se se plantexa facelo, se non se arredra perante ninguén e se ten a vontade decidida. Porque coa razón vas a todos os sitios, pero coa razón e o dereito, un é imbatible. Ogallá o listón establecido en Ribadeo non quede onde está, senón que se eleve moito máis. Verase.
E o mesmo digo para o resto de persoal coa que traballamos. A confianza depositada, a non ocultación dos asuntos, o non enredar con cousas turbias, e o tentar tratar a todos por igual foi o que nos leva a irnos con tranquilidade e con satisfacción polo traballo feito.
Teño que dicirvos que neste periplo, tamén aprendín a poñerme nas botas do outro. Cambiei opinións previas e xeitos entender as cousas, pero tamén me reafirmei noutras. En fin, 20 anos dicía o tango de Gardel non é nada, pero se cadra, é unha vida.
Voume sen rancores e sen vendetas. Ás veces non fun comprendido noutras “elites orgánicas”, quizais porque nunca gobernaron ou simplemente porque non quixeron comprender as posibilidades de facer unha verdadeira “Realpolitik” nun pequeno Concello con alma de grande, e que transcenderon para todo o noso país.
Como dícia Frank Sinatra, algún arrepentimento tiven, pero moi poucos para mencionalos. Fixen o que tiña que facer e fíxeno sen excepción. Pero a diferenza da canción, non o fixen ao meu xeito, senón co concurso das compañeiras e compañeiros de goberno que me acompañaron ao longo de todos estes anos, e especialmente, como non, os que están a carón de min neste mandato. Aprendín moito deles, e con eles, e confío en seguir gozando da súa amizade e xenerosidade para sempre.
Agora, con discreción pechamos este derradeiro Pleno e ímonos coas mans limpas e baleiras, tal e como entramos, coa soa compaña das nosas familias e dos nosos amigos.
Aos que vos ides canda min, da vida política municipal, foi un pracer tratar convosco, e aos que o sábado encetades unha nova etapa, tanto no goberno como na oposición, deséxovos acertos, porque se os tedes serán tamén os dos 10.000 veciños e veciñas que vivimos e seguiremos a vivir neste marabilloso Concello, así como os outros milleiros que nos queren con tolura e que nos visitan arreo.
Loitade por el e traballade para ser dignos do cargo que ides ocupar. Pensade que na política municipal, como na vida, todo é temporal, e que ao cabo, só vos quedará a satisfacción interior ao marchar de poder dicir ou non: Coido que fun digno do cargo que ocupei e no servizo prestado aos nosos paisanos e paisanas que nos puxeron aquí.
Confésovos que tanto eu, coma os meus compañeiros, ímonos con ese sentimento de deber cumprido.
Mais nada, recibide todos e todas un cordial saúdo. Viva Ribadeo e viva Galiza Ceive.
Érguese a sesión”.




















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



