O conselleiro do Mar salientou que este tipo de actuacións contribúen a mellorar a calidade das augas en beneficio do medio ambiente, dos profesionais do mar e do conxunto da cidadanía
Viveiro, 31 de xullo de 2023. A Xunta avanza que as actuacións proxectadas para o saneamento da ría de Viveiro e do núcleo de Celeiro estarán rematadas este verán, logo dun investimento autonómico de case 8 M€. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañados do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisaron hoxe as obras de mellora do saneamento de Celeiro, que se atopan, dixeron, na súa recta final.
A conselleira de Infraestruturas puxo en valor o esforzo realizado pola Xunta para solucionar os problemas do sistema de saneamento e depuración das augas residuais de Viveiro e de Celeiro, pois, a pesar de ser unha competencia municipal, a Administración autonómica asumiu os trámites e o financiamento íntegro das actuacións.
En presenza dos representantes da Confraría de Pescadores de Celeiro, Ethel Vázquez lembrou a importancia da calidade das augas para o medio ambiente e para a calidade de vida dos veciños, ademais de para as actividades económicas como o turismo e, sobre todo, a pesca e o marisqueo.
Lembrou que o núcleo de Celeiro ten unha rede de saneamento municipal unitaria na que se mesturan as augas residuais domésticas coas industriais e as pluviais e son vertidas á ría sen pasar pola depuradora, recibindo só un pretratamento. Así, as augas tratadas na depuradora mestúranse coas augas só pretratadas de Celeiro e chegan ao mar en condicións biolóxicas mellorables.
Para solucionar esa situación, a Xunta deseñou dúas actuacións, a primeira das cales, consistente na mellora e ampliación da depuradora, está xa rematada e en servizo desde hai varios meses. Ethel Vázquez explicou que esa intervención, á que o Goberno galego destinou 4 M€, permitiu optimizar a planta e incrementar nun 50% a súa capacidade, de forma que, ademais de tratar as augas de Viveiro, poida asumir tamén a depuración das procedentes do núcleo de Celeiro.
Esa actuación incluía a renovación do pretratamento, polo que foi posible introducir xa unha mellora nas condicións de vertido das augas de Celeiro.
Para conseguir o obxectivo final, de incorporar esas augas residuais de Celeiro ao tratamento completo na depuradora, a Xunta deseñou unha segunda actuación, que supuxo tamén o investimento de case 4 M€.
A conselleira explicou que as obras do saneamento de Celeiro e de mellora da condución de vertido submarina da depuradora de Viveiro requiriron dunha tramitación moito máis longa e complexa, debido ás dificultades atopadas para obter a autorización da Dirección Xeral da Costa á execución do novo emisario.
Estas obras consistiron na construción dun conxunto de infraestruturas destinadas a recoller as obras residuais de Celeiro e xestionalas axeitadamente ata conducilas á depuradora para o seu completo tratamento. En concreto, proxectouse a execución da mellora do bombeo do Rego, cun novo desbaste previo; e un novo depósito de retención e nova impulsión de Celeiro ata a depuradora de Viveiro.
Ademais, executouse unha nova condución de vertido submarina da depuradora, con 850 metros de lonxitude que, segundo trasladou Ethel Vázquez, está xa completamente construída, conectada ao treito terrestre e en funcionamento, ademais de terse retirado o vello emisario, que estaba deteriorado.
En relación co resto das obras, a conselleira explicou que se atopan practicamente finalizadas, coas conducións e as estruturas xa executadas, e pendentes só de concluír algún forxado, acabados interiores, remates e obras de urbanización e xardinería, ademais da instalación e proba de equipos.
Destacou que, pola información que achegan os responsables das obras, a previsión é que o conxunto dos traballos poida estar completamente finalizado en setembro, polo que considerou unha boa nova que o saneamento da ría de Viveiro e do núcleo de Celeiro poida culminar este verán grazas a un investimento da Xunta de case 8 M€.
As actuacións de saneamento da ría de Viveiro e do núcleo de Celeiro están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.
Ethel Vázquez lembrou o esforzo realizado pola Xunta para axudar ao Concello de Viveiro nas súas competencias e solucionar os problemas do sistema de saneamento, o que requiriu moito traballo para a superación dos trámites e para conseguir o financiamento. Por ese motivo, reclamou que cando estas infraestruturas pasen a mans municipais, atopen no Concello de Viveiro a mesma implicación para xestionalas e conservalas de forma axeitada
O conselleiro do Mar, pola súa banda, puxo en valor as actuacións que está a realizar a Xunta en Viveiro para mellorar o saneamento da ría pois contribúen a mellorar a calidade das augas en beneficio do medio ambiente, dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro e do conxunto da cidadanía. As obras desenvolvidas neste eido polo Goberno galego desde 2009 permitiron mellorar a clasificación microbiolóxica de preto de 40 zonas de produción de moluscos bivalvos do litoral de Galicia, facilitando así o labor dos traballadores do mar.






















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



