Cervo, 29 de xullo, 2023. Un día, no que, tal e como precisou a rexedora Dolores García Caramés, “lle devolvemos un anaquiño desa xenerosidade e dedicación ao noso municipio, porque Nardo foi un veciño exemplar sempre comprometido co seu pobo, e tremendamente entregado ao desenvolvemento de Cervo en todas as facetas”.
Neste venres celebramos o pleno extraordinario no que a alcaldesa lle entregou á familia os atributos correspondentes polo seu nomeamento como fillo adoptivo do Concello de Cervo, ante un auditorio cheo de amigos, veciños e familiares de Nardo. Un día no que se viviron momentos certamente emotivos “que quedarán gravados no noso recordo para sempre”.
Unha proposta -recordou Caramés- que naceu dun xeito moi bonito, xa que partiu do tecido asociativo, en concreto da asociación Mulleres de San Ciprián, a quen felicitou pola proposta, “que conseguiu aglutinar un sentimento compartido por unha ampla representación das asociacións do noso concello que xuntas promoveron este nomeamento, devolvéndolle así en parte esa dedicación por Cervo”.
Nardo foi desde logo un veciño excepcional que soubo aproveitar a súa experiencia vital para compartir con outros o seu tempo e os seus recursos, sen agardar nada a cambio. Foi desde logo un home dinámico, traballador, unha persoa de notable éxito, que xerou postos de traballo e riqueza no noso concello; “revertindo unha parte importante de todo ese éxito profesional no noso pobo, nos veciños e veciñas de Cervo. Persoa autodidacta, emprendedora, constante, con mentalidade avanzada e espírito filantrópico”.
Nardo, foi sen dúbida un home que deixou unha pegada imborrable e a partir de agora esta praza, centro neurálxico de San Ciprián, dinámica e chea de actividade, que representa á perfección o legado que nos deixou levará o seu nome, apuntou a rexedora, “un lugar singular, dedicado a un veciño singular feito a si mesmo, que se dedicou a servir, simplemente, ao seu pobo”
En representación da asoc. Mulleres de San Ciprián, interviu a súa Presidenta, Amparo Pernas, que tamén recordou con moito cariño a figura de Nardo nunha prazoleta ateigada de amigos e veciños, “unha praza que a partir de agora estará presidida por este veciño exemplar, a través dunha placa de bronce gravada altruístamente por Anxel Cao, a quen lle temos que agradecer moito este xesto” -que xunto ao seu fillo Telmo Cao realizou a peza-.
Unha placa que está elaborada -explicou- con bronce fundido procedente do propio taller de Nardo, polo que aínda ten máis valor se cabe. Porque ese taller foi onde Nardo comezou desde cero, con moitísimo traballo e esforzo, creando unha pequena empresa que foi quen de diversificar no ámbito da fabricación mecánica, naval e do automóbil.
Polo que un anaco desa parte tan importante da súa vida, tamén permanecerá para sempre aquí nesta Praza. A Praza NARDO MARTÍNEZ





















Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.



