Pode visitarse no Auditorio Pascual Veiga ata o sábado, 30 en horario de luns a venres de 16.00 a 21.00h e os sábados, todo o día
Mondoñedo, 1 de setembro de 2023. “A figura de Juana de Vega non se entendería sen a referencia de seu pai, o mindoniense Juan Antonio de la Vega González”, destacou hoxe o escritor e historiador Xosé Ramón Veiga durante a inauguración en Mondoñedo da exposición conmemorativa “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século” promovida pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do pasamento da mecenas e filántropa. A mostra itinerante, que está percorrendo Galicia, permanecerá na vila durante todo o mes de setembro tras pasar por Monforte de Lemos, terra natal da nai.
O evento contou tamén coa asistencia do alcalde, Manuel Otero Legide; e de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega. Xosé Ramón Veiga, autor da última biografía sobre Juana de Vega, que leva o mesmo título ca exposición, foi o encargado de presentar o seu vínculo con Mondoñedo a través da figura de seu pai. Neste sentido, Otero Legide, ademais de agradecerlle á Fundación a oportunidade de contar con Mondoñedo, valorou a mostra como unha boa ocasión para coñecer a relevancia histórica do seu antigo veciño.
O mindoniense Juan Antonio de la Vega González, fillo de solteira de María Bárbara González e orfo de nai con 8 anos, emigrou a Cuba con 14, onde amasou unha mediana fortuna. Tras casar coa monfortina María Josefa Martínez Losada, asentouse na cidade da Coruña con 27 anos e abriu unha casa de comercio para venda de produtos de ultramar e do Mediterráneo, entre outras empresas, que lle permitiron formar parte da burguesía de negocios herculina. Esta solvente situación económica, xunto coas súas ideas constitucionais -está considerado un dos primeiros liberais galegos-, impulsaron a educación e a formación ilustrada da súa filla, pouco común para as mulleres da súa época, ao tempo que espertaba o seu gusto pola lectura e a súa vocación política. Na etapa adulta, xa casada con Espoz y Mina, acompañou a Juana no exilio en Gran Bretaña, e tras a morte do xeneral, ata o seu falecemento en 1839.
A exposición “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872): Facer no século” é un relato sobre a historia desta muller ilustre, que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social. Progresista e liberal, foi unha avanzada para a súa época, e deixou unha gran pegada non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e no resto do Estado. Neste sentido, Enrique Sáez Ponte recordou que “Juana de Vega foi a muller con maior relevancia política na España do s. XIX e exemplo sobranceiro do importante papel que as mulleres xogaron na Galicia da Idade Contemporánea”.
Todos aqueles interesados en visitar a exposición desta importante figura da historia de Galicia e España, poden achegarse ao Auditorio Pascual Veiga ata o sábado, 30 en horario de luns a venres de 16.00 a 21.00h e os sábados, de 9.00 a 14.00h e de 16.00 a 21.00h.
Resumo dunha vida intensa en 20 paneis
Na mostra, distribuída en 20 paneis, percórrense as andanzas da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX, o seu casamento co heroe da Guerra de Independencia, Francisco Espoz y Mina, e o seu matrimonio. Tamén o exilio, os ataques sufridos polo militar navarro e a súa morte, que a converten na “viúva eterna”. Mais isto non foi óbice para que desenvolvese a súa faceta humana e intelectual ao longo dos anos. Desde a súa función como aia da raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para acadar sempre o fin de axudar aos máis necesitados.
A Asociación de Señoras, o Hospital da Caridade, o Asilo da Mendicidade e a Casa da Misericordia son algunhas das institucións que contribúe a crear e, sobre todo, manter. Juana de Vega tamén participou activamente nas iniciativas políticas liberais que se deron na cidade herculina e Galicia. Polo seu parladoiro da rúa Real pasaron políticos, xornalistas e intelectuais. Persoeiros como José Pardo Bazán, Vicente Alsina, Hipólito Otero, Montero Telinge ou Arias Uría atopábanse entre as súas amizades. A súa implicación, sempre informal, no manexo das decisións políticas que afectan aos progresistas herculinos continúa como mínimo ata 1868, mais tamén os seus contactos cos primeiros espadas do partido a nivel estatal, en especial con Salustiano Olózaga.
Foi considerada como unha heroína pola súa loita contra o cólera, unha das doenzas máis mortíferas do século. Tamén destacou na defensa da memoria do seu defunto marido, preservando o seu legado e protexendo o seu recordo. Juana morre o 22 de xuño de 1872 con 67 anos. Deixa un testamento detallado e sistemático. As súas últimas vontades inclúen o reparto ben ordenado dos seus bens entre familiares, amizades moi queridas e diferentes institucións.
Remata a exposición cunha referencia á Fundación Juana de Vega, que foi constituída por vía testamentaria co obxectivo de crear unha escola teórico-práctica de agricultura na casa de verán en San Pedro de Nós en Oleiros (A Coruña). Hoxe, despois de 150 anos, continúa o seu legado adaptando o seu cometido á sociedade actual.
Esta exposición itinerante, organizada pola Fundación Juana de Vega, conta co patrocinio da Consellería de Cultura, e a colaboración do Concello de Mondoñedo e máis dunha vintena de institucións públicas e privadas que durante este século e medio gardaron, conservaron e catalogaron os fondos que tan xenerosamente Juana de Vega nos legou.























Actuarán Carlos Ares, Celia Becks, Futuro Alcalde e Alcalá Norte, e o sábado será a quenda de La M.O.D.A., Ángel Stanich, Puño Dragón e Repion. López destacou o impacto económico do festival, cun retorno estimado dun millón de euros, mentres que Rouco subliñou a súa importancia turística e a achega municipal de 120.000 €.
O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.



