Ribadeo, 23 de outubro de 2023. O salón de plenos acolleu o acto de sinatura dos convenios entre o Concello e os clubs deportivos locais. A partida destinada a este fin é de máis de 120.000 euros. Ao acto asistiron o alcalde, Dani Vega, e o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent.
O rexedor subliñou que “o Concello de Ribadeo inviste no seu deporte máis de 120.000 euros, unha cantidade importante, que seguramente que para as entidades non é suficiente, pero saben perfectamente que estamos a facer un grande sacrificio, un gran respaldo económico e tamén apoio técnico”.
Para Dani Vega “o primeiro que debemos facer desde o Concello, desde a responsabilidade, é dar as grazas a todas as entidades deportivas: facedes grande Ribadeo, cada día máis grande, e sentímonos orgullosos de todos os nosos deportistas. E hai que seguir apoiándoos”.
O alcalde manifestou que “desde un punto de vista orzamentario imos seguir apoiándovos e desde un punto de vista técnico tamén. Hai que resaltar o grande traballo que fai Iván, que é o noso técnico de Deportes, un traballo moi importante que ás veces non sabemos valorar, pero que sen el sería imposible que isto se coordinara tan ben. E tamén quero felicitar a Silvent, ao concelleiro, porque con Iván se coordinan perfectamente e están sacando as cousas para adiante, que é o importante”.
Vega dixo: “investimos máis de 120.000 euros e seguiremos desde o Concello incrementando esa cantidade orzamentaria, dentro das nosas posibilidades. E o que hai que destacar o grande traballo que estamos a realizar desde o Concello de Ribadeo”.
O concelleiro de Deportes declarou que “desde o Concello de Ribadeo apoiamos e seguiremos apoiando aos nosos clubs e asociacións deportivas de diversas modalidades como fútbol, fútbol sala, baloncesto, atletismo, remo, piragüismo ou hockey, entre outras”.
Silvent explicou que “nestes momentos asinamos os convenios cos que apoiamos economicamente aos clubs, pero tamén queremos destacar que tentamos axudar a todos os clubs en calquera problema que lles xurda diariamente”.
O concelleiro de Deportes dixo que “desde o Concello abrimos as portas a calquera modalidade deportiva que aumente a grande oferta que temos no noso pobo”.