Riveira lembra que “a Xunta aporta neste 2023 para o SAF, adiantando un ano con respecto ao comprometido coa FEGAMP para 2024, 12€/hora” e pagou nos tres primeiros trimestres desta ano máis de 400.500 euros
Xermade, 27 de novembro de 2023. O PP de Xermade insiste en solicitar ao goberno local a revisión do contrato do servizo de axuda no fogar (SAF) co obxectivo de garantir a mellora do servizo: tanto na atención ás persoas usuarios coma nas condicións laborais das traballadoras.
O voceiro, Antonio Riveira, explica que o contrato foi asinado en agosto do 2019 e, polo tanto, considera que “está desfasado” en canto a prezos e horas contratadas que “se deberían ir revisando en función da demanda”. De feito, a finais do pasado mes de outubro xa eran máis de 50 as persoas en lista de agarda; unha situación que “condenamos dende o Grupo Municipal Popular e para a que pedimos medidas urxentes”.
As deficiencias no servizo e a situación precaria das traballadoras foron obxecto de queixas por parte de familiares de usuarios e usuarias do servizo de atención a dependentes; xa que “nas ocasións nas que non hai persoal dispoñible para prestar o servizo, as familias teñen que buscar outros recursos para suplir a falta de servizo”.
Os populares lamentan, pois, que “o alcalde nunca quixera revisar o contrato: nin sequera cando as traballadoras fixeran folga, a pesar de que el mesmo acudiu ás manifestacións para mellora as condicións laborais das traballadoras do SAF”.
APOIOS DA XUNTA
A Xunta de Galicia incrementou no 2023 o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar ata os 12€/hora para axudar aos concellos na prestación deste servizo de competencia municipal. Deste xeito, o Goberno galego adianta un ano o compromiso acadado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) de chegar a esa achega por hora no 2024.
Concretamente, a Xunta ten aportado nos tres primeiros trimestres deste 2023 máis de 400.500 euros ao Concello de Xermade polo SAF.





















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



