A institución provincial ofrecerá grazas ao Orzamento, que sube un 5,32%, máis servizos públicos e favorecerá o dinamismo económico da provincia, sobre todo no rural
Lugo, 26 de novembro de 2023. O Goberno provincial aprobou definitivamente no Pleno ordinario deste martes os Orzamentos da Deputación de Lugo para o ano 2024, que poderán entrar en vigor desta forma o vindeiro día 1 de xaneiro. A institución contará con 116M€, un 5,32% máis ca neste 2023, para ofrecer máis servizos públicos e favorecer o dinamismo económico da provincia, sobre todo no rural.
O presuposto saíu adiante, pois, seguindo o informe do servizo de Intervención, desestimáronse as dúas únicas reclamacións presentadas ao mesmo durante o período de exposición pública -unha polo Alcalde de Becerreá e outra pola Plataforma Pro Residencia da localidade-, dado que “xa existe crédito orzamentario para dotar de equipamento e seguir avanzando cara a apertura do centro coa incorporación de remanentes”.
Así o explicou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, quen, aludindo ao informe de Intervención, lembrou que o convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Becerreá para a construción da residencia contempla a aplicación das baixas das licitacións ao propio centro, e que “os remanentes á data actual ascenden a 1.318.781,98€”. Así mesmo, “existe unha dotación de 300.000€ no Orzamento dispoñible de ser preciso”.
García Bermúdez lanzou unha “mensaxe de tranquilidade” aos veciños e veciñas de Becerreá porque “este Goberno cumpre”. Así o demostra, incidiu, coa apertura no pasado mandato de seis centros de atención a maiores, co que a día de hoxe conta con 9 en funcionamento. Ademais, ten dúas residencias en construción, e avanza no procedemento para abrir a de Becerreá e outras 6, co que completará a rede de 18 previstas.
“O PP levounos ao xulgado para que non abriramos as residencias”
“Queda de manifesto o firme compromiso que temos no Goberno”, subliñou a Deputada mentres a Xunta non abriu “nin unha soa residencia pública en 15 anos con Feióo e con Rueda”, e o PP “levounos ao xulgado para que non abríramos estes centros de atención aos maiores, e seguen enredando. Son capaces de todo, pero saíulles mal. Nós seguimos gobernando e vostedes, na oposición”. “Deberían pedir perdón por deixar un país cos servizos públicos desmantelados, pensando única e exclusivamente en facer negocio porque confunden o público co privado”, asegurou.
Os presupostos da Deputación para o ano 2024, recalcou, “servirán para seguir dando resposta a unha das maiores preocupacións da veciñanza, como é a atención aos nosos maiores”. De feito, as políticas sociais concentran un terzo do total dos fondos previstos, ata alcanzar os 38M€, o que supón un 3% máis ca neste ano.