Ribadeo, 11 de decembro de 2023. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra o sábado, 16 de decembro, ás 11:30 e 18:00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval o seu tradicional Festival de Nadal, dentro dos actos do 30 aniversario do centro. Na sesión da mañá será o alumnado máis pequeno do centro o que participe. Xa na sesión da tarde serán as grandes agrupacións das diferentes especialidades instrumentais e de danza.
No repertorio deste ano non faltan as panxoliñas pero tamén hai cabida para outros ritmos como a música moderna ou a tradicional. “O de Nadal é, xunto con fin de curso, o festival que máis éxito ten tanto entre o alumnado coma entre o público de aí que cada ano procuremos ofrecer cousas novas tanto a nivel de repertorio coma de posta en escena”, explica Hugo García, responsable da EMMeD.
Pero, sen dúbida, o aspecto máis destacado do Festival de Nadal, tal e como acontecera en cursos anteriores, é a súa vertente solidaria. García subliña que “ao longo de toda a semana, desde hoxe luns 11 e ata o propio sábado 16, a EMMeD de Ribadeo realizará unha recollida de produtos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns…) para entregar ao departamento de Servizos Sociais do Concello co fin de que sexan distribuídos entre familias con escasos recursos do concello. Queremos agradecer de antemán, a toda a veciñanza que, na medida das súas posibilidades, fagan unha achega a esta recollida de alimentos, pois cun pouco de cada unha de nós axudaremos a moitas persoas”.
O responsable da EMMeD sinala que “unha das apostas da EMMeD de Ribadeo é achegar durante todo o curso ao alumnado valores que vaian máis aló do estritamente musical, de aí a inclusión no currículo académico do centro de aspectos como a solidariedade, a igualdade ou a loita contra a discriminación de calquera tipo”.
A concelleira de Educación e Cultura, Begoña Sanjurjo, anima a participar “primeiramente na recollida solidaria para que en ningún fogar de Ribadeo falten os produtos típicos destas datas. Queremos que todas e todos poidamos gozar e saborear o Nadal da mellor forma posible. E tamén quero animar á veciñanza de Ribadeo e da contorna a achegarse o vindeiro sábado ata o Auditorio Municipal para disfrutar do Festival de Nadal que ten preparada a EMMeD e no que poderemos apreciar todo o traballo desenvolvido estes meses polo alumnado e polo profesorado”.
























A representación terá lugar este sábado día 18, ás 19:30 horas, no local social da Asociación de Veciños de Marzán, un dos destinos habituais nas xiras anuais da compañía. O Centiño mantén así a tradición de visitar este espazo, onde agarda compartir co público unha tarde divertida e chea de humor. A agrupación teatral continúa así coa difusión da súa nova obra, que segue a percorrer diferentes escenarios da comarca.
Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.



