A área de Cultura programou 128 representacións de 32 compañías ao abeiro desta iniciativa, que cumpre 15 edicións
Lugo, 27 de decembro de 2023. Representacións en Cospeito, Mondoñedo, O Corgo e A Pastoriza pechan por este ano o Circuíto de Teatro Afeccionado organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que programou 128 representacións de 32 compañías no último semestre do ano.
A deputada de Cultura, Iria Castro, convidou a asistir a estas últimas funcións -o venres e o sábado- e destacou a importancia do circuíto na programación cultural dos concellos, lembrando que “chegamos a medio cento de concellos, espallando o teatro e a cultura por todo o territorio, atendendo especialmente aos municipios do rural”.
A responsábel provincial agradeceu tamén “a implicación das compañías de teatro que formaron parte desta edición” e valorou que este ano “aumentaron en tres as compañías e en máis de 40 as representacións. Isto confirma a importancia da rede creativa que se forma arredor das compañías de teatro afeccionado, non só polo seu traballo na escena, se non tamén por canalizar a creatividade e as inquedanzas culturais de toda a sociedade”.
128 representacións de 32 compañías
O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo arrancou a finais de xuño cun calendario que incluía 128 representacións de 32 compañías amadoras que suman máis de 300 actores e actrices: Asociación Cultural Abrente (As Nogais), Alentía Teatro (Palas de Rei), Metátese Teatro (Palas de Rei), Grupo de Teatro da Biblioteca Municipal de Antas de Ulla, Falcatrueiros (Monterroso), Argalleiras (Chantada), Teatreiras (Monforte), Viraventos (Monforte), Hipócrita Teatro (Lugo), Grupo de Teatro do Hospital – HULA (Lugo), Os Palimoquiños (Lugo), Nova Escena (Lugo), Curuxan Teatro Impro (Lugo), Grupo de Teatro Down (Lugo), Os Pinchacarneiros (Lugo), Lume Escénico (A Pontenova), O Centiño (Foz), O Torques (Burela), Pico do Castro (Foz), A Mariña (Cervo), A Adala (Foz), Colectivo Cultural Ollomao (Barreiros), Bordelo (Cervo), Borguete Teatro (Vilalba), Os Trocos (Castro de Rei), Os Baluros (Castro de Rei), Rebuldeira (Sarria), Ardora (Cervo), 57 Palabras (Viveiro, A Adala Futura (Foz),Os Pícaros da Lagoa (Alfoz) e Grupo Humorístico Trípode (Alfoz).
O Circuíto de Teatro Afeccionado xurdiu en 2008 como Buxiganga, sentando as bases dunha rede de compañías de teatro afeccionado que foi medrando e consolidándose nestes quince anos, e gañando terreo nas programacións dos concellos.
Axenda e notas sobre as obras da fin de semana
O covid do mariñán (O BORDELO)
Venres, 29 de decembro | 20:30h | AUDITORIO (MONDOÑEDO)
Comedia. Todos os públicos.
Autoría: Francisco Piñeiro González.
Dirección: Francisco Piñeiro González.
Duración: 90 min.
Sinopse:
A causa da pandemia, o protagonista desta historia desapareceu durante dous anos, retornando desorientado ante o asombro da veciñanza. A nova concepción de vida que trae consigo aposta por resolver os problemas da sociedade con novos enfoques e valores que os demais non acertan a comprender. O conflicto entre un e outros leva á reflexión, saíndo a relucir verdades que queiman e asfixian á colectividade. Esta comedia ten a intención de activar os valores que dun tempo a esta parte foron perdendo o seu lugar na civilización. Porque para acadar o que se quere, non todo vale.
O velorio (BORGUETE TEATRO)
Venres, 29 de decembro | 22:00h | IGREXA VELLA DE MUIMENTA (COSPEITO)
Comedia. Todos os públicos
Autoría: adaptación da obra Os cravos de prata de Nicolás Bela.
Dirección: Guillermo Cancelo
Duración: 60 min.
Sinopse:
Pat O’Connor é un terratenente enfermo que, nos seus aparentes derradeiros días de vida, planifica o seu propio velorio por todo o alto, sen ter en conta que tamaño estipendio podería supoñer o endebedamento da súa familia, a cal non está pola labor, e que desencadeará unha serie de situacións de difícil solución.
O velorio (BORGUETE TEATRO)
Sábado, 30 de decembro | 20:30h | LOCAL SOCIAL DE CELA (O CORGO)
Comedia. Todos os públicos
Autoría: adaptación da obra Os cravos de prata de Nicolás Bela.
Dirección: Guillermo Cancelo
Duración: 60 min.
Sinopse:
Pat O’Connor é un terratenente enfermo que, nos seus aparentes derradeiros días de vida, planifica o seu propio velorio por todo o alto, sen ter en conta que tamaño estipendio podería supoñer o endebedamento da súa familia, a cal non está pola labor, e que desencadeará unha serie de situacións de difícil solución.
Pan con chocolate (COLECTIVO CULTURAL OLLOMAO)
Sábado, 30 de decembro | 21:00h | CASA MARIÑA FOLGUEIRA (A PASTORIZA)
Comedia. Todos os públicos
Autoría: Colectivo Cultural Ollomao
Dirección: Ramón Casas
Duración: 75 min.
Sinopse:
Tres “nenos” e tres “nenas” que se acaban de retirar, reúnense para celebrar a xubilación da máis nova dos seis, non podendo evitar recordar as cousas da vida de cando eran pequenos. Así, pouco a pouco, van saíndo temas que a todos nos resultan familiares. Lembranzas ás veces felices e ás veces moi tristes, pero que desde a perspectiva do tempo vanse suavizando. “Por moi mal que o teñas pasado cando eras nova, cando volves a vista atrás, recordas aqueles anos con tenrura, con agarimo, con nostalxia, eu que sei…” O caso é que cando nos xuntamos tres ou catro persoas da mesma xeración é inevitable que nos poñamos a rememorar cousas do pasado. E aos que andan por riba dos 60, sempre, sempre, sempre, se lles van vir á cabeza aquelas merendas de pan con chocolate.




















A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.



